Ante as mentiras de David Castro sobre a Carballeira, datos confirmados.

- Non existe a día de hoxe ningún informe do Areeiro que confirme que o estado actual da Carballeira de Ribadumia sexa bo.
- Ningún informe do Areeiro di que non se deben plantar carballos, nin rarear da maneira en que fixo.
- David Castro nin sequera comprobou a existencia a día de hoxe de árbores enfermas na Carballeira.
- Mentiras e falsedades para tapar a súa incapacidade para recuperar unha carballeira que sigue acumulando árbores mortas.
Vimos de ter constancia dun comunicado emitido polo goberno de David Castro onde se nos acusa de mentir e de realizar acusacións infundadas, segurando unha serie de cousas, sen aportar ningún tipo de proba, que nos obriga a facer unha serie de aclaracións.
David Castro fala dunha visita e dun informe da Estación Fitopátoloxica do Areeiro que asegura que a Carballeira está nun estado óptimo. A realidade é que o noso Concelleiro Sergio Soutelo solicitou formalmente fai un ano estar presente se se producía unha visita dos técnicos da EFA. Soutelo non foi advertido de ningunha visita, e no Concello non consta ningún informe desa entidade, polo que puideron vir ou non vir. De feito, en base ás declaración en distintos plenos da Concelleira de Contas, non está claro se viñeron ou se falaron por teléfono. E en todo caso, no pleno celebrado no mes de outubro o goberno local admitiu que unicamente existe un informe da EFA, do ano 2016, e que as actuacións se fixeron en base a ese informe, totalmente desactualizado, e ademais esa afirmación é falsa.
Compre aquí deixar claro que o informe emitido polo Areeiro en maio do ano 2016 recomendaba, podar as ponlas mortas, retirar as arbores mortas e dominadas, destoconar, e aplicar funxicida para o oidio. Ese informe non recomendaba rarear a Carballeira da maneira en que fixo o goberno local cortando árbores innecesariamente, e aínda que expresaba que efectivamente nalgunha zona a densidade de árbores era alta, a recomendación era de únicamente sacar árbores dominadas nas zonas máis densas . Todas as recomendacións dese informe leváronse a cabo entre ese ano 2016 e o ano 2017, e no caso do tratamento contra o oidio e contra a enfermidade que naquel momento xa matara varias arbores, ata o 2019, como poden dar fe diversas comunicacións nas redes sociais do Concello.

O que non queda moi claro é como pode ser que, se a visita dos técnicos do Areeiro se realizou tal e como declarou no pleno de outubro a Concelleira Vanesa Jorge antes da rarea, puideran emitir un informe dicindo que a carballeira agora está en mellores condicións debido a unha rarea que aínda non se realizara naquel momento. Mentira enriba de mentira pois, insistimos, non existe informe desa suposta visita. Por certo ,si existen informes de visitas anteriores, a primeira no ano 2007 cando se detectaron as primeiras árbores enfermas, pois os problemas da carballeira veñen de lonxe, logo outro no 2009, para comprobar que os tratamentos dados naquel momento funcionaron. Todo isto está na hemeroteca e documentado no rexistro do Concello, igual que o informe de 2016, a diferenza dos supostos informes aos que se refire o señor Castro, dos que non hai constancia algunha.
Outra cuestión á que se refire o goberno é a que repoboar a Carballeira iría contra os supostos informes do Areeiro. Outra mentira, no único informe existente dende a chegada de David Castro non se di nada diso. Pero ademais, resulta que sendo David Castro alcalde e con posterioridade a ese informe da EFA, plantáronse carballos. En concreto cinco árbores o 11 de novembro de 2016, nunha actividade conxunta co xeriatrico. E isto fíxose, porque do mesmo xeito que nunha zona da carballeira a densidade era alta, noutra parte, nunha superficie que ocupa a metade da mesma, quedan ocos moi grandes que se pretendían cubrir. Pero a realidade é que naquel momento no goberno estaba Somos Ribadumia, e hoxe David Castro prefire ter sitios para palcos antes que carballos.

Logo está o baile de cifras de David Castro. Seguindo o fío das súas propias declaracións en setembro do ano 2023 unicamente había unha arbore morta en toda a carballeira. Logo en novembro resultou que en realidade había oito árbores, que foron as que se cortaron. Agora declara que se cortaron – a parte do rareado – dúas arbores enfermas máis, pero ao mesmo tempo asegura que non hai enfermidade ningunha que estea afectando á Carballeira. Pois ben, este mesmo venres puidemos comprobar in situ a existencia de cando menos unha arbore enferma e posiblemente, a vista do seu estado, xa morta. Ademais, o que non fixo o señor Castro foi seguir a recomendación do Areeiro e retirar tamén os tocóns das árbores mortas. Non so iso, convén recordar que no outono pasado, logo de cortar oito árbores, ordenou tapar os tocóns para que non se vira que se había pasado a motoserra, nun intento bastante infantil de tapar os feitos e soster a súa mentira de que á carballeira non lle pasa nada.

En resumo, David Castro é moi dado a sinalar de mentireiros aos demais, pero a realidade é moi terca e no caso da Carballeira está á vista de todo o mundo: cada ano que pasa dende que David ten a maioría absoluta, menos carballos, rareas innecesarias, arbores mortes e enfermidades que non se están tratando, informes que non existen e declaracións falsas para tapar a realidade. E mentres David Castro enreda, a carballeira está morrendo.
