Propoñemos que o Concello saque a concurso público todos os alumeados decorativos, dende o de Nadal aos das festas parroquiais.

  • Propoñemos unificar todos os alumeados decorativos que se colocan ao longo do ano nun lote.
  • Aforrar cartos, e facilitar a xestión a través dun contrato por varios anos.
  • Mellorar a relación calidade-prezo dos alumeados e axudar ás comisións de Festas.

  Dende Somos Ribadumia propoñemos seguir a estela doutros concellos, reunindo os diversos alumeados que se colocan ao longo do ano en Ribadumia nun único lote e sacar o seu alugueiro a concurso público.

  Os alumeados decorativos, con independencia de se falamos dos de Nadal ou das diferentes festas e eventos que un Concello acolle ao longo do ano, son un elemento case imprescindible por moitos motivos. Animan e convidan a saír a rúa e a participar do ambiente festivo, sexa no Nadal ou durante outras datas remarcadas. Serven para indicar que nun lugar ou parroquia están de celebración,  para orientar ás visitas  cara a zona central do evento, onde normalmente se desenvolven as verbenas e actos festivos e  para dar ambiente e para animar á participación.   Polo tanto, o alumeado é unha parte fixa do orzamento de calquera comisión de Festas e tamén dun Concello.

   Centrándonos no que afecta á administración local ribadumiense, o Concello leva anos colocando  o alumeado no Nadal, na Festa do Tinto e na Festa do Pan. As luces, como ven sabemos en Ribadumia, son un elemento decorativo que a veciñanza mira e valora, e polo tanto compre ser moi escrupuloso a hora de xestionar este tipo de decoracións. Dito doutro xeito, cos alumeados municipais hai que saber o que se fai, e  non se trata de gastar pouco ou moito, senón de gastar ben, e poñer unha decoración axeitada ao momento.

   En Ribadumia, segundo os datos que nós temos, aportados polo goberno local, o alumeado da Festa do Tinto do ano 2022 custou 7.139 €, o de Nadal segundo o último dato dispoñible – a Conta Xeral do ano 2023 –  no 2023 custou 28.690 €, neste caso debemos entender que ademais de alumado inclúense no gasto outros elementos decorativos colocados na Praza do Concello, e o alumeado da Festa do Pan  no 2022 tivo un custe de 2.420 €. En total podemos dicir que o Concello gasta cada ano ao redor de 40.000 € en alumeados decorativos.

  Con este dato, o Concello de Ribadumia é dos Concellos da comarca que máis cartos gasta por habitante neste concepto, ao redor de 7€/habitante. Outros Concellos gastan ao redor de 4-5€/habitante incluso menos. Pero neste caso queremos reseñar, por que nos parece que é  o exemplo que resulta interesante seguir, o caso de Vilagarcía. O seu goberno local saca a concurso de maneira anual  o alumeado para as súas Festas de Nadal, Santa Rita e San Roque, logrando no 2023 situar o contrato nos 95.000 €,  unha cifra a destacar tendo en conta o tamaño do Concello e a cantidade iluminación disposta, e que ten dous grandes eventos a parte do Nadal cubertos por ese contrato. En resumo no 2023 supuxo un esforzo de 22’5 €/habitante. Logo no 2024 o contrato subiu ata os 115.000 €, motivado maiormente por un aumento nos elementos contratados, pero con todo o custe por habitante mantívose nos 3€.

  Só con estes datos, estaría máis que xustificado instar ao Concello de Ribadumia a sacar a concurso o alumeado dos seus eventos nun único lote e buscando a mellor relación calidade e prezo. Pero dende a nosa formación pensamos que é unha boa oportunidade para ir algo máis aló.

   Cada ano ás comisións de festas parroquiais resúltalles máis difícil organizar as festas en cada lugar. Hai moitos motivos, pero os máis salientables son dous: burocráticos e económicos. Cada vez máis papeleo, máis seguros, máis autorizacións, e por outra banda cada vez as verbenas no seu conxunto saen máis caras, ao que hai que sumar o resto actividades que se organicen para cada ocasión, dende misas, alboradas, desfiles de bandas …

   Cómpre ter en conta que as  pequenas festas parroquiais forman parte da nosa identidade cultural como pobo e son un ben social a conservar. Son eventos que unen e que reúnen a familias e veciñanza, e ademais moven a economía local. Dende o noso punto de vista, sen ir máis aló, son moitos os motivos polos cales as administracións deberían facer un esforzo moito maior na preservacións destes eventos locais.

   Neste caso nós propoñemos algo moi sinxelo e economicamente perfectamente viable, que suporía unha axuda pequena, pero sen dúbida ben recibida polas comisións de festas do noso Concello. En Ribadumia actualmente contabilízanse un ano normal seis verbenas, sen contar Santa Marta nin a romaría da Carballeira de Ribadumia, e xa se perderon algunhas, como a de Besomaño. Se temos en conta que o custe dun alumeado pode chegar aos 1.000 € por verbena, máis incluso dependendo dos días de festa que sexan, estamos falando de que as verbenas e romarías que temos no concello  conlevan pouco máis de 5.000 € cada ano.  Dende Somos Ribadumia pensamos que nun contrato  sacado a concurso sería factible que polo que hoxe por hoxe gasta o Concello nos seus propios eventos, se puidera conseguir un contrato que incluíse o alumeado de todas  esas festas, e en último caso a diferenza económica é perfectamente asumible.

  Quedaríanos falar doutros eventos organizados por outros colectivos, como a concentración moteira ou algún evento local máis como a “ruada das gotas” ou algunha actuación de verán que puidera xurdir, que tamén se podería, cun correcto traballo de previsión,  ter en conta.

  Reunir todas estas necesidades de alumeado nun lote e sacalos a concurso público ao noso entender tería varias vantaxes. A primeira e máis evidente a posibilidade de conseguir mellor prezo, máis aínda negociando todo nun único lote. A segunda, polo mesmo motivo,  sería a posibilidade de lograr unha excelente relación calidade-prezo, e ter así acceso a uns alumeados de calidade durante o tempo que se estime oportuno sen necesidade andar negociando cada ano e para cada evento. Ademais a través das propias cláusulas e das melloras que se oferten sempre será posible obter melloras en canto cantidade de elementos ou aquelas cuestións que se consideren. Polo tanto, un concurso cunhas cláusulas ben elaboradas, dentro dunha lóxica razoable, permitirán ter durante anos solucionada a cuestión de todos eses alumeados, con garantías de calidade e cantidade e asumibles economicamente . Ademais diso estaríaselle dando unha axuda ás comisións de festas e entidades que organizan eventos máis aló do custe económico, pois tamén lles estariamos aforrando traballos e burocracia. 

   En resumo, dende Somos Ribadumia consideramos que sería moi positivo sacar a concurso nun único lote todo o alumeado de Nadal cos añadidos decorativos, o alumeados da Festa do Tinto e do Pan, e  o alumeado de todas as festas parroquiais, romarías e outros eventos que requiran deste tipo de iluminacións, e por este motivo vimos de presentar por rexistro unha proposta para o seu debate plenario que recolle este plantexamento.

Deixar un comentario