Penoso e perigoso estado dos parques infantís do Concello.

• O estado actual de varios parques é totalmente catastrófico.
• Xogos rotos, pezas e anacos de xogos tirados polo chan, ponlas de árbores sen retirar, óxidos, falta de proteccións, estruturas en perigo de derrube …
• Completa inacción de David Castro, que tendo perfecto coñecemento da situación non se digna mandar operarios nin sequera retirar o que está roto.
A mala situación dos parques infantís do noso Concello non é nova. Pero o grao de degradación e de abandono dos mesmos chegou a cotas que non se poden aceptar.
Estes días dende Somos Ribadumia achegámonos a comprobar novamente o estado dos parques, e so puidemos comprobar a situación de abandono completo na que se encontran. Pero ademais do estado de abandono e falta de mantemento e atención, temos que por de relevancia a situación de perigo provocada porque tampouco se están retirando os elementos de xogo rotos ou degradados, nin se reparan os buracos no caucho.
Pezas rotas e tiradas polo chan, estruturas como tobogáns, que teñen certo tamaño e pensadas para que os nenos se suban e xoguen a case dous metros de altura, nun estado tan crítico que en calquera momento poden virse abaixo, moita podredume, os cestos e asentos dos columpios cheos de oxido e sen as gomas de seguridade, falla de peches perimetrais de seguridade (obrigatorios por lei) … a lista é longa.
Compre recordar que en setembro de 2022 denunciamos a que xa era unha moi mala situación dos parques infantís, e que se habían estragado 48.000 € dunha suposta intervención “ para poñer ao día todos os parques infantís do Concello” sen que ninguén fora quen de explicar o que se había feito nin en que parques. Dous anos despois, a degradación é completa, ata o punto de que hai pais que están optando por acudir a parques doutros concellos ou que evitan que os seus fillos e fillas usen os xogos porque son un perigo.
Unha vez máis pedímoslle a David Castro que compra as súas obrigas de alcalde, e arranxe os parques infantís do noso concello.
