A carballeira de Ribadumia perdeu en cinco anos máis do 20% da súa masa arbórea.
- De preto de 130 árbores contabilizadas no 2019, quedan 95, e baixando.
- Supostas rareas selectivas e unha enfermidade que non se está tratando.
- A solución de David Castro : pasar a motoserra.
- Dende Somos Ribadumia propuxemos unha mesa de traballo para a xestión dese problema e outros. David Castro negouse a aceptala.
A decadencia da carballeira de Ribadumia, un ben emblemático do noso concello, é perfectamente visible, para todo o mundo salvo para David Castro, que no último Pleno declarou que está nun “estado aceptable”.
A realidade neste caso, ademais de ser observable a simple vista, está avalada polos números. En 2019 contabilizábanse na carballeira de Ribadumia preto de 130 árbores, e iso despois de perder varias árbores por unha enfermidade tratada no 2017 . Esa mesma enfermidade, un insecto, non un fungo como declarou David Castro en setembro do ano pasado, volveu atacar á Carballeira pola falta de coidados preventivos, liquidando outra decena de árbores dende o 2019 ata o momento actual. En setembro do ano pasado puxemos de relevancia a situación da Carballeira. David Castro un xoves negou esa situación en Pleno, e ao día seguinte deu orde de cortar as árbores mortas que segundo el non existían. O que non fixo foi proceder a dar ningún tipo de coidado sobre unha masa de arbores minguante, co resultado de que hoxe volvemos ter carballos xa moribundos na Carballeira.
O curioso da situación é que fai unhas semanas, David Castro deu orden de realizar unha corta selectiva, supostamente para “rarear a masa arbórea” , en base a un informe do ano 2016 da estación fitopatolóxica do Areeiro, aínda que vendo como foi a rarea o que se fixo foi cortar preto da urbanización lindeira. Fora como fora, a realidade é que cortou unha vintena de árbores sás e deixou sen cortar e destaconar, como recomendaba o mesmo informe, arbores que están enfermas.
O resultado da xestión de David Castro é que a carballeira perdeu mais do 20% do seu arborado en menos de cinco anos – xa só quedan 95 árbores das 130 contabilizadas en 2019 – e vai seguir perdendo porque segue habendo arbores enfermas e moribundas e non se está aportando ningunha solución máis que pasar a motoserra. Tampouco se está repoboando nin se está traballando en ningún tipo de recuperación da masa arbórea, e iso que David Castro tivo oportunidade a través dun programa da Deputación de conseguir árbores sen ningún custe para o Concello, mais non quixo facer a xestión. Os números de David Castro en cinco anos son: 30 carballos cortados, 0 carballos prantados. De 130 árbores a 95, e baixando. A este ritmo, David Castro vai pasar á historia como o alcalde que deixou morrer a Carballeira de Ribadumia.
David Castro, contra de calquera solucion.
Dende Somos Ribadumia presentamos fai meses unha moción cunha proposta para dende o ámbito político e coa axuda de persoal técnico, facer o que non se está facendo, que é disporr un plan de actuacións que permitan unha xestión da Carballeira e doutros espazos emblemáticos do noso concello e a súa posta en valor.
Pero David Castro é como o can do hortelán, nin come nin deixa comer. Xa non é que retrasara a moción meses e que despois impedira a Sergio Soutelo defendela no Pleno, é que se nega a aceptar o penoso estado no que están as zonas verdes do Concello e o abandono ao que ten sometido o noso patrimonio e, o mais lamentable, resulta incapaz de actuar e de aportar solucións e de xestionar unha situación que non só da mala imaxe, senón que está matando o noso patrimonio natural e cultural, e non unicamente a carballeira de Ribadumia, pois outros espazos como as sendas fluviais ou a ampla rede de lavadoiros, fontes e espazos verdes están pagando o prezo do abandono e das malas decisións de David Castro.
Dende Somos Ribadumia temos claro que a nosa posición debe ser a de axudar a mellorar o noso Concello, por iso, a pesar dos desprezos e da falta de educación e respecto de David Castro e do seu equipo, mantemos a nosa man aberta ao diálogo e estamos dispostos a axudar ao goberno local a poñer solución aos problemas que enfronta Ribadumia.
