A solución de David Castro aos problemas de espazo do despacho do educador familiar: poñer aire acondicionado (non é broma).
- David Castro fai oídos xordos ás queixas da veciñanza pola falta de espazo e intimidade no despacho do educador familiar.
- Vai gastar 20.000 €nun aire acondicionado que non lle pediu ninguén, mentes deixar outros problemas sen resolver.
- David Castro ameazou con chamar ao despacho da alcaldía a cada unha das persoas que puxo queixa, pero négase a cambiar o despacho.
- Para reducir as queixas, está traslandando xestións de servizos sociais ao concello.
No pasado pleno o noso concelleiro Sergio Soutelo puxo de manifesto a existencia de numerosas queixas polo despacho do educador familiar, situación que xa temos denunciado tanto nós como os propios sindicatos. “Están entrando queixas no rexistro cada semana, todas polos mesmos motivos: falta de espazo para acceder tanto con carriños de nenos ou cadeiras de rodas como as persoas con mobilidade reducida, imposibilidade física de que estea nese despacho máis dunha persoa, ausencia completa de intimidade, espazo agobiante… A miña pregunta foi que resposta se lle estaba dando a esas queixas veciñais, xa sen valorar a situación do propio educador familiar .”
A resposta foi cando menos curiosa. De partida David Castro “asegurou que a súa intención era chamar ao despacho de alcaldía a cada unha das persoas que cursou queixa no rexistro “para explicarlle a situación dese despacho”. Ante iso aclareille que esas persoas xa saben cal é a situación do despacho, por iso puxeron queixa”. O señor Castro non entrou en máis detalles , pero deu a entender que o que pretende facer é explicarlle a esas persoas que o problema non é o despacho, senón o educador familiar e de paso lerlle a cartilla. Para nós estás actitudes ameazantes cara a veciñanza e de acoso e derribo a un traballador son totalmente inaceptables.
Á vista da resposta “pedinlle ao señor Castro que concretara a solución ao problema do despacho, que é o que xera ás queixas”. A resposta de David Castro foi para enmarcar. “Imos poñer un equipo de aire acondicionado de 20.000 €”, para seguidamente culpar da instalación dese aire acondicionado ao propio educador familiar. Cómpre remarcar que as condicións de falta de calefacción e aire acondicionado en todo o local de servizos sociais, non unicamente no zulo onde atende o educador familiar, son deficientes dende fai tempo, e nós mesmos denunciamos a situación en numerosas ocasións. O que David Castro non dixo foi que quen deu orde de mellorar esas condicións foron os informes realizados pola Inspección de Traballo, xa no ano 2022, polo que o que está facendo David Castro é intentar librarse dunha multa.
En todo caso, queremos recordarlle a David Castro que os equipos de aire acondicionado non fan aumentar o tamaño dos despachos, e no caso dos zulos como o que ten o Concello de Ribadumia para atender á veciñanza que acode a servizos sociais, poden ser ata problemáticos pola acumulación excesiva tanto de calor no inverno, como de frío no verán, ao non dispor ese zulo de ventilación. Neste aspecto insistimos en que as queixas están motivadas polo tamaño do despacho, non por outras causas nin motivos, e que ese é o problema que David Castro debe resolver con urxencia.
Para rematar, temos constancia de que para evitar que sigan producíndose queixas, dende o Concello están desviando trámites que ata agora se realizaban, como corresponde, nas oficinas dos servizos sociais comunitarios ao edificio do Concello, unha actitude absurda que só sirve para sobrecargar ao persoal da casa consistorial.
Ampliamos.
Logo de enviar o texto máis arriba aos medios, DavidCastro foi inquerido sobre está cuestión por un dos medios de prensa comarcais. E ante as declaracións feitas , onde se pretende dicir que a situación ven da época na que este partido formou parte do goberno e Enrique Oubiña levou entre outras a área de Servizos sociais, queremos facer as seguintes aclaracións:
- En primeiro lugar, no pleno da semana pasada Sergio Soutelo preguntou especificamente polas queixas da veciñanza, non pola situación do educador familiar. E o que esiximos nese aspecto é que se atenda ao que xa é un clamor das persoas usuarias dos servizos sociais comunitarios, que é ser atendidas en condicións dignas. O señor Castro pretende desviar a atención falando de aires acondicionados e de cartos, ( e sinalando a Somos Ribadumia, que xa nos parece caer no ridículo) pero nada diso era o obxecto do debate.
Pero vistas as declaracións, compre apuntar:
- A reestruturación de Servizos Sociais, coa adecuación do edificio que antes foi Concello e escola infantil, entre outras cousas, e o posterior traslado de todo o departamento dende o edificio do Concello, fíxose efectivamente por iniciativa de Somos Ribadumia, ao igual que a posterior ampliación para acoller o almacén de roupa e de alimentos deixando prevista unha terceira fase para aloxar a protección civil que non chegou a realizarse, pero en ningún caso se instalou ao educador familiar nun despacho inadecuado, nin moito menos no despacho que ocupa actualmente.
- O local de servizos sociais conta con dous despachos perfectamente válidos, previstos para a traballadora social e para o educador familiar, estando un deles valeiro por orde de David Castro dende que fai meses endureceu a súa guerra particular contra ese traballador, ao que non lle permite usar ese despacho valeiro e obrigandoo a estar nun oco que non estaba previsto para ser usado de maneira continuada nin moito menos para ter un uso continuado por parte da veciñanza.
- En ningún caso Enrique Oubiña ou Somos Ribadumia dispuxo a ningún traballador ou traballadora de maneira permanente, toda a xornada e todos os días da semana, no despacho no que actualmente está o educador familiar, que se usaba unicamente como apoio de maneira puntual para cousas moi concretas.
- No tempo que Oubiña foi Concelleiro de Servizos Sociais nin houbo ningún requirimento da oficina de Inspección de Traballo, nin houbo queixas do persoal , nin moito menos queixas veciñais .
- Insistimos nisto último: queixas con Enrique Oubiña de Concelleiro, cero. Coas concelleiras determinadas por David Castro, houbo queixas de todo tipo, a traballadora social e o educador estiveron de baixa psicolóxica por causas relacionadas coas presións as que os somete David Castro, hai denuncias xudiciais interpostas polo persoal administrativo, e dende que se cambiou de despacho ao educador familiar, entra de media unha queixa semanal no rexistro do Concello por parte de veciños que piden que os atendan noutro lugar máis adecuado.
- A instalacións de equipos de climatización é unha esixencia da Inspección de Traballo, e reclamada polos sindicatos, unha actuación que por certo leva preto dun ano e medio de retraso sobre o propio compromiso de David Castro, que en xuño de 2023 anunciou que a obra estaría feita “en un mes”.
David Castro debe asumir as súas responsabilidades, explicar porque motivo mantén un despacho valeiro dende fai meses, que problema ten co educador familiar e porque lle quere facer a vida imposible, e deixar de sinalar aos demais. Para o caso, recordámoslle a David Castro que leva con maioría absoluta cinco anos, e neste tempo non fixo máis que crear problemas en servizos sociais.
