David Castro confirma en Pleno que o céspede de A Bouza non se vai mudar ata o ano 2025 (con sorte).

  • Confirmou que a obra está sen licitar, e que posiblemente non se licite ata o ano próximo, sen concretar data.
  •  Cunha partida orzamentaria aprobada de 267.000€, dixo que “non ten cartos” e que “está buscando financiamento”.
  • Se di que non ten os cartos, que fixo con eles?
  • As mentiras de David  Castro e de Miguel Castro  ao Umia C.F., que o céspede se cambiaría en outubro, e que o cambio leva meses licitado, ao descuberto.
  • Esiximos responsabilidades políticas. Miguel Castro debe dimitir por mentir, por enganar  e por rirse na cara do Umia C.F., e David Castro  como mínimo debe desculparse e darlle xa a volta á esta situación.

   No Pleno Extraordinario do luns , celebrado logo dunha xogada de David Castro para gañar tempo e poder solventar certas cuestións expostas por Somos Ribadumia ás que debía dar resposta, topámonos cunha sorpresa maiúscula, que é que  David Castro gastou os cartos da renovación do céspede de A Bouza noutras cuestións, deixando esta actuación no aire.

  Preguntado varias veces por esta cuestión, David Castro declarou que o cambio de tepe do campo de fútbol de A Bouza non se pode licitar neste momento porque non conta con financiamento suficiente, declarando que se están buscando fondos para poder acometer a obra, pois  fáltanlle, supostamente,  178.000€.

  De partida, as declaracións de David Castro demostran que tanto él como os seus concelleiros e concelleiras, en particular Miguel Castro, Concelleiro de Urbanismo, levan meses enganando á directiva e a toda a familia do Umia C.F. ao decirlles primeiro que se lles ía mudar o céspede en outubro cando non era certo, e segundo fai semanas cando, despois de poñer dende a nosa formación de manifesto o retraso da obra, se lles dixo que “Somos Ribadumia minte, a obra leva licitada meses.” Tal como o noso Concelleiro Sergio Soutelo expresou no Pleno, as declaracións do señor Castro “quedou moi claro que dende Somos Ribadumia dicíamos a verdade ao facer público que a obra está sen licitar e que non se vai poder facer en outubro como estaba prometido,  e polo tanto  quenes mentiron  foron David e Miguel Castro, este último moi insistentemente, e aínda por enriba, non é que a obra estea sen licitar, é que David Castro xa gastou os cartos e agora non pode facer o cambio de céspede”.

  Porque o máis salientable non é o retraso na licitación, algo que neste goberno xa non sorprende, o salientable é que tres meses despois de aprobado o orzamento e dentro del a partida específica de 267.000 € para o cambio de céspede, David Castro gastou os cartos noutra cousa e agora non ten fondos para poder facer esta actuación, que por certo conta con parte de financiamento da Deputación, que se pode perder. O que non fixo David Castro foi explicar en que gastou os cartos, nin xustificou ningún tipo de urxencia que motivaran deixar esta actuación no aire, pois tampouco aportou o señor Castro unha data concreta de cando se vai realizar. “Dixo finais de 2024 ou no 2025. Isto nos parámetros nos que  normalmente se move David Castro significa que a ver se no 2025 se fai a obra”.

    Esta xestión dos recursos públicos, mentindo, enganando, e collendo cartos dunhas partidas e dunhas obras xa anunciadas e comprometidas  para tapar os buracos da súa incapacidade, resulta  totalmente lamentable  e inaceptable. Dende Somos Ribadumia entendemos que un alcalde que minte e que engana  á veciñanza e que non cumpre os seus  compromisos, non ten lexitimidade ética para seguir no seu cargo. E outro tanto o Concelleiro de Obras, que leva meses sendo o altofalante da alcaldía, mentindo descaradamente e ríndose da directiva e de toda a familia do Umia C.F. que queda condenado a manter a situación dos últimos meses, con lesións recorrentes, e con penalizacións da Federación Galega de Fútbol que poden rematar  no peche do campo e a imposibilidade de xogar nel. David debe, como mínimo, desculparse, e darlle a  volta á situación de maneira inmediata, porque o campo de A Bouza non pode estar nas condicións nas que está,  e senón quere facerse cargo das súas responsabilidades que dimita , e Miguel Castro  debe dimitir de maneira inmediata polas súas actitudes, declaracións falsas e enganos ao Umia e ao colectivo que o conforma, que non é pequeno.

Deixar un comentario