David Castro rega con cartos o Arousa Fútbol 7 mentres nega subas e axudas ás entidades locais.

  • Pasou de poñer 12.700 € no 2019 a case 21.000 € neste 2024.
  • En catro edicións, o David Castro meteu  71.000€  nese evento.
  • O Concello de Ribadumia aporta o 10% do orzamento do AF7, pero non recibe nada do beneficio económico.
  • David Castro ao tempo que rega este evento deportivo, négalle melloras nas axudas ás entidades locais e aos eventos que organizan  e castiga ás que lle resultan incomodas.
  • Fondos da Deputación que deberían ir a eventos organizados por entidades de Ribadumia, desviados para o AF7.

  David Castro ocultaba os datos do que lle custa o Arousa Fútbol 7 ao Concello de Ribadumia, tanto que tardou tres meses e dous plenos en responder ás preguntas relativas a esta cuestión que o noso Concelleiro Sergio Soutelo presentou por rexistro para ser respondidas en Pleno.

  Tratábase de saber cando lle custa cada ano o Arousa Fútbol 7 ao Concello de Ribadumia. Vaia por diante que dende a nosa formación non temos nada en contra dese evento, pero sempre que non prexudique nin supoña un menosprezo ao traballo do resto de entidades deportivas deste concello e que o custo sexa razoable, nada do cal se da a día de hoxe.

  No último Pleno Ordinario, o goberno local deu por fin  os datos do que leva gastado o Concello de Ribadumia nos anos 2022, 2023 e 2024. Recordemos que o torneo trasladouse a Ribadumia no ano 2019, cun custe para as arcas municipais de máis de 12.000 €, logo tivo un parón pola pandemia e retomouse no ano 2022. Dende entón o Concello aportou en tres anos:  18.805,21 € nese 2022, 18.283,38 no ano 2023 , e xa nesta última edición, 20.887,92 €. En total, nas catro edicións celebradas o Concello tivo uns custes de 71.000€.

   Para a nosa formación, xa non se trata da cantidade, que en calquera caso nos parece excesiva, tanto que este ano supuxo máis do 11% do orzamento total do evento, cifrado segundo datos da propia organización en 180.000 €, uns cartos  que van a fondo perdido ao financiamento dun evento que recordemos, é privado. O que nos parece inaceptable é o agravio comparativo e a actitude que David Castro mantén cara as entidades do noso Concello ao tempo que pon alfombra vermella  e  cartos da veciñanza a este evento organizado por unha entidade de fora de Ribadumia.

  Porque mentres que para este evento David Castro dispón todo tipo de facilidades e fondos sen reparar en gastos, aos clubs do noso Concello négalles dende o ano 2016 un aumento das axudas económicas, ata o punto de que ao haber mais entidades que no 2016, hoxe por hoxe están todas ingresando menos que naquel ano. A partida total, para repartirse entre todos os clubs é de 34.000 €. Por tal motivo ningunha entidade  recibiu nos últimos anos máis de 10.000 €.

   Dáse outra circunstancia, que é que a partida para eventos deportivos neste 2024 era de 12.000 €., que foron na súa maior parte ao Descenso do Umia.  Así que nós temos curiosidade por saber de onde saen os cartos para afrontar este evento, que so pode ser de recortar noutras cuestións. A este respecto, temos que lamentar que do total de cartos que o Concello destina ao AF7, unha parte se sacou da partida que a  Deputación da ao Concello de Ribadumia para eventos deportivos.  Isto é o mais lamentable. Resulta que se lle racanean os cartos aos eventos que organizan os clubs do noso concello, e ao tempo cóllense as axudas que veñen da Deputación para darllos ao AF7.

   A comparación tampouco se sostén ante outros eventos organizados por entidades locais. O que máis fondos recibe é o Descenso do Umia, pero leva a metade do que leva o Arousa Fútbol 7.  Outros eventos como a Copa Ribadumia, a MINI- BTT ou o RallyMix levan pouco máis que apoio loxístico e uns trofeos, que todo ten un custe, pero moi inferior.  De feito, a proba internacional  de ciclocross que levaba un par de edicións asentándose con moito éxito e moito máis traballo por parte do Club Ciclista Ribadumia, este ano caeuse do calendario de probas locais, sen que David Castro movera un dedo.

   E despois está “todo o demais”.   David Castro mantén enfrontamentos, en maior ou menor medida con case todas as entidades deportivas do noso Concello. Recordemos o enfrontamento xudicializado co Xuventude Sisán, que David Castro debe agora resolver por mandato xudicial. Pero o máis grave é a negativa do señor Castro a renovar o céspede artificial de A Bouza, un capricho persoal del e do seu acólito Miguel Castro, que instaurou un ambiente enrarecido entre esa entidade e o goberno local, rodeado de ameazas veladas ou non tanto  e de malas formas.

   Dende Somos Ribadumia estamos e estaremos de acordo en que se apoien todo tipo de eventos deportivos, pero debe haber unhas prioridades, e esas prioridades deben ser os eventos organizados polas entidades locais que traballan cada día cos nosos nenos e nenas.  E dende a nosa posición non podemos apoiar nin validar os comportamentos por acción ou por omisión das persoas que forman o goberno de Ribadumia cara as entidades deportivas do noso Concello. Esas formas, esas actitudes e esa maneira de usar os recursos do Concello e as decisións políticas para dar premios e castigos  en base a intereses políticos e persoais  parécenos totalmente inaceptable.

Deixar un comentario