O Concello de Ribadumia condenado a pagar unha indemnización de 30.100 € á traballadora á que David Castro pretendía recortarlle a pensión.

- Novo pau xudicial a David Castro na súa guerra persoal contra unha traballadora.
- A indemnización de 30.100 €, debido á incompetencia de David Castro, terá que ir a cargo dos cartos da veciñanza.
- A sentenza, clara e contundente , volve deixar no máis absoluto ridículo a David Castro.
- David Castro dilapida cartos públicos en procesos xudiciais contra veciños e traballadores. 50.000€ en catro anos.
David Castro segue acumulando paus xudiciais nas súas guerras persoais. Neste caso volvemos falar da batalla xudicial que dende fai anos enfronta a David Castro cunha traballadora xa retirada, á cal o señor Castro pretendía negarlle o seu dereito a unha pensión primeiro e unha indemnización despois motivadas por accidente laboral, unha situación pola cal a oposición chegou a forzar un pleno no mandato anterior.
Resumindo todo o acontecido anteriormente, David Castro recorreu no xulgado unha sentenza favorable a esta traballadora – en contra do que fixo a Seguridade Social e a Mutua – coa intención de que se denegará o dereito a que se lle recoñecera unha incapacidade permanente como motivada por un accidente laboral, o cal afectaba directamente e nunha cantidade importante ao importe da pensión desta muller. David Castro perdeu esa batalla xudicial e todos os recursos que presentou, todo elo pagado con fondos públicos.
Posteriormente a traballadora reclamou o seu dereito a percibir unha indemnización recollida no Convenio. O Concello presentou alegacións contra esa reclamación e fai unhas semanas, concretamente o 26 de novembro, o xulgado do social n° 2 de Pontevedra ditou sentenza dando a razón á traballadora, condenando ao Concello a pagarlle unha indemnización de 30.100 €. Non só iso, a propia sentenza establece que, tal como dende o noso partido informamos fai meses, o Concello non contaba no seu momento co seguro – obrigatorio – que debería facerse cargo deste tipo de indemnizacións polo que o Concello, gracias a incompetencia e desidia de David Castro, deberá aboar esa cantidade con fondos públicos.

A David Castro débenlle parecer poucos paus os que leva ao lombo e, a pesar da claridade e contundencia da sentenza emitida, que recolle entre outras cousas que “ os motivos de exposición exgrimidos polo Concello teñen pouco percorrido” debido a que o recoñecemento da incapacidade permanente da traballadora foi “finalmente confirmada por sentenza do TSXG”, aínda presentou recurso, que neste caso só pode recorrerse sobre a cantidade, quedando o dereito da traballadora xa fóra de toda dúbida.
Que David Castro ten unha guerra persoal contra esta traballadora é algo que ademais de ser de coñecemento público quedou patente dende o primeiro momento e que se puxo de manifesto en Pleno, e para Somos Ribadumia resulta totalmente inaceptable. Pero incluso pasando os personalismos de David Castro por alto, a realidade é que no xulgado non da unha, pois leva perdida a práctica totalidade dos procesos xudiciais nos que se veu inmerso o Concello dende o ano 2017. E isto non sae gratis, obviamente . Dende o 2019 o bufete que leva as cuestións municipais leva ingresados, a falta de aprobarse as contas de 2023 e 2024 e dispor dunha cifra exacta , ao redor de 50.000€, boa parte por certo, por recursos que as sentenzas poñen en entre dito, e que de non presentarse, ademais de aforrarlle traballos á administración, aforraríanlle cartos á veciñanza. Con isto non poñemos en dúbida a profesionalidade dos avogados do Concello, pero resulta evidente que ou ben non están asesorando correctamente a David Castro, ou ben David Castro non escoita os seus consellos, pero quen paga o pato é a carteira da veciñanza, e iso non nos parece aceptable. O Concello non pode dilapidar cartos en procesos onde está claro que a parte contraria leva todas as de gañar.
Dende Somos Ribadumia instamos a David Castro a que deixe de usar os recursos do Concello para dirimir as súas cuestións persoais, que abandone esa dinámica de atacar aos traballadores e traballadoras que non lle rien as gracias e de levar ao xulgado a calquera que non sexa do seu agrado e en xeral que abandone dunha vez uns comportamentos que resultan de todo inadecuados e inaceptables nun alcalde.

