David Castro leva a pleno unha nova ordenanza para a xestión da biomasa.

- A norma propón que os veciños poidan denunciarse entre eles, unha serie de multas, e varias cuestións de ética e legalidade discutibles, como a obriga de incluir nas denuncias particulares fotos das parcelas denunciadas.
- Dende Somos Ribadumia aportamos varias melloras e correccións ao documento.
- Propoñemos que o Concello dispoña un servizo municipal de xestión de biomasa.
Este xoves terá lugar, se David Castro non volve meter a pata coa documentación e a convocatoria, o Pleno Ordinario de novembro no cal o goberno local ten previsto debater e aprobar unha ordeanza local para a xestión da biomasa.
Vaia por diante que nós a priori non estamos en contra da aprobación deste regulamento, que de feito chega bastante tarde, pero non podemos pasar por alto certas cuestións que se recollen no borrador que para nós son mellorables, e nalgún caso inadmisible.
O texto pretende establecer a obrigatoriedade manter limpas de maleza e especies pirófitas as parcelas das zonas urbanas, núcleos rurais e faixas de seguridade, en consonancia coa normativa autonómica, pero inclúe medidas moi discutibles. A mais chamativa é a obrigatoriedade de que os veciños que consideren que unha parcela non cumpre a lexislación deben aportar coa correspondente denuncia e identificación da parcela fotos da mesma. David Castro pretende con esta obriga ter un escudo cando un propietario dunha parcela denunciada lle proteste e poder cargarlle a responsabilidade da denuncia a outra persoa. Esta fórmula de descargo non é nova en David Castro, pero obrigar a unha persoa que realice fotos da parcela doutra persoa ademais de que é algo ilegal, é unha medida que únicamente vai servir para crear e aumentar os conflitos entre a veciñanza, e ademáis resulta de todo excesivo e innecesario, pois a propia norma expón que deben ser os técnicos municipais os que se persoen na parcela denunciada e comproben se efectivamente se cumpre a normativa ou non.
Como explica o noso concelleiro Sergio Soutelo “David Castro parece encirrado en buscar a división da veciñanza e favorecer enfrontamentos, e de paso escorrer as súas responsabilidades. O goberno local debe ser quen cada ano comprobe que dentro das zonas se seguridade se cumpren as normas , e non deixarlle a responsabilidade da denuncia á veciñanza, non digamos xa esixirlles fotos de propiedades privadas”.
Hai máis incoherencias, como que mentres en toda Galicia o prazo límite para que as parcelas estean en condicións aceptables se establece a finais de maio, David Castro pretende alongado a finais de xuño, en pleno verán. Ou que logo de aberto un expediente por parte do Concello ante unha parcela sen limpar, pasados os quince días de prazo para a corrección da situación, non se estableza a obrigatoriedade de que os técnicos pasen por esa parcela a corroborar que se corrixira a situación. Neste aspecto consideramos que os expedientes que se abren deben pecharse, e os técnicos deberían pasar obrigatoriamente a corroborar que se corrixen está situacións que non esquezamos que teñen como obxectivo evitar incendios, as consecuencias derivadas dos mesmos, e en última instancia salvar vidas. Ademais, dicir que os técnicos “poderán” pasar pola finca a comprobar se se corrixiu o que estaba mal, pode levar a un uso politizado da norma, con veciños aos que se lle mira con lupa e outros aos que non.
Tampoco nos parece nada correcto que se fale de que o Concello poderá proceder ante un incumprimento á limpeza subsidiaria das parcelas, pero non establezca como corresponde nunha administración pública Unha tabla de prezos, deixando a porta aberta a que o Concello cobre o que considere, nin que non recolla a posibilidade ou alternativas para o caso de persoas que non poidan por algún motivo facerse cargo da xestión da súa parcela.

Traballar en positivo.
Dende Somos Ribadumia analizamos debidamente todo o texto, e ademáis das cuestións que vimos de expor, topamos algún axuste máis que consideramos que debe realizarse e que melloraría unha norma que entendemos que pode ser necesaria, pero que non pode pensarse como un mecanismo de exención de responsabilidades políticas, e si debe aportar ferramentas que faciliten a sensibilización e participación da veciñanza na prevención de incendios. “Mais colaboración, máis recursos, menos denuncias e menos multas”. Por este motivo, presentamos unha serie de melloras ao documento que propón o goberno local, para corrixir incoherencias e as cuestións arriba mencionadas, e aportando algunha proposta que consideramos moi necesaria.
Unha cuestión a remarcar que propoñemos é que o Concello saque a concurso -asumimos a incapacidade de David Castro para xestionalo directamente – un contrato para a limpeza de parcelas, creando así un servizo municipal de limpeza de parcelas. Esta medida permitiría aportarlle á veciñanza unha alternativa pública, a prezos razoables, e facilitar e abreviar a xestión no caso de limpezas subsidiarias. E dicimos isto sabendo que existe a posibilidade de que Seaga se faga cargo, pero é un servizo que non vemos que estea funcionando moi ben, de feito existen queixas por como xestionan a limpeza de montes – que é arrasando todo sen contemplacións – ata o punto de que a norma proposta por David Castro nin sequera contempla a posibilidade de acudir a esa vía, e ademais nós apostamos por unha xestión mais próxima á veciñanza.
Propoñemos outras cuestións como que cando se inicie a campaña de prevención se publique un listado de empresas locais e comarcais que dean servizos de limpeza de parcelas, pois non todo o mundo dispón dos recursos para manter as súas parcelas en condicións e moitas veces o problema radica en encontrar empresas que fagan o traballo, ademais nuns meses, os de primavera, nos que para esas empresas hai moito traballo .
En todo caso, a nosa proposta fixémoslla chegar a todos os partidos con representación e agardamos que de aquí ao xoves sexa posible consensuar un documento que agardamos se aprobe por unanimidade
