David Castro renuncia por fin a continuar a súa guerra contra unha traballadora municipal.

- O Xulgado da por desistido ao Concello por non presentar recurso (anunciado) na reclamación de indemnización por accidente laboral da traballadora.
- Confírmase obriga do Concello de pagar 30.100 €.
- Fin a unha guerra personalista de David Castro que costou miles de euros da veciñanza en avogados para non chegar, cinco anos despois, a ningún sitio.
David Castro , non sabemos se por erro ou intencionadamente, pero deuse por vencido, cando menos xudicialmente, na súa guerra particular, pagada con fondos públicos, contra unha traballadora do Concello.
Fai uns días facíamos público que o Concello anunciara recurso de suplicación ante a sentenza que obriga ao Concello a pagarlle a esa traballadora 30.100€ , logo dun proceso xudicial no cal o Concello pelexou de maneira insistente sabendo que o dereito era innegable e que esa guerra estaba xa perdida de antemán.
Onte mesmo foille comunicado á traballadora e obviamente ao Concello, que logo de anunciar ese recurso, un trámite dentro do proceso a través do cal se anuncia que se van presentar alegacións á sentenza, o Concello deixou vencer o prazo legal para presentar esas alegacións, de tal maneira que o xulgado deu finalmente ao Concello por desistido do seu propio recurso e decretou a sentenza como firme.
Aínda que hai 3 días para presentar impugnación non parece que haxa motivo para tal cousa, polo tanto entendemos que, a falta de facer efectivo o pago da indemnización, remata aquí un proceso que dende o inicio denunciamos como un ataque personalista de David Castro, que leva supostos miles de euros das arcas municipais e polo tanto da nosa veciñanza, en servizos xurídicos e nalgún Pleno Extraordinario para obrigarlle ao señor Castro a explicar o que andaba a facer, aos que agora hai que sumar os 30.100€ de indemnización que tamén deberán saír das arcas municipais gracias á irresponsabilidade de non ter contratados uns seguros que terían costado moito menos do que se leva pagado en avogados.
En resumo, catro anos despois de iniciar a guerra contra esta muller, o señor Castro unicamente logrou gastar cartos da veciñanza, porque nin conseguiu o castigo de que lle recortaran a pensión, nin o de evitar o pago da indemnización que por dereito lle corresponde. Con todo, alegrámonos de que, de maneira intencionada ou non, David Castro desista desa guerra. Agardamos que o exemplo se aplique a outras cuestións e que o sentido común vaia prevalecendo. .
