950.000€ no bombeo de Cabanelas, pero os verquidos seguen acontecendo.
- Fiasco monumental e estrago de case 1 Millón de Euros.
- Os verquidos seguen a producirse igual que sempre, porque o problema de fondo está sen solucionar.
- A resposta da Xunta parécenos unha burla a toda a veciñanza.
- Esiximos explicacións públicas, da Xunta e de David Castro, e vendo que dende a Xunta confirman que a obra resulta inútil, responsabilidades políticas.
- Esiximos que se determine dunha vez quen é a industria responsable destes verquidos e se tomen medidas contundentes e efectivas.
Nin dous meses tardou o bombeo de Cabanelas en demostrar o que dende Somos Ribadumia levamos advertindo dende o 2022, incluso antes, que é que o problema de verquidos nese punto non ten que ver coa capacidade do bombeo, senón coas deficiencias na rede se saneamento, en concreto na parte de Vilanova de Arousa, que meten máis auga da que ningún bombeo vai poder canalizar. E isto é algo que non dixemos nós, senón que consta nos informes que a concesionaria do saneamento fixo xa no ano 2016, e que deixaban moi claro que as actuacións a realizar para evitar desbordes neses punto deberían centrarse na revisión e reparación nas redes de saneamento para eliminar as entradas de augas pluviais.
Cómpre recordar que estando Somos Ribadumia no goberno local, en Ribadumia, da man de Enrique Oubiña como Concelleiro de Urbanismo, actuouse en base a esas recomendacións, grazas ao cal o número de episodios de verquidos nese punto reduciuse significativamente. Por desgracia, Gonzalo Durán ignorou eses informes, que poñían en entredito a súa xestión como alcalde, e optou, co aplauso entusiasta de David Castro, pola solución máis populista: anunciar unha obra moi cara para ter un bombeo máis grande e máis potente e máis de todo, pero que na práctica, nove anos e case 1 Millón de euros despois, resulta un completo fiasco.
Dende Somos Ribadumia agardamos que de maneira inmediata se dean explicacións públicas, claras e transparentes e que se se confirma que o bombeo non é suficiente nin sequera logo deste potente investimento, se depuren responsabilidades políticas.
Sobre o traballo de prevención e control da Mancomunidade.
Por outra banda, dende Somos Ribadumia non saímos do noso asombro ao comprobar que co desborde do bombeo saiu a relocer un verquido que é das mesmas características que verquidos anteriores que levan anos apuntando a que proceden da mesma industria. Hai que recordar que a Mancomunidade, da man de Marta Giraldez, puxo en marcha un departamento específico. Este departamento comunicaba o pasado novembro que realizara ata esa data 86 inspeccións en industrias, un traballo moi positivo sen dúbida que provocou melloras en todos os sentidos . Por iso resulta preocupante que logo de tantos anos de verquidos e agora con este departamento traballando, aínda non fóra posible localizar e tomar medidas contundentes contra a empresa responsable destes verquidos concretos.
Inaceptable resposta de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente.
Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar as explicacións aportadas por Augas de Galicia e pola Consellería de Medio Ambiente en relación aos verquidos no bombeo de Cabanelas. É máis, parecennos directamente unha tomadura de pelo cara a nosa veciñanza.
Que a ampliación do bombeo tiña por obxectivo eliminar os verquidos en Cabanelas é algo que se dixo dende o primeiro minuto. Tanto Gonzalo Durán como David Castro como todos os responsables políticos que pasaron polo Salnés a falar deste asunto dende que no ano 2016 se propuxo esta solución, insistiron en que esa ampliación tiña como obxectivo eliminar os verquidos nese bombeo. E así consta en innumerables comunicacións de prensa.
Polo tanto, resulta de todo inaceptable que agora se diga que a obra non perseguía ese obxectivo. E dende logo falar dunha mellora da eficiencia enerxética cando se veñen de gastar 950.000€ € nun bombeo que duplica ao anterior en potencia co correspondente sumento dos consumos enerxéticos, resulta indignante.
Como resulta indignante que se pretenda cargar o morto ao polígono de Sete Pías. Para empezar, quizais dende a Consellería deban facer un cursiño de reciclaxe para que cando falen destes temas entendan de que están falando. O verquidos que se producen en Cabanelas non son verquidos producidos unicamente por unha fábrica, senón que o que desborda é de toda a rede de fecais. O verquido prodúcese, e queremos insistir nisto, por que o bombeo colapsa, e colapsa por que a rede de fecais está saturada de auga de choiva, que non debería viaxar por esas tuberías. E ese é o problema, cuxa orixe está perfectamente identificado no Concello de Vilanova, moi dado a ter este tipo de problemas porque non ten separada a rede de pluviais da de fecais. Se no canto de gastar case 1 millón de euros nun bombeo que non soluciona nada, se dedicaran a resolver os problemas na rede de fecais en Vilanova como fixemos en Ribadumia e como fixo e segue facendo Cambados, hoxe, co mesmo bombeo que había, non estariamos falando deste tema.
Dende Somos Ribadumia volvemos insistir en pedir responsabilidades políticas, pois é evidente que esa obra de mellora do bombeo non cumpre o seu obxectivo de eliminar os verquidos en Cabanelas. Todo o que non sexa iso, é rirse da veciñanza. E por suposto, que se aporte unha solución a este problema.
Onde está David Castro?
E falando de responsabilidades políticas, dende Sonos Ribadumia botamos en falta as explicacións ou opinións que sobre este tema poida aportar o alcalde de Ribadumia e tamén Presidente da Mancomunidade. O mesmo señor que antes das eleccións andaba a facerse fotos na ribeira do Umia anunciando a bombo e platillo esta mesma obra que se demostrou pouco menos que unha estafa.
Seguramente en vez de estar atendendo aos problemas do noso Concello dedique estes días a pasearse por FITUR, pero dende a nosa formación entendemos que en base aos seus dous cargos debería comparecer publicamente e de maneira urxente, dar explicacións e esixirlle ao Concello de Vilanova que resolva os seus problemas na rede de saneamento e á Xunta de Galicia que deixe de rirse da veciñanza e de poñer escusas e actúe.
