Lamentamos o retroceso na solución aos verquidos no Umia.

 

  • As respostas e solucións aportadas implican asumir que o novo bombeo  foi un fiasco
  • Retorno ao punto de partida de 2016, sen solucións claras e sen que ninguén asuma responsabilidades.
  • David Castro ausente da xuntanza que el mesmo solicitou. Inaceptable.

   Esta semana produciuse a xuntanza solicitada polo presidente da Mancomunidade, David Castro, entre ese ente e Augas de Galicia, para analizar o problema dos verquidos do bombeo de Cabanelas.

  O primeiro que debemos lamentar é o inaceptable comportamento de David Castro, que non participou na xuntanza que el mesmo solicitou, na cal ademais  se  tratou un asunto de gravidade  que afecta directamente ao noso Concello. Tampouco nos parece de recibo que non asistise a Conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vazquez, ou Gonzalo Durán, que ata agora aparecía para todas as fotos e anuncios relacionados con este tema.

  En todo caso o máis inaceptable é a ausencia do presidente da Mancomunidade. Como sempre David Castro, cando debe estar, non está.  Dende o noso punto de vista, este comportamento, ademais de irresponsable é unha tomadura de pelo á propia mancomunidade e a toda a veciñanza, polo cal debería dimitir como Presidente da Mancomunidade de  maneira inmediata, pero asumimos que non o vai facer porque carece de calquera ética ou moral e só quere ser presidente para intentar mellorar a súa imaxe pública, algo que por certo está lonxe de lograr con esas actitudes, do mesmo xeito que o PP sigue sen poñer orde no despropósito no que se converteu o PP  a nivel comarcal, con alcaldes enfrontados, cargos que van por libre,  e outros que non aparecen nin para dar a cara ante a veciñanza.

Do que transcendeu desa xuntanza, dende a nosa formación non podemos aceptar que que despois de gastar 950.000 € se nos diga que agora hai que analizar as redes de saneamento. Nós temos moi boa memoria, e para o caso a hemeroteca está aí. Suponse que tanto Augas de Galicia como a empresa concesionaria xa analizaron a rede de saneamento como tamén se supón que cando se elaborou o proxecto para o cambio do bombeo se fixeron os estudos e cálculos correspondentes para que esa obra solucionase o problema, e de feito recordemos que a obra anunciouse en todo momento como a solución aos verquidos, algo que está moi lonxe de ter acontecido.

  Así pois todo o que está dicindo agora, que hai que analizar a rede de saneamento ou que hai que tomar medidas contra as industrias contaminantes resulta inaceptable por que non é nada novo, por que implica asumir que a obra foi un fiasco monumental e porque nos leva  de volta ao ano 2016, supoñendo unha perda de cómo mínimo nove anos. E veremos canto tarda a solución en chegar, ou se finalmente se toman medidas efectivas contra as empresas contaminantes, cousa que dubidamos, polo que resulta de todo inaceptable que non se depuren responsabilidades políticas.

  Dende Somos Ribadumia volvemos insistir en que todo isto é unha  cara tomadura de pelo, que deu como resultado un verquido continuo ao río Umia sen que ninguén se faga cargo nin asuma consecuencias e con cargos políticos, como David Castro, Alcalde de Ribadumia e Presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, autoproclamado impulsor do proxecto de renovación do bombeo de Cabanelas como ”solución definitiva” ou a Conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vazquez, desaparecidos.

E polo tanto, volvemos esixir responsabilidades políticas e solucións inmediatas e concretas.

Deixar un comentario