Presentamos unha proposta para que o Concello dote terreos para vivenda pública.

·               Propoñemos dotar terreos e ofrecerllos á Xunta para o seu plan de construción de vivendas públicas.

 Dende Somos Ribadumia temos moi claro que o noso é un Concello moi atractivo para que as familias queiran asentarse e do cal as novas xeracións non queren marchar, pero tamén de que a día de hoxe resulta case imposible encontrar vivenda, e a pouca que hai dispoñible ten uns prezos cada vez máis altos.  Con estas premisas principais, e subíndonos a estela do PP de Galicia e da súa tan cacarexada intención de construír miles de vivendas públicas neste mandato, Sergio Soutelo ven de presentar por rexistro unha proposta para debater en Pleno a dotación de terreos edificables co obxectivo de poñelos a disposición da Xunta para que constrúa en Ribadumia unha parte de  todas esas vivendas públicas prometidas.

  En realidade, os motivos para realizar esta proposta son moitos. Na exposición do documento recóllense os mais importantes, asentando a proposta na nosa realidade, aportando datos como que mentres que dende o ano 2004 ao ano 2013, Ribadumia medrou a un ritmo de 103 habitantes por ano de media estatal, dende o 2013 ata o 2023, Ribadumia ese ritmo foi de 2,1 habitantes por ano de media, e so sumou 21 habitantes netos en todo ese período,  un indicador de que o crecemento en Ribadumia, aínda que mellor que outros concellos da contorna, segue o camiño do retroceso poboacional, e de feito o dato a 1 de xaneiro de 2023 é menor que o do ano anterior, perdemos habitantes.

Outros datos a ter en conta que se recollen na en proposta son que o saldo vexetativo, que a pesar do crecemento poboacional leva en tendencia negativa dende o ano 1989, nos últimos vinte anos resultou negativo en 198 persoas, con unicamente tres anos nos que naceron máis persoas das que morreron. Tamén temos un crecemento paulatino da idade media, que actualmente está nos 44 anos, acompañado dunha redución drástica do número de nacementos, que nos leva a un escenario de estancamento primeiro, e de baixada de poboación despois, salvo que novas familias se asenten en Ribadumia no medio prazo.

 Da boa nova de que en Ribadumia temos unha importante porcentaxe de poboación nova, 422 persoas entre os 16 e os 24 anos, resulta que, como é lóxico, a maior parte desas persoas entre o 2025 e o 2030 van intentar independendizarse, e moitas delas quererán quedar a vivir en Ribadumia. Ademais , entre os 24 e os 35 anos, en Ribadumia hai censadas 654 persoas, moitas delas vivindo aínda nas casas de seus pais.

  O resultado de todos estes datos e outros moitos amosan a realidade dun Concello que ten unha enorme dependencia para o seu crecemento do seu mercado inmobiliario, dependencia que se ve incrementada ao ter un importante grupo de persoas entre os 16 e os 30 anos. A falta de vivenda é de terreos edificables é un problema á hora de evitar que esa poboación marche cara outras zonas que están medrando, como Vilagarcía ou incluso Pontevedra.

 Dende o punto de vista da xestión administrativa do Concello, Ribadumia precisa nos próximos anos asentarse moi por enriba dos 5.000€ habitantes, porque se non non vai poder facer fronte aos elevados custes resto de mantemento de infraestruturas, neste concello moi superiores ao normal para a súa masa poboacional,  e de competencias varias, moitas delas certamente impropias, pero asumidas e consumindo recursos.  Non esquezamos neste senso, que máis vivendas supoñen máis ingresos por impostos e taxas municipais. Cun numero suficiente de vivendas nos próximos cinco anos sería posible aguantar o nivel impositivo sen grandes subas, pero se non se constrúe vivenda, vai ser imposible aguantar os impostos municipais conxelados moito tempo máis. Unha dura realidade que David Castro debe asumir dunha vez.

  Por outro lado, a  Xunta de Galicia, que é a administración con competencias en vivenda,  leva meses anunciando a súa intención de multiplicar o parque de vivenda pública, e deu varios pasos nesa dirección, como a creación da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, e non hai semana na que non emita unha comunicación relativa a esta cuestión, como xuntanzas co sector da  construción ou anuncios de novos proxectos de vivendas públicas. Moitos están sendo os Concellos que están poñendo a disposición da Xunta de Galicia terreos para que constrúa vivenda pública (Salceda de Caselas, Bueu, etc), e dende o noso partido consideramos que Ribadumia, que xa conta cun edificio de vivendas públicas – pero cuxa cantidade de vivendas é pequena para as necesidades reais actuais -,  debe subir a ese tren, por varios motivos, pois ademais da necesidade de vivenda, tamén resulta interesante que quen se asente en Ribadumia sexan persoas mozas que formen familias estables.

  Actualmente o Concello de Ribadumia non dispón en propiedade terreos adecuados para a construción de vivenda pública que poder ofrecer á Xunta de Galicia, pero si existen en Ribadumia moitos terreos que poderían servir para esa función, fincas urbanizables e polígonos por desenvolver no espazo urbano de Barrantes e Ribadumia.

  Resumindo: Ribadumia, como Concello, precisa aumentar a súa poboación. E esta en condicións de facelo porque  hai persoas e familias que queren establecerse en Ribadumia, e hai unha importante cifra de persoas novas nadas en Ribadumia, que están ou estarán nos próximos anos en idade de emanciparse e/ou de asentarse e formar unha unidade familiar,  que queren quedar en Ribadumia por que teñen ou van ter esa posibilidade dende o punto de vista laboral. Pero non hai vivenda dispoñible, e a que hai non ten prezos asequibles.  Por ese motivo presentamos a proposta  para instar ao goberno a dotar terreos e poñelos a disposición da Xunta de Galicia e dar  un impulso a obra nova en Ribadumia .

Unha proposta que agardemos non quede como outras esquecida no caixón do alcalde, nin que chegue ao Pleno xa coa negativa do goberno do señor Castro decidida de antemán unicamente por ser  unha proposta do noso partido. Nós, do goberno agardamos madurez.

Deixar un comentario