Mellorable xestión das actividades de Nadal.
- Nula campaña de apoio ao Comercio Local.
- Queixas pola organización da Cabalgata de Reis.
- Escaso e discreto alumeado.
- Fracaso do concurso de carrozas, cunha única presentada, e sen apenas repercusión e apoio social do resto de concursos.
Unha vez pasado o Nadal compre facer unha valoración sosegada das diferentes actividades organizadas dende o Concello, e o primeiro que queremos pedir dende Somos Ribadumia é que David Castro siga o noso exemplo e analice ben como está desenvolvéndose o Nadal ribadumiense nos últimos anos, porque a deriva que leva é do máis preocupante.
De partida debemos lamentar a completa falta de previsión e a sensación de continua improvisación. A campaña de actividades de Nadal foi presentada o 16 de decembro, días despois do encendido “oficial” do alumeado de nadal. Logo diso, á maior parte das actividades apenas se lle deu repercusión, algo que choca coa intensa campaña de promoción do AF7 indoor, un evento que tamén aconteceu en Nadal e que contou con todos os focos do goberno local, que lle deu toda a prioridade deixando os actos propios do Nadal en segundo plano.
Unha cuestión que consideramos moi grave é a desaparición das campañas municipais de apoio ao comercio e hostalería locais. Os feitos son indiscutibles: nin unha soa publicación nas redes do Concello en apoio ao comercio local nin ao longo do Nadal nin nas semanas previas, e nin sequera este ano o Concello se fixo cargo de realizar o video promocional que se ten realizado en anos anteriores; a campaña de recollida de xoguetes organizada pola asociación de comerciantes supostamente co apoio do Concello, anunciouse nas redes municipais catro días antes do seu remate, e apenas se lle deu repercusión. Un dato, a campaña de recollida de xoguetes foi publicitada no perfil de facebook do Concello con dúas publicacións, o AF7 indoor, só en decembro, antes de rematarse tivo quince publicacións distintas. Tamén foi perdendo peso o concurso de escaparates, pero diso falamos máis adiante. A falta de diálogo e de apoio ao comercio é evidente. Cando se puxo en marcha o acto de encendido de luces, con Somos Ribadumia no goberno, os comerciantes eran a peza central do acto, dábaselles visibilidade e protagonismo e apoio a través doutras campañas, un apoio que sempre dixemos que era insuficiente, pero é que agora nin iso, e co paso dos anos o protagonismo que se lle daba ao comercio local en actos como o encendido do alumeado diluiuse polas ansias de 3 de figurar do señor Castro, ata o punto de que o comercio e a hostelería xa non estiveron presentes neste último acto de encendido do alumeado, que por completo quedou convertido nun acto meramente político, para maior gloria do señor Castro, e con cada vez menos público asistente.
Dende Somos Ribadumia debemos lamentar a falta de compromiso, de apoio e de dialogo do goberno do señor Castro co comercio local. Non botamos en falta á anterior concelleira de comercio, e temos criticado moito a súa escasa ambición e traballo de impulso ao comercio e á hostalería, pero cando menos con ela no cargo víase algo máis do que se mira agora. É inaceptable que o Concello de Ribadumia sexa a única administración local que non realiza campañas de apoio ao comercio e hostalerías locais.
Por outra banda, os diversos concursos de decoración que se organizan dende fai anos teñen o formato esgotado, algo que se nota moi especialmente no concurso de escaparates. Cada vez estes concursos contan con menos apoio social, e dende o noso punto de vista o problema está en que nin os premios resultan atractivos, nin hai unha implicación do Concello en facelos visibles e en impulsalos para que logren os seus obxectivos. Ao señor Castro chégalle con poñelo todo nun cartel e facerse a foto, pero este tipo de iniciativas non se realizan para que os alcaldes se fagan fotos, senón para dar vida aos Concellos.
Mención a parte o concurso de Carrozas de Reis. A iniciativa, posta en marcha por Salomé Peña, logo suspendida por decisión do señor Castro no ano 2016 e posteriormente recuperada polo propio Castro o Nadal pasado, resulta un completo fiasco. Nestas dúas últimas edicións unicamente se presentou a concurso unha carroza, a das ANPAs Ribadumienses, que xa participaban cando non había concurso. Resulta evidente que ese concurso, tal como xa dixemos o ano pasado, ten que organizarse doutro xeito, para lograr a implicación doutros colectivos, senon non ten ningún sentido.
E falando da propia cabalgata de Reis, temos que dicir que se produciron moitas críticas da veciñanza pola mala xestión da alternativa ante o mal tempo. Todos e todas estamos de acordo con que suspender o desfile de carrozas foi unha decisión acertada. O que non se entende é que se organizase a presenza dos Reis no auditorio tendo tres pabillóns de deportes, amplos e con espazo suficiente para organizar unha alternativa acorde á importancia do que en cantidade de público é o terceiro evento máis importante que organiza o Concello, logo da festa do Tinto e a do Pan. Pero a falta de espazo e o mal xeito do auditorio para un acto destas características, que ademais o goberno non se molestou en organizar minimamente provocando un caos absoluto, non foi o único problema. Coa xornada que estaba, ao goberno ocorréuselle poñer un posto de chocolate e churros, cousa que nos parece correcto, pero resultou que o puxeron á intemperie o no sitio menos abrigado que encontraron, obrigando aos pais e nais a facer cola ao frío, choiva e vento. Ademais o goberno non calculou ben a asistencia e o posto pechou xa a metade de acto, porque dende o goberno local non quixeron pagar mais que un par de centos de racións cando nese acto menos de 300 nenos e nenas non se xuntan, aos que hai que sumar a nais, pais, avos e avoas … Como é lóxico, se facer cola á intemperie non gustou as persoas asistentes, menos que lle pecharan o posto antes de tempo e os deixaran con frío e sen o chocolate quente.
Tampouco convence o alumeado de Nadal. E non convence por que a pesar da enorme melloría na calidade das luces, polas súas características este tipo de alumeado resulta moi pouco vistoso se non se modifica a colocación do mesmo para adecualo aos parámetros actuais. Non esquezamos que o Concello de Ribadumia é dos Concellos da comarca que dedica máis euros por habitante ao alumeado de Nadal, e iso debería verse reflectido no mesmo, máis non se mira. Ao final, a sensación de cutrez mantense a pesar, insistimos, da melloría notable. Instamos a David Castro a que en vez de ir aos Plenos a queixarse e bracear, se sente a analizar con calma os contratos de alumeado público e a distribución dese alumeado para lograr que sexa un alumeado que alegre o Nadal, pois esa é a súa función.
En resumo, dende Somos Ribadumia consideramos que o goberno local ten moito que mellorar na xestión das diferentes actividades de Nadal. Dende Somos Ribadumia animamos a David Castro a analizar con ollo critico todo o acontecido este ano e a traballar para que o ano próximo a nosa veciñanza non sinta a necesidade de ir cos seus fillos e fillas a visitar os Concellos veciños en busca de alternativas con máis espírito navideño que as que teñan en Ribadumia, e a impulsar campañas a favor de que as compras en comercio e o gasto en hostalería se realice en Ribadumia.

