Esiximos explicacións públicas a David Castro e a Miguel Castro pola situación xudicial na que están inmersos.

  • David Castro chamado a declarar como investigado por un presunto delito de prevaricación.
  • Miguel Castro tamén esta chamado a declarar.
  • Esiximos explicacións públicas inmediatas, logo de ocultarlle a situación ao Pleno a pesar de ser preguntado pola situación xudicial do Concello.
  • Algo cheira mal na Festa do Tinto dende fai anos.

     Dende Somos Ribadumia vimos de ter constancia pola prensa, ao igual que boa parte da veciñanza, de que David Castro  está chamado a declarar este próximo luns como investigado por un presunto delito de prevaricación relacionado cos permisos para a instalación de terrazas durante a Festa do Tinto do ano 2024.

   Que había certa problemática coas terrazas na última festa non nos era algo alleo, pois durante as festas producíronse varias denuncias da garda civil, ás que dende a nosa formación lle estabamos facendo un seguimento para ver como se resolvía a situación, aínda que coa información que apareceu no rexistro todo apuntaba a unha cuestión administrativa, relacionada maiormente con incumprimentos de horarios. Só nun caso o noso Concelleiro Sergio Soutelo detectou máis entrada de documentación e requirimentos de carácter xudicial, pero non eramos coñecedores de que o proceso tivera unha viraxe no senso de que houbese unha posible  actuación ilegal  por parte de David Castro.

   E non eramos os únicos que sabiamos que algún problema había, pois outras formacións xa preguntaron en Plenos anteriores , a última vez no  Pleno deste pasado xoves onde dende as filas socialistas se  lle preguntou a David Castro especificamente sobre a situación xudicial do Concello, e David Castro, sabendo que este luns ten que ir a declarar como investigado, ocultou a realidade ao Pleno e á veciñanza, sendo un tema tan grave e que ademais afecta ao seu compañeiro de filas Miguel Castro, e a unha traballadora do Concello.

   A Festa do Tinto leva anos con  sombras, algunhas delas, como o número de persoas que cada ano acude gratis a comer ao Xantar de Confraternidade, xeran moitas dubidas sobre o uso que se da a ese xantar e aos cartos públicos, doutras relacionadas coa xestión da propia festa xa temos tamén expresado a nosa opinión, como tamén recordamos a festa en pandemia na casa do alcalde precisamente un venres do tinto logo da actuación duns grupos de cantos de taberna.

En calquera caso é moi preocupante que o nome de Ribadumia e do noso evento máis importante saian nos medios por este tipo de cuestións que danan a súa imaxe.

 Resulta totalmente inaceptable que David Castro oculte esta situación, polo que esiximos que de maneira inmediata compareza publicamente e dea as explicacións pertinentes, con total transparencia. E dende logo, esixiremos as responsabilidades políticas pertinentes como se confirme algún tipo de actuación incorrecta ou ilegal.

Deixar un comentario