A Festa do Deporte ten o formato esgotado, e perdeu o apoio das entidades deportivas.

  • A maioría dos clubs deportivos apenas presentaron candidaturas para recibir recoñecementos na Festa do Deporte.
  • Exceso de politización do acto e con escasa presenza das entidades deportivas municipais.
  • No canto de traballar pola unión e a posta en valor do deporte, David Castro traballa pola división entre as entidades deportivas e a veciñanza.

  O que debía ser un evento de posta en valor dos deportistas e do deporte no noso concello, nos últimos anos derivou nun acto de propaganda política e de competencia forzada  entre as entidades deportivas ata tal punto que os propios clubs están cada vez máis desconectados deste evento.

  Este pasado sábado tivo lugar a Festa do Deporte,  e o evento non fixo máis que poñer de relevancia os problemas dun acto pensado para ser unha cousa, pero que David Castro retorceu ata convertelo noutra, e as consecuencias desa maneira de facer.  Sen valorar o desenvolvemento do acto en si mesmo, con máis presenza de políticos que de deportistas e con ausencias moi notorias por parte das entidades deportivas, a realidade é que os clubs deportivos amosaron en todo o proceso, dende a presentación de candidaturas para os recoñecementos ata a  súa presenza na propia gala, o seu desapego deste evento, que debería ser unha festa para por en valor o deporte ribadumiense e aos deportistas do noso concello,  cun auditorio ateigado de deportistas, pero que rematou sendo un exercicio de propaganda e discurso político, e un intento de David Castro de quedar ben con todo o mundo – de cara a galería –  que tivo o resultado contrario.

   O noso concelleiro Sergio Soutelo mantén unha relación moi fluída con todas as entidades, polo que non se sorprendeu da escasa resposta dos clubs ante este evento “o problema está en como se xestiona todo isto, que é facendo todo ao revés de cómo se  debería facerse. Hai un exceso de intromisión política nas cuestións que deberían valorar as entidades, con xuntanzas para falar de temas deportivos ás que os directivos acoden e se encontran con todo xa decidido,  e ao tempo o goberno descarga nas entidades responsabilidades que debería decidir o goberno, que rematan creando conflito e discusións entre elas. O  propio  mecanismo de recoñecementos xera máis competencia que unidade no deporte local,  ademais de que algúns dos recoñecementos son bastante discutibles e producen máis friccións que consensos”. De feito, a maior parte dos clubs este ano apenas presentaron candidatos e candidatas, o cal tivo como correspondencia que os recoñecementos se concentraran en moi poucas entidades.

   Dende Somos Ribadumia temos moi claro que todo o mecanismo para premiar a deportistas, clubs, adestradores, medios e patrocinadores non tivo unha boa evolución no tempo e que o goberno de David Castro debe realizar cambios de calado.

   Por outra banda, non podemos deixar de por de manifesto que o feito de que David Castro manteña enfrontamentos con parte dos clubs do Concello e xere descontento no resto, xunto coa política de crear división que leva practicando nos últimos anos,  non axudan  en nada a que en Ribadumia poidamos ter unha festa do deporte que sirva para por de relevancia os seus  valores positivos,  nin moito menos amosar a potencia unificada do deporte local.  Por iso pedímoslle a David Castro que abandone a política da confrontación e opte polo diálogo e as boas prácticas, reconduza a relación con  todas as entidades deportivas, deixe de meter cizaña entre elas e entre a veciñanza, e que mude todo o funcionamento da Festa do Deporte para que sexa o  que debe ser, un escaparate da nosa potencia deportiva e unha xornada de convivencia entre entidades, deportistas e todo o que se move ao redor do mundo do deporte local.

  Por ultimo, dende Somos Ribadumia queremos parabenizar a todas  e todos os deportistas e clubs do noso concello, tanto a premiados e premiadas como a  finalistas na Festa do Deporte, pois o recoñecemento foi sen dúbida merecido,  pero tamén con independencia dese evento,  a todas as persoas que practican deporte no noso Concello e aos clubs que fan posible, gracias ao esforzo impagable das súas directivas ,  que sexamos un Concello con tanta forza no ámbito deportivo.

Deixar un comentario