Posible suba de case un 30% no recibo do saneamento.

- A empresa concesionaria da xestión do saneamento propúxolle ao Concello unha suba dun 28,20% da taxa de saneamento.
- O recibo pasará de 48.4€ a 62,51€ (IVE endadido) para as vivendas, e con subas de 30€ a 300€ para as empresas, un auténtico sablazo.
- David Castro oculta a situación sen facer nada.
- David Castro oculta canto nos vai supor a suba de impostos nos próximos meses.
Dende Somos Ribadumia vimos de ter constancia de que o pasado mes de setembro a empresa concesionaria da xestión do saneamento municipal realizou ao Concello de Ribadumia unha proposta de actualización das taxas de saneamento, tanto das de uso da rede, como do resto de taxas relacionadas con este servizo básico, acometidas, análises e inspeccións.

A proposta de actualización, escudándose en que a última actualización foi no 2012, e en que dende entón o IPC subiu un 28,20%, inclúe a solicitude expresa de que se aprobe nos termos propostos, o cal implicaría unha importante suba para a veciñanza e as empresas do noso Concello. En concreto, esta suba suporía pasar dos 48.40 € actuais (ive engadido) aos 62,51 € no caso das vivendas, e dos 105,08 € aos 134,71 € para pequenos negocios, escalando prezos en toda a táboa ata chegar ao máximo para as grandes empresas, que pasarían de pagar 1.155 a pagar 1480,71 €. A mesma porcentaxe de suba aplicaríase ao resto de servizos incluídos no contrato de xestión.


Esta proposta de suba, que David Castro oculta aos grupos da oposición e á opinión pública, súmase a outras subas previstas como a do lixo, que no caso máis optimista suporá unha suba do 50%, , pero tamén as xa acontecidas como a da auga, ou o golpe que nos meteu Augas de Galicia polo uso da depuradora de preto de medio millón de euros, que xa foron asumidos ambos polo Concello, cargándollos á caixa común da veciñanza. En calquera caso, David Castro, que mantén ao Concello sumido no caos económico, no vai poder aguantar moito sen repercutir estas subas no recibo, ademais no caso da do lixo vaino ter que facer obrigatoriamente.
O silencio de David Castro.
Dende Somos Ribadumia esiximos en primeiro lugar explicacións públicas, pois no pleno da semana pasada, nun momento no que se falou de impostos ao fío dunha moción do PSOE, David Castro evitou intencionadamente falar da situación á que se enfronta o Concello, que pode supor unha suba no curto prazo da maior parte das taxas municipais, e ademais en porcentaxes importantes, que poden supor no seu conxunto ao redor – coas estimacións máis baixas – de 120 €/ano máis por vivenda, polo que estariamos falando dunha suba conxunta e de golpe do 50% das taxas municipais, unha autentica barbaridade. Non só evitou falar da realidade do noso concello, senón que intentou arrastrar ao PSOE – que defendía nese punto o que nós consideramos e por iso apoiamos unha xusta rebaixa de IBI para quen aposte pola enerxía solar na súa casa – e de paso ao resto da oposición a “ convocar a comisión informativa de contas para falar e tomar acordos en relación aos impostos municipais”, unha trampa coa que pretendía, ocultando a realidade do que ten enriba da mesa, que a oposición lle validase unha suba de taxas.
No caso da suba do saneamento que nos ocupa, descoñecemos o motivo polo cal a empresa concesionaria pide agora unha actualización das taxas, polo que de partida, asumindo que como sempre David Castro non vai dar a cara e moito menos explicacións, imos pedir copia do contrato de concesión e analizar ben a situación, antes de facer máis valoracións, pero a suba proposta, con IPC ou sen el, parécenos esaxerada e ademais non consta que David Castro presentara ningún tipo de alegación ou resposta ante a proposta da concesionaria, polo que nos tememos que vaia aceptar a proposta.
O que si podemos adiantar é que dende a nosa formación non imos apoiar ningunha suba de taxas á veciñanza e ás empresas do noso Concello que non estea perfectamente xustificada, e que imos esixir a David Castro que cumpra os seus compromisos coa veciñanza e non suba impostos, nin de maneira directa nin, moito peor, cargándollos de maneira indirecta ao peto común, como xa fixo coa suba do recibo da auga e taxa da Xunta (gobernada polos amigos do señor Castro) sobre o uso da depuradora.
Xa que David Castro presumiu de xestionar e de garantir que a veciñanza non ía sufrir subas de impostos, usando ademasi esa premisa, a de negarse a subir impostos, para xustificar todo tipo de recortes e a súa negativa a realizar investimentos importantes ou aumentarlle as axudas aos colectivos municipais, que cumpra ese compromiso ou que dimita.

