O aparcadoiro da rúa Condesa segue sen rematarse a pesar das promesas de David Castro.

- David Castro comprometeu que o estacionamento para os buses estaría operativo ao comezar o colexio, pero nin de lonxe.
- Rematar o aparcadoiro aínda pode demorar de tres semanas a un mes.
- David Castro, desaparecido, non aclara se vai prohibir o acceso ao Campo de A Bouza ao colexio.
- Nais e pais piden ao alcalde que dea a cara e explique como vai quedar a contorna do colexio e cal e como vai ser o uso dos diferentes espazos.
David Castro declarou aos medios de prensa o pasado 2 de setembro que o aparcadoiro de buses que se esta realizando nunha finca da rúa condesa estaría listo “se non nada máis comezar o curso escolar – 11 de setembro –, si a primeira semana”. Pois estamos a 20 de setembro, e o aparcadoiro está practicamente igual que estaba o día que David Castro sacou peito presumindo dunha rapidez que non é acorde á realidade.
Non é unicamente que o aparcadoiro estea sen rematar, cousa que visto o estado das obras, vai ser difícil que aconteza antes de que pasen tres semanas ou un mes, sendo optimistas. Porque o problema non reside no aparcadoiro, o problema está agora mesmo no caos de tráfico que temos en Barrantes a primeira hora, provocado por unha obra iniciada en maio que se tería que ter completado no verán pero que avanzando setembro segue sen rematarse porque a empresa non parece ter moito apuro – a pesar do optimismo do presidente da Deputación – nin ten a ninguén que lle meta presa.
Hai que ter en conta, que ademais dos problemas habituais dunhas obras destas características, ampliados neste caso pola súa localización nun punto complicado, na contorna do colexio reduciuse sensiblemente o espazo para aparcar, o cal está orixinando moitos problemas e unha grande situación de inseguridade para os nenos e nenas nas horas punta, á entrada e saída do colexio. E ata onte tivemos bo tempo, con choiva a situación empeora e moito.
Dende Somos Ribadumia temos claro que as obras sempre supoñen un incomodo, pero tamén temos claro que con boa xestión o incomodo pode reducirse, pero fai falla un goberno que estea ao que ten que estar. De partida a obra deberíase ter planificado moito mellor, e con outros prazos; iso non aconteceu, polo que se tiña que ter traballado para que a obra ao chegar o inicio de curso, en caso de non rematarse, non supuxera problemas; como tampouco pasou iso. Compre agora dar alternativas ás nais e pais e ordear o tráfico de maneira que se poida na medida do posible garantir a seguridade. Pero por desgraza temos que lamentar unha vez máis a desidia dun alcalde que só aparece pola obra cando ven o presidente da Deputación, e que só aparece para facerse fotos e mentirlle a cidadanía con promesas que logo fican sen cumprir como que a inicio de curso os buses ían ter o aparcadoiro listo e os nenos un acceso algo máis seguro ao colexio ,
E non só iso. David Castro debe aclarar, unha vez rematada a obra, que vai pasar coa explanada onde aparcan agora mesmo os buses, e se é certo que pretende prohibir ao Colexio que faga uso do campo de A Bouza, e nese caso onde van realizar as actividades e os recreos os máis de 500 nenos e nenas do CPI Xulia Becerra Malvar, do mesmo xeito que debe explicar como vai garantir a seguridade de nenos e nenas no paso entre o colexio e o edifico onde esta o ximnasio e a aula onde se realizan as actividades de conciliación e o comedor escolar. Cónstanos que pais e nais solicitaron que o alcalde dera cara e explicara cal é o seu plan para a contorna do colexio unha vez rematada a obra en marcha, pero parece ser que o señor Castro non ten moitas ganas de reunirse coa comunidade escolar, algo que lamentamos pois un alcalde debe estar á disposición de todos os colectivos do Concello, con mais razón cando se trata de temas desta importancia.
