David Castro non asume responsabilidades a culpa á Xunta do retraso na obra do colexio.

• O aparcadoiro está sen facer, pero David Castro nega responsabilidade e culpa á Xunta.
• David Castro, dúas semanas despois de que fixeramos público o retraso, aínda non falou coa dirección da obra.
• O aparcadoiro, sen data para a súa posta en funcionamento.
• Pedimos seriedade, respecto pola veciñanza e respostas.
Na mañá de onte tivemos coñecemento a través dos medios de prensa que a obra do aparcadoiro novo para o CPI Xulia Becerra Malvar se retrasou, en verbas de David Castro, “por pequenas variacións na actuación no muro do peche do colexio”, unha parte da obra que supostamente ten que realizar a Consellería de Educación, porque os 640.000 desa obra non daban para retirar unhas pedras e poñer unha cancela e unha verxa. En esencia, o que fixo o señor Castro foi culpar á Xunta dos retrasos dun aparcadoiro que segue indo a paso de tartaruga, con acceso ao colexio ou sen el.
Dende Somos Ribadumia consideramos unha tomadura de pelo que o alcalde aparecera un día prometendo que o aparcadoiro estaría, xa non rematado, senón que ademais operativo en sete días, e un mes despois, coa obra sen completar, apareza de novo para dicir que a culpa do retraso é da Consellería de Educación, cando esta administración non ten responsabilidade nin na realización dos accesos nin no asfaltado do aparcadoiro, unhas actuacións que forman parte do proxecto licitado polo Concello e están hoxe sen completar.
Ademais disto, non contento con dicir cousas que nos consideramos sen xeito nin dereito e practicar o escapismo, David Castro tivo a valentía de declarar que a estas alturas aínda non se reuniu co director da obra e que o faría onte. Que ata agora non tivera tempo para visitar a obra nin se preocupara pola súa evolución, deixa ben claro o pouco que lle interesa o tema a David Castro, e demostra o que levamos tempo dicindo, que é que temos un alcalde ausente que únicamente aparece para facer fotos.
Ademais do anterior, o señor Castro non deu unha data para a posta en funcionamento dese aparcadoiro que ía estar operativo o 11 de setembro, nin aclarou que vai acontecer coa explanada onde actualmente paran os buses, nin como se vai garantir a seguridade no acceso ao ximnasio e as aulas onde se realizan o plan madruga, escola de ocio e o comedor escolar. Pedímoslle respecto pola veciñanza, que deixe de mentir e de eludir as súas responsabilidades, e que dea as explicacións públicas que a comunidade escolar e o Umia C.F. levan meses requirindo.
