Inútil visita da furgoneta do Plan +Renovables e de  Javier Touris a Ribadumia.

  • Non se informou á corporación nin a veciñanza da data da  visita.
  • Non se deu información precisa sobre o contido visita nin se contou con posibles sectores interesados, nin se convidou asociacións veciñais, a colectivos ou a particulares ou empresas interesadas.
  • Moita foto pero cero traballo. Pura promoción particular de Javier Tourís.
  • Esiximos seriedade e rigor no uso de recursos públicos.
  • Esiximos a David Castro que avance na creación dunha Comunidade Enerxética que él mesmo anunciou fai meses.

  Dende Somos Ribadumia non podemos deixar de amosaron noso asombro ante o que vestido de campaña de impulso á creación de Comunidades Enerxéticas, resulta ser unicamente unha campaña de autobombo e autopromoción dun Deputado provincial, Javier Tourís, que vai de Concello en Concello facéndose fotos pero aportando moi pouco ou, como no caso de Ribadumia, nada.

   Vaia por diante que dende o noso partido estamos moi a favor da creación de Comunidades Enerxéticas que permitan facer fronte aos problemas do custe da enerxía. Nese senso valoramos positivamente a aposta da Deputación por impulsar este tipo de comunidades. O que non podemos aceptar é que se lle tome o pelo á nosa veciñanza.

   A visita da furgoneta da Deputación, que supostamente a parte de ao Deputado Javier Tourís, leva persoal técnico experto e capacitado para dar información sobre este tipo de Comunidades Enerxéticas e como poñelas en marcha, non foi anunciada previamente, nin se acompañou dun traballo de información pública para captar colectivos interesados ou persoas interesadas ou empresas ás que dar información.

  O resultado foi unha visita, que ten o seu custe económico, dobremente inútil, pois o goberno local nin sequera tivo a elegancia e a profesionalidade de convidar aos membros da Corporación e aproveitar para traballar sobre a situación en Ribadumia.  Ademais, se a intención do Deputado era unha reunión co goberno local, para iso non é necesario andar cunha furgoneta de aquí para  ala como se os Deputados foran feirantes ou vendedores de aspiradoras americanas. As administracións teñen despachos e unha maneira formal de reunirse, e no caso que nos ocupa suponse que hai unha oficina en Barro, suficientemente preto como para o noso alcalde se achegue as veces que faga falla.

  De feito xa o fixo.  Cómpre recordar que a posibilidade de crear unha comunidade enerxética en Ribadumia co apoio da Deputación  xa se puxo enriba da mesa fai un ano,  xa  se produciron reunións con foto e anuncios a bombo e pratillo , como as comunicadas en xuño e setembro do ano pasado, e xa se puxeron placas solares e suponse que se está traballando nunha comunidade enerxética local. Polo tanto, a que veu Tourís a Ribadumia?  Que veu impulsar e informar que non informara nas xuntanzas producidas anteriormente? A parte de para facerse fotos, para que serviron os escasos quince  minutos que estiveron no Salón de Plenos?

   Dende Somos Ribadumia non aceptamos este tipo de bromas de mal gusto, nin podemos validar o que claramente é unha campaña de Javier Touris para promover a súa carreira política persoal. Se quere  ser o próximo presidente da Deputación ou o próximo alcalde de Vilanova que fale con Gonzalo Durán e co Partido Popular, pero que non tire recursos públicos en campañas de autobombo. E se en realidade quere impulsar a creación de comunidades enerxéticas, que faga o traballo ben,  e se deixe de tanta foto. Sabemos que a implicación local é necesaria, pero igual antes de acender a furgoneta hai que facer un traballo previo cos Concellos, para que non vivamos o absurdo que vivimos esta semana  en Ribadumia.

   Para rematar. Dende Somos Ribadumia temos moi presente que o señor Castro  anunciou a creación dunha Comunidade Enerxética.   Pero de momento o único que fixo foi repartir uns cantos paneis solares polos tellados do Concello, na maior parte dos casos desaproveitando boa parte deses tellados con instalacións de poucos paneis e con escasa relevancia enerxética que malamente van supor algo de aforro neses edificios, polo que difícilmente se vai poder conformar unha comunidade enerxética. Non consta ningún tipo de acción máis, nin reunións con propietarios de tellados nin xuntanzas con comerciais, hosteleiros ou particulares. Outro Bluff do goberno local que unicamente quería colocar uns titulares de prensa e aparentar que facía algo e de paso axudar a Javier Tourís a facerse catro fotos máis,  pero que en realidade non ten intención de facer nada de proveito. Pola nosa banda animamos só señor Castro a deixarse de tanta acción de propaganda e a tomarse o tema en serio, dar os pasos correctos e poñer enriba da mesa un proxecto serio con prazos e fondos para desenvolvelo.

Deixar un comentario