David Castro volve ter bloqueado o pago das axudas económicas ás entidades deportivas e asociacións do Concello.
- As axudas anuais a colectivos están aprobadas, pero nin se pagaron os adiantos nin o resto de axudas.
- O prazo para xustificar as axudas e poder cobralas rematou o 30 de novembro, pero os cartos non chegan.A situación é inaceptable.
- Non son só as axudas correntes, tamén se retrasan o pago de convenios e de axudas específicas para comedor escolar e transporte do CRA, entre outras.
- Pedimos a David que pague o que debe, e que dea a cara e explicacións ante a veciñanza, e que asuma as consecuencias políticas deste desastre de xestión.
Que David Castro deixou a maior parte dos colectivos do concello abandonados, cando directamente non os ataca por non ser “da súa corda”, é algo que vimos repetindo dende fai meses, ou incluso anos, pero cada día que pasa, os feitos dannos máis a razón.
Vémonos na obriga, unha vez máis, de por de relevancia a situación de desprezo e de falta de respecto que o goberno do señor Castro mantén cara os colectivos do noso Concello. As axudas anuais que o Concello de Ribadumia concede a entidades deportivas e asociacións culturais, sociais e de comercio, aprobáronse con seis meses de retraso, pero é que estándo xa aprobadas, e vencido o prazo de xustificación, están sen pagar.
Pero non é só iso, é que o adianto do 25% , que se ten que efectuar de xeito inmediato unha vez se aproben as axudas en pleno, cousa que aconteceu o pasado 14 de outubro, están a día de hoxe sen realizar. Cabe recordar que este adianto do 25% foi aprobado estando Somos Ribadumia no goberno co único obxectivo de aportar algo de liquidez aos colectivos, tendo en conta que esas axudas se aprobaban normalmente antes do verán, pero xa con medio ano andado, co cal nalgún caso ese adianto era un balón de osixeno económico importante que agora se lle nega aos colectivos. Todos isto ao señor Castro dálle bastante igual, tanto que o 100% das diferentes axudas que o Concello concede a colectivos e entidades, dende as ANPAS aos diferentes clubs deportivos, están a día de hoxe sen pagar, e algunha fraccionada, como as axudas para o taxi ou o convenio con O Muiño polo uso do ximnasio, páganse con meses de retraso, co prexuízo que iso ten para estas entidades.
Os únicos que polo visto recibiron todo o que precisaban foron os do Arousa Fútbol Sete, co cal xa quedan claros os intereses do señor alcalde, e ningún deles é Ribadumia.
Con partidas económicas dende xullo.
E non é, a priori, por falta de cartos. A falta de orzamento foi a escusa en anos anteriores, escusa valeira de contido porque as axudas levan anos conxeladas e ante a falta de orzamento regular, fica prorrogado o do ano anterior, polo que sempre houbo dispoñibilidade para pagar as axudas. O orzamento deste 2024, logo das reiteradas e falsas promesas de David Castro, en vez de chegar en decembro do 2023 como moi tarde, chegou en xullo do 2024… Pero chegou. Polo tanto, non hai nin escusa nin explicación posible que xustifique este retraso nos pagos aos colectivos do noso concello, salvo dúas: a completa incompetencia para o goberno de David Castro, ou que reteña os fondos intencionadamente. Ou ambas.
Por ese motivo, pedimos a David Castro que ,antes de nada e de xeito inmediato, pague todo o que ten atrasado, e despois que dea a cara e explique publicamente por que motivo somete aos colectivos a este castigo. Se o motivo é a incompetencia política, que asuma responsabilidades, que por algo é alcalde, e cese á concelleira de Contas, e se o motivo é interese político ou mesmo os seus odios persoais, que dimita el directamente.
