David Castro impide a Sergio Soutelo falar no Pleno cunha estratexia de covardía e abuso de poder .
- David Castro bloqueu o dereito de Sergio Soutelo a defender a súa moción e a realizar preguntas.
- Actitude covarde e de abuso de poder ao non lograr o obxectivo de que Soutelo se levantara e marchase.
- David Castro pretende bloquear a voz da veciñanza e que non fagamos públicos os desastres da súa xestión. Spoiler: non o vai conseguir.
No Pleno deste pasado xoves volvemos vivir un episodio esperpéntico gracias ás actitudes covardes e aos abusos de poder de David Castro que se valeu da súa posición para bloquear as intervencións do noso concelleiro Sergio Soutelo.
David Castro, que igual traía algo de jet lag logo de pasar uns días en Madrid, chegou decidido a impedir que Soutelo expuxese na parte final do pleno as súas preguntas, preocupado polos asuntos que o noso concelleiro puidera facer públicos.
En verbas do propio Soutelo, “a estratexia do señor Castro foi evidente dende o momento en que no debate sobre unha moción presentada por nós, me impediu responder aos seus argumentos e aos do resto de partidos, abusando da súa posición de alcalde aínda que sabe perfectamente que como poñente tiña o dereito legal de falar e defender a nosa moción”. O normal sería, ante esa actitude despótica, levantarse e abandonar o Pleno, e de feito Soutelo valorouno porque este tipo de actitudes non se poden permitir, pero ao final, tendo en conta que tiñamos outras cuestións que falar de interese para a veciñanza, decidiu continuar, pero ainda asi abandonou temporalmente o Pleno nese momento para amosar o seu desacordo coas formas e actitudes de David Castro, volvendo aos poucos segundos para seguir co Pleno.
Isto debeu ser un revés para David Castro pois foi evidente que o que quería era que Sergio abandonase o Pleno de maneira definitiva e non chegase ao punto de rogos e preguntas, pero non tiña a valentía – nin motivo- para expulsalo. Máis adiante, ao chegar ao punto de preguntas para a oposición , volveu tentar que Sergio abandonara o pleno negándolle a súa quenda de palabra e forzando a situación nun exercicio tan absurdo como ridículo. Como Sergio non cedeu á provocación, o señor Castro rematou por darlle a palabra, pero só para retirarlla aos poucos segundos pechando o pleno sen que o noso concelleiro puidese exercer o seu dereito de control de goberno, preguntando por varias cuestións de interese para a veciñanza e solicitando algunhas actuacións.
Tanto a actitude, covarde e despótica, como o feito de impedirlle ao noso concelleiro exercer os seus dereitos, son totalmente inadmisibles, e dende a nosa formación tomaremos as medidas necesarias para corrixir esta situación e que non volva a ocorrer algo así. Os concelleiros e concelleiras teñen obrigas, pero tamén teñen dereitos, e o noso dereito a defender os intereses da veciñanza non o vai anular ningún alcalde.
Dende Somos Ribadumia queremos amosar o noso apoio ao noso Concelleiro e ao traballo que realiza poñendo o interese da veciñanza por diante das súas posicións persoais, e agradecemos o apoio recibido do resto de forzas políticas.

