David Castro volve suspender un pleno de maneira interesada.

  • Por segunda vez en tres meses suspende un pleno para evitar dar a cara.
  • David Castro podía aprazar o Pleno 24 horas e así cumplir a lei que el mesmo se saltou, pero prefiere fuxir da oposición, e de paso afondar na crise económica do seu goberno.
  • Falta de respecto cara a oposición, xogando ao gato e o rato cos plenos. 
  • A realidade que David Castro quere ocultar: pretendía coller do peto case 840.000 € ocultando que boa parte son para pagar festas, o AF7 , un desfase no consumo de auga do propio Concello e obras que ten descontroladas.

 Por segunda vez en tres meses, David Castro volveu suspender un Pleno Convocado por el mesmo. E por segunda vez pretende culpar a Somos Ribadumia porque mantemos a nosa coherencia e esiximos que se cumpra a lei, se entregue toda a documentación completa e dentro dos prazos legais. 

    O Pleno, de carácter Extraordinario estaba convocado para este xoves, e incluía dous puntos na Orde do Dia, a aprobación de actas anteriores e unha modificación de crédito por valor de 839.628,16 €, unha cantidade moi alta, tendo en conta que o orzamento aprobado en xullo foi de  4.845.202,64 €. Este incremento nas partidas de gasto suporía, en caso de aprobarse, incrementar o gasto deste ano 2024 un 17% sobre o previsto cando en xullo se levou o orzamento a pleno.

  Neste caso, o que aconteceu foi que David Castro presentou unha Memoria de Alcaldía, documento imprescindible onde se debe pormenorizar que tipo de modificación de crédito se realiza e tamén as partidas afectadas, no caso de actuar sobre partidas do orzamento esgotas, ou cales son novas partidas no caso de cuestións sobrevidas. E nesa memoria estivo o primeiro problema, pois o señor Castro, tal como explica o noso concelleiro Sergio Soutelo , pretendía aprobar a modificación de crédito para pagar cuestións que el definiu como “etcetera”, “puntos suspensivos” e “cuestións diversas”, algo totalmente inaudito, pois como se dixo, os concelleiros e concelleiras teñen que saber para que cousas concretas se pretenden coller os cartos”. 

   O noso Concelleiro presentou o pasado luns dous escritos, un a secretaría-intervención e outro a propia alcaldía, solicitando a ampliación da información, con tempo suficiente para que antes da convocatoria do pleno, que foi o martes, e das comisións informativas, todos e todas as concelleiras puideran ter a información completa. Isto non aconteceu. De feito, Soutelo tivo que na mañá do mércores, día antes do Pleno convocado, chamar e insistir para que se lle entregara a documentación. O compromiso foi entregala antes do mediodía dese mesmo día, pero chegou a media tarde, sen apenas marxe para analizar a documentación que, como veremos gardaba sorpresas.  E ese foi o motivo polo que este xoves pola mañá Soutelo presentou outro escrito solicitando a retirada do punto da Orde do Día.

   Dende Somos Ribadumia temos claro que o motivo polo que o señor Castro suspendeu o  Pleno, non foi a petición de Soutelo, senón que a documentación que se viu obrigado a facerlle chegar aos concelleiros e concelleiras, e polo tanto a facela pública, garda cousas que el non quería que foran de coñecemento da veciñanza. De feito, se o motivo fose a cuestión de prazos legais, con aprazar o pleno a este venres ou ao próximo luns, quedaría resolto. Non foi o caso. David Castro aproveitou a escusa e fuxiu dos Concelleiros e Concelleiras da oposición, pero ao facelo deixou no aire centos de miles de euros en fácturas sen pagar, que van seguir no caixón, engordando o Período Medio de Pago e levando ao Concello á sufrir a intervención do estado. Unha completa irresponsabilidade pola súa parte. 

O que ocultaban os etcetera.

  O fondo da cuestión, que ninguen se despiste, está no destino dos cartos e na xestión económica do goberno local. Na proposta incluense algunhas actuación sobrevidas, aínda que algunhas, como a suba de custes no servizo do SAF, logo do bloqueo que tivo ese servizo en anos anteriores, era coñecida polo goberno e debería terse recollido no orzamento en xullo. Pero o problema real esta noutras actuacións, algunhas das cales son:

78.000 € que pretende meter para pagar sobrecustos de varias festas, dos cales 50.000 € irían para a Festa do Tinto. Pero quizais o máis grave sexa o relacionado coa festa do Pan, por dous motivos: duplicouse o custo da festa sen que se realizara ningún cambio con respecto ao que se fai cada ano, nin a nivel de actuacións nin a nivel de loxística nin de ningun tipo. E o máis grave, dende agosto que tivo lugar a festa, tendo 12.000 € iniciais de partida económica, o concello so usou 1.000€, deixando no caixón 21.000 € en facturas que a día de hoxe están sen pagar. Algo totalmente inasumible e inaceptable.

– A partida dedicada ao alumeado de nadal e ao desfile de Reis, que contaba con 25.000 €, resulta que antes xa de comezar o nadal quedou escasa, nada menos que en 10.000€. 

O Arousa Fútbol Sete, do que xa temos dito que ten un custe desproporcionado para o noso Concello, aconteceu en maio e é dos poucos eventos, por non dicir o único, cuxas facturas están pagadas. Pois en xullo, as facturas estaban pagadas, collendo cartos doutras partidas,  pero David Castro ocultouno non incluíndo unha partida no orzamento. Agora temos que repoñer o que se pagou con cartos de toda a veciñanza.

Tamén se desfasou o consumo de auga municipal, nun ano onde non houbo seca, e nada máis e nada menos que 50.000€. Iso son moitos litros de auga polos que David Castro sabía que íamos pedir explicacións.

Como tamén debe dar explicacións e polos supostos 10.000 € en “suministros “ para o colexio cando a partida era como cada ano de 1.500€., aos que hai que sumar outros 12.000 € para mantemento enriba dos 8.000 € inicalmente orzamentados, cando no colexio non consta ningunha reparación dese calibre.

E hai má unis cuestións que comentaremos máis adiante, como que se aumente en 5.000 € , un tercio, a partida para asistencias a plenos e comisións cando resulta que temos as mesmas e o mesmo numero de concelleiros que nos anos anteriores, e ademais a día de hoxe non se pagou nin un euro por ese concepto neste 2024. Ou o descontrol coas obras na rúa condesa, que non sabemos a canto vai a chegar o seu custe final. E unha serie de partidas de carácter xenérico que non se quixo especificar e polo tanto, non deberían aparecer na proposta. 

  En resumo, “David Castro pretendía levar a pleno unha proposta para pagar etceteras e cousas sen especificar nun exercicio de ocultación difícil de soster, e agora pretende que a culta é de Somos Ribadumia por esixirlle a mesma transparencia á que obriga a lei. Pois debo darlle  señor Castro unha mala nova: a veciñanza vai saber en que enterra os seus cartos, queira el ou non queira”.

   Dende Somos Ribadumia consideramos moi importante manter a coherencia do discurso cos feitos. Viñemos para defender unha xestión transparente do que é de todos e todas,  e non imos pasar por menos. Outros quizais consideren que pedir a retirada dun punto dun Pleno por que non se cumplen as normas de transparencia e de prazos para que a oposición faga o seu traballo resulta esaxerado ou unha estratexia política errada, ou algo “pouco prudente”, pero nós, que antepoñemos os intereses da veciñanza por enriba do interese partidista, e tamén a nosa coherencia como formación política, non temos esa opinión. Onte Soutelo poderia estar no pleno falando de xeralidades por non ter todos os datos, pero nós non imos aos plenos a iso, imos a falar dos problemas da veciñanza e de Ribadumia, e gustanos ir con coñementos e datos, por iso pedimos toda a documentación. E onte preferiamos ter a Soutelo nun pleno expoñendo a nosa posición ante este desastre, pero parécenos que o primeiro debe ser o respecto polos funcionamentos democráticos que son os que nos igualan a todos ante a veciñanza, e non permitr que un alcalde faga o que lle veña en gaña. E se por non facer as cousas ben, ou por facelas de maneira interesada, o señor alcalde ten que suspender un pleno, que o suspenda. A responsabilidade segue sendo de que goberna.

Deixar un comentario