Pedimos a Xuntos que aclare se está con David Castro ou coa oposición.

NOTA: o seguinte comunicado de prensa, e antes o escrito remitido a Ramiro Lorenzo dende a nosa formación pedíndolle que mentres estivese negociando co PP se mantivera ao marxe do traballo do Grupo Mixto que comparte con Somos Ribadumia e con BNG, foron mandados antes de saber que Ramiro Lorenzo, non sabemos se a título persoal ou como decisión do seu partido, xa ten un acordo con David Castro “pendente de poñer nun papel e asinar” . Compartimos o comunicado sen cambiar nada igualmente por dous motivos:

reafirma a nosa posición, e demostra que alguén leva meses mentindo, pois cando Ramiro Lorenzo recibiu o noso escrito e emitíu a súa resposta o pasado mércores o trato con David Castro xa estaba pechado. Non compartimos nin avalamos a xestión de David Castro, e polo tanto non podemos compartir espazo, moito menos información, con persoas que si avalan esa xestión ata o punto de estar dispostos a incorporarse ao goberno do señor Castro.

mantemos a nosa posición de colaborar con calquera formación ou persoas que estean interesadas en traballar por Ribadumia.

++++++++++++++++++++++++++++++++++

  •     Xuntos fixo público que está negociando integrarse no partido de David Castro,

·       O Concelleiro de Xuntos forma parte do  Grupo Mixto con Somos Ribadumia e BNG, e iso ten implicacións.

·       Non se pode  formar grupo con partidos da oposición e so tempo negociando integrarse no goberno.

·       Todo o respecto polas decisións doutros partidos, pero pedimos  o mesmo respecto institucional.

     Fai uns días facíase público que Xuntos, a formación nacida logo do retorno de David Castro ao  PP, estaba negociando a súa reintegración no Partido Popular.

   Dende a nosa formación non nos corresponde  valorar as decisións doutros partidos,  nin sequera dun que nas  súas filas inclúe a persoas moi maltratadas polo Partido Popular e polo propio David Castro, e que precisamente se presentou contra David Castro. En calquera caso será esa formación e no seu caso o seu Concelleiro quen deba explicarlle aos seus votantes ese cambio despois de todo o vivido, e tamén o seu prezo. Pero  en calquera caso Xuntos debe entender que  na rúa creou unha situación de incomprensión ao facer público que está negociando reincorporarse ao PP, e dentro da corporación, que é o que nos compete a Somos  Ribadumia, creou unha situación moi incómoda.

   Xuntos non ten grupo propio na Corporación. Está integrado con Somos Ribadumia e BNG  no denominado Grupo Mixto. Isto non tería moito problema, máis aló do reparto dos escasos fondos municipais que corresponden para a actividades  política, senón fóra porque debido a un exercicio de recorte de democracia por parte de  David Castro, estamos obrigados a repartirnos entre as tres forzas que conformamos ese Grupo Mixto as Comisións Informativas, pois unicamente temos unha cadeira en cada unha das nove Comisións, ademais de irnos alternando nas  Xuntas de Voceiros. Isto crea agora un problema, porque dende a nosa formación, como é comprensible, temos que ter a certeza e seguridade de que a persoa que vai a unha Comisión Informativa representándonos a todos vai expor as cuestións e realizar as consultas que os outros partidos lle solicitemos e no caso de votacións respectar os ditados que decidan entre os dous concelleiros e a concelleira que nos representan aos tres partidos, como tamén en determinados casos falar en nome de todo o grupo. Iso xa non é fácil en partidos de diferente ideario ou estratexias políticas, pero faise imposible  compartir coa necesaria confianza espazo cun partido que xa anunciou boa sintonía co partido que ten o goberno e estar negociando reintegrarse nel.

  Dende o  noso punto de vista, se Xuntos ou o seu concelleiro  queren  negociar co señor  Castro , deberían cando menos amosar un mínimo respecto polos outros partidos cos que comparten o Grupo Mixto e renunciar, cando menos en tanto non rematen as súaa negociacións co PP, que parecen estar moi avanzadas,  a súa participación das Comisión Informáticas, ás que en calquera caso de momento o goberno local permite acudir de oíntes aos concelleiros e concelleiras non designados nas mesmas.

A resposta de Ramiro Lorenzo.

  Todo isto que  estamos comentando fixémosllo chegar ao Concelleiro de Xuntos  nun escrito onde tamén deixamos moi claro que a nosa posición é a de colaborar con todas as forzas que queiran un cambio de rumbo político no Concello, moi necesario á vista de como se ven desenvolvendo o goberno do Señor Castro, respectando as posicións dos demais, pero tamén asumindo que na situación actual os partidos que queiramos darlle a volta  ao goberno e a como se xestiona o nosos Concello,  non podemos ir da man de quen está investigado por prevaricación nin de quen  oculta información e documentación á oposición,  e trasladándolle a nosa vontade de sentarnos a establecer unha folla de traballo para desenvolvernos no lugar que nos corresponde por vontade popular, que é a oposición, compartindo dentro do grupo mixto traballos e información.

   A resposta, asinada polo Concelleiro Ramiro Lorenzo, sorprendentemente non se fixo agardar. Non a imos a valorar no detalle, porque nos parece que o Concelleiro nin acertou o ton e as formas, nin algunhas cousas que expresa se corresponden coa realidade. Pero en conxunto dounos a entender que todo vai seguir como ata agora. A pesar disto, polo ton  do que expón na súa resposta,  temos que pensar que o acordo con David está xa moi avanzado, o cal nos deixa nunha situación complexa, cun concelleiro asimilado  polo  goberno actuando  dende a oposición.

  Dende a nosa formación queremos trasladar un chamamento público ás persoas que conforman Xuntos por Ribadumia para que aclaren se se integran no Partido Popular ou non.   De ser así pedímoslle que asuman as súas responsabilidades no que compete ao espazo que comparten con  Somos Ribadumia e BNG. De non ser así, nos seguimos abertos a traballar e colaborar con quen queira construír outra Ribadumia distinta, dende a seriedade e o respecto polos  funcionamentos democráticos, respectando as diferencias e poñendo en valor as cousas que nos son comúns.

Deixar un comentario