Comunicado conxunto de Somos Ribadumia, Xuntos por Ribadumia e BNG de Ribadumia.

   O Alcalde do Concello de Ribadumia, o señor David Castro, convocou para este martes 17 de decembro o Pleno que inicialmente estaba convocado para este pasado xoves. Na convocatoria, que reúne a mesma Orde do Día, prodúcese un cambio importante, que é que se convoca as 14.:00 horas no canto de convocarse as 20:00 horas, como estaba convocado o Pleno deste pasado xoves, tendo o mesmo carácter Extraordinario. 

  Para os dous concelleiros e a concelleira que asinamos este comunicado, unha convocatoria neste horario, debido ás nosas obrigas laborais e ás particularidades das empresas nas que traballamos, máis aínda se cabe nestas datas, resulta moi complicada, se non imposible, de atender, o cal vai provocar que moi posiblemente no poidamos asistir a ese Pleno. Por tal motivo, e como ademais contabamos co compromiso expreso do goberno de convocar  os Plenos con temas da importancia do que vai a este no mesmo horario no que se convocan os Plenos Ordinarios, achegamos ao Concello un escrito solicitando o cambio de hora, que transcribimos a continuación, e no cal consideramos que queda perfectamente exposto o que queremos facer público:

 Ramiro Lorenzo Balvuena, en calidade de Concelleiro no Concello de Ribadumia polo partido  Xuntos por Galicia, Sergio Soutelo Martinez,, en calidade de Concelleiro no Concello de Ribadumia polo partido  Somos Ribadumia e Vanessa Fariña Padín, en calidade de Concelleira no Concello de Ribadumia polo partido Bloque Nacionalista Galego,

EXPOÑEMOS:

Está convocado un Pleno Extraordinario o día 17 de Decembro do presente ano 2024 as 14:00 horas.

  Os asinantes desexamos deixar constancia de que para nos resulta case imposible asistir a Plenos convocados nese horario, debido ás nosas obrigas laborais. Este feito  xa foi posto de relevancia polo Concelleiro de Xuntos Ramiro Lorenzo Balvuena, no Pleno Ordinario do 7 de marzo deste 2024, onde solicitou que os Plenos de carácter Extraordinario, moi en particular os que incluíran temas de certa relevancia, tales como modificacións de crédito ou aprobacións de Contas Xerais, por citar dous exemplos, se convocaran respectando o mesmo horario establecido para as Sesións Plenarias Ordinarias, e debemos dicir que da resposta dada pola Concelleira de Contas, asumimos que se tomaba nota da solicitude e que se ía respectar, cousa que non está acontecendo nesta ocasión.

   O Pleno convocado para este 17 de decembro inclúe na súa Orde do Día o debate e aprobación dunha cuestión de máxima importancia, non en van falamos dunha modificación de crédito de 839.628,16 euros. Ante unha cuestión deste calado consideramos de vital importancia que se facilite a participación do máximo número posible de concelleiros e concelleiras e de forzas políticas con representación. 

Por todo o anterior, SOLICITAMOS:

Que alcaldía modifique a convocatoria do Pleno para trasladalo, no día que considere convinte, ao horario no que normalmente se convocan os Plenos Ordinarios no cuarto trimestre do ano, esto é , as 20:00 horas.

Ramiro Lorenzo Balvuena        

Sergio Soutelo Martinez             

Vanessa Fariña Padín  

Deixar un comentario