David Castro oculta a realidade sobre a xestión da reciclaxe en Ribadumia.

  • David Castro fala dun suposto contrato de xestión dos mini  puntos limpos, pero non hai constancia del.
  • Con quen se contratou esa xestión? Canto nos vai costar? Para que queremos entón o punto limpo de Leiro?
  • David Castro, sen presentar un documento, acusa de mentir a Somos Ribadumia , que presentamos informes, documentos e imaxes. O mundo ao revés .
  • Manda comunicado  para responder do que lle interesa. Pero cala ante a realidade  do lixo amoreado no almacén municipal e en Leiro e do Punto Limpo paralizado dende fai máis de un ano.

  David Castro tivo a ben ir á prensa a  falar de que dende Somos Ribadumia mentimos no relativo á xestión dos puntos limpos de proximidade  colocados fai uns días. Pero fixoo sen presentar un só documento que demostre o que di.

   Chama a atención esta resposta que, como a que tivemos en relación coa Carballeira de Ribadumia, non se acompaña de datos  concretos. Por qué as preguntas ante as declaracións son evidentes: que empresa vai xestionar eses mini puntos limpos? Canto lle vai costar á veciñanza de Ribadumia?

Hai máis preguntas. Certamente  temos constancia do proceso de contratación dos puntos limpos de proximidade, pero unicamente  para a súa adquisición e colocación. Non consta ningún proceso de contratación de servizo da xestión. Tampouco figura partida orzamentaria  para tal fin, Pero, para que non quede dúbida, xa que David Castro oculta a documentación, o noso Concelleiro xa solicitou copia de toda a documentación relativa a esta cuestión, e así corroborar a versión do señor Castro .

  Se se confirmara a existencia dalgún contrato de xestión deses puntos limpos, teremos que preguntarnos para que queremos entón investir máis de 300.000 € na ampliación do  Punto Limpo de Leiro. E para que queremos ter un punto limpo se despois parte da súa xestión se vai derivar a través  de terceiros. Isto tería algo de  sentido se o investimento se realizara en dotar todas as parroquias en puntos limpos de proximidade para zonas rurais, como teñen concellos como Sanxenxo ou Vilagarcía. E se fixera outra xestión da reciclaxe distinta da que se está facendo. Pero non foi o caso. David Castro comprou tres puntos limpos de proximidade de carácter urbano, moi bonitos pero con pouca capacidade, mandou á concelleira do ramo facer unha foto e pensa que con iso xa está solucionada a xestión da reciclaxe.

  Pouco serio nos parece. Como nos parece pouco serio e ademais indignante que gaste tinta en sinalar á Somos Ribadumia, pero que non explique como pode ser que case nove meses despois de rematadas as obras do punto limpo, este siga pechado, nin  explique de onde saen e como se está xestionando as moreas de lixo que temos no almacén municipal  nunha explanada en Leiro, por certo só carón dunha instalación deportiva pola que pasan nenos todas as semanas.

   Pedimos a David Castro que abandone  comportamentos infantís e cumpra coas súas obrigas, xestionar e dar a cara ante a veciñanza. E que explique o desastre da súa xestión da reciclaxe.

Deixar un comentario