David Castro coloca uns puntos limpos de proximidade sen ter mecanismos para xestionalos .
- Coloca tres puntos limpos de proximidade pero non ten operativo o punto limpo de Leiro nin mecanismo para a xestión dos de proximidade.
- Sen punto limpo e sen xestión da reciclaxe, a donde vai ir o que se recolla neses puntos?
- Mesmo problema coas “illas ecolóxicas” colocadas en varios puntos do Concello.
- Moito falar de reciclaxe, pero vai todo a Sogama, e o que non acumulao o propio concello nunha explanada sen control de ningún tipo en Leiro e na explanada do almacén municipal.
- A privatización da recollida do lixo, o tapado de David Castro.
O chiste cóntariase só, se fóra a facer gracia. Pero non fai gracia ningunha. O goberno de David Castro vén de anunciar a colocación de tres puntos limpos de proximidade, Unha broma de mal gusto dado que non ten os recursos para a súa xestión, porque o punto limpo onde xestionar todo iso leva un ano pechado.
O punto limpo de Leiro pechouse en novembro do ano pasado. Primeiro por obras, despois por unha suposta falta de permisos, derivados dunha ampliación que xa dixemos que era innecesaria, e agora non sabemos por que, aínda que temos a sospeita de que David Castro vai incumprir outro dos seus compromisos e vai privatizar a xestión do punto limpo e a recollida do lixo.
E mentres, topámonos con medidas enfocadas á mellora da reciclaxe que son unha estafa á veciñanza. A última a colocación de tres puntos limpos de proximidade. Vaia por diante que nós estamos moi a favor de calquera medida orientada á mellora da reciclaxe. Pero as medidas teñen que ser efectivas. O problema da colocación destes puntos limpos de proximidade é que o Concello non ten actualmente xeito de xestionalos. Polo tanto, todo canto se deposite neles rematará no contedor do lixo xeral, ou sexa, en Sogama e sen reciclar.
E non é un problema novo. No verán pasado o Concello instalou unhas “illas ecolóxicas” en varios puntos do Concello, con contedores separados para papel, plástico, vidro e orgánico. Nun Pleno posterior saíu a relocer que o recollido nesas illas ecolóxicas se estaba tirando todo ao camión do lixo xeral, e polo tanto non se estaba reciclando, unha situación que se mantén.
Dous puntos de verquidos “controlados”.
A esta situación que para nós é inaceptable, súmase que David Castro, vítima das súa propia neglixencia, ao non ter onde acumular o lixo e enseres que deberían ir ao punto limpo, “habilitou” un punto de acumulación de lixo e escombro en Leiro, nunha explanada aberta completamente e sen ningún tipo de control, pegado a un monte e a unha canle de auga, a escasos cincuenta metros do Punto Limpo pechado, e con contedores procedentes do propio Punto Limpo.
Este ademáis é o segundo ”punto” de acumulación habilitado, pois o goberno local leva meses xuntando lixo, cheiros, filtracións e insalubridade para os traballadores do Concello na explanada do almacén municipal, unha situación que xa tivo algunha visita Garda Civil, pero parece que sen moito resultado, visto que se sigue actuando da mesma maneira.
Dende Somos Ribadumia queremos facer un chamamento a David Castro a que abandone esta maneira frívola e irresponsable de actuar, e recupere o goberno e a xestión do Concello. O Punto Limpo debe abrir de maneira inmediata, pois os problemas non deixan de medrar e volvemos ter a campaña de Nadal enriba. E xa que poñen recursos para facilitar a reciclaxe, que se xestionen correctamente.
