Inaceptable a situación no colexio de Ribadumia.

  • A coincidencia de dúas problemáticas e ningunha solución poñen en evidencia a xestión da Consellería de Educación.
  • Resulta indigno que unha nai e un pai deban facer garda diante da escola.
  • Non é aceptable que se lle negue o mestre de apoio necesario alegando  unha cuestión burocrática.
  • Esiximos actuacións e solucións inmediatas.
  • Todo o noso apoio as familias afectadas.

   Dende que saiu à luz os problemas que acontecen a día de hoxe no colexio  de Ribadumia, onde coincide que na mesma aula de infantil conviven varios nenos con necesidades especiais superando a ratio establecida e sen o reforzo profesional que fai falla, e cunha desas nenas coa necesidade de contar coa presencia dunha enfermeira cuxa baixa non foi cuberta, estivemos agardando  contando que a gravidade da situación feita pública traería solucións inmediatas. Pero vemos que pasan os días e dende a Consellería só se aportan escusas.

  Dende a nosa formación, en primeiro lugar queremos amosar todo o noso apoio, tanto a esa nai e ese pai que se ven obrigados a facer garda diante do colexio polo único motivo de que o mesmo Conselleiro  que se pasa o día falando do moito que gasta en instalacións non é  capaz a dispor unha enfermeira e rematar cunha situación tan indigna para eses proxenitores, como aó resto de nais e pais que teñen que ver cómo os seus fillos e fillas non teñen a atención que lles corresponde  porque o mesmo Conselleiro non quere tampouco  desdobrar unha aula e poñer un mestre de apoio.

   Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar que ante problemas de solución tan sinxela como básica – dotar os profesionais necesarios para que nenos e nenas poidan recibir a atención necesaria – só escoitemos escusas.  Non é aceptable que a Consellería non conte cunha lista de profesionais para cubrir baixas como a da enfermeira que atende á nena referida, e non é aceptable que coa escusa de que se entregou tarde un papel, a Consellería faga como que hai un neno que non existe. As aulas teñen estipulados  uns ratios por algo, e se superan, sexa a principio de curso ou pola metade do mesmo porque chegue algún neno ou nena novo, ou se se detecta nalgún dos nenos xa matriculados algún que teña necesidades especiais, a Conselleira non pode obviar as súas obrigas.

  Dende Somos Ribadumia poremos as queixas formais pertinentes e esixiremos que se actúe con celeridade.

   Por outra banda, do  goberno local, que no pasado pleno fixo moita declaración de intencións e asegurou que estaban seguindo o tema, cousa que agradecemos, agardamos algo máis que verbas bonitas e feitos vagos, e recordámoslle a David Castro que foi él o que declarou que se vendía ao PP porque así ese partido dende a Xunta beneficiaría a Ribadumia, cando de momento o que estamos notando é precisamente o contrario.

Deixar un comentario