David Castro evita convocar o Pleno Ordinario de Setembro.

• A convocatoria do Pleno Ordinario non se realizou en prazo, e David Castro optou por suspendelo, pero non o volveu convocar correctamente.
• Culpou a Sergio Soutelo por presentar un escrito, pero nada lle impedía convocar o Pleno para os dias seguintes.
• A verdade: David Castro intenta evitar dar a cara e responder ás preguntas de Sergio Soutelo. Spoiler: non vai colar.
Dende Somos Ribadumia non saímos do noso asombro ante o último despropósito de David Castro. En verbas de Sergio Soutelo, “o resume sería que primeiro non convocou un pleno do que sabia a data dende fai dous anos, logo convocouno fora dos prazos legais, , logo de convocalo suspendeu a convocatoria sen avisar a ningún dos partidos da oposición, e por último, podendo convocar o Pleno para un día máis tarde, unha semana despois segue sen convocarse e non se ve intención de que o vaia facer”. Como ademais, non contento con facer o ridículo cunha moi burda estratexia para evitar realizar un Pleno que é obrigatorio por lei, aínda tivo a ben culpar a Somos Ribadumia, queremos deixar constancia dos feitos.
De partida compre remarcar que os Plenos Ordinarios, cuxa data está definida por acordo municipal, deben convocarse con un mínimo de dous días hábiles de antelación. Neste caso o Pleno tiña que terse convocado, como moi tarde, o martes día 3, antes das 21:00 horas. Non foi así. “Nin se convocou nin se nos comunicou que houbera ningún problema, e non será porque non teñan o noso número de teléfono”. Ese martes pola tarde, tamén forzando o prazo legal, tiveron lugar as Comisións Informativas previas. Nelas, ante preguntas dun concelleiro da oposición informouse “que ningún dos sete concelleiros e concelleiras do Partido Popular, tres deles con liberación, incluído o alcalde, “se dera conta” de que o Pleno estaba sen convocar. Isto di moito da preocupación polo traballo destas persoas para o caso de que iso fora certo, cousa que dubidamos”. A solución proposta pasaba por convocar o Pleno ese mércores pola mañá e poñer tamén ese mércores a documentación a disposición da corporación, deixando así á oposición sen tempo para consultar a documentación do Pleno. Por este motivo Soutelo presentou un escrito “ deixando claro que o alcalde é o único responsable de que se convoquen os Plenos e ten a obriga de velar porque o proceso se faga correctamente e dentro dos prazos, que as escusas postas non son aceptables, e que ademais me deixaba nunha situación de incapacidade para realizar correctamente o meu traballo como Concelleiro. Por suposto pedinlle que cumprira a lei e suspendera a celebración do Pleno, pero a responsabilidade sobre esa decisión, por moito que intente cargarma a min, foi unicamente del. Ademais nós somos coherentes coa nosa maneira de entender a política, os máis prexudicados coa suspensión deste Pleno somos nós, por diversos motivos, pero preferimos antepoñer os funcionamentos democráticos e a favor da veciñanza aos intereses partidistas”.
O señor Castro tiña a opción de facer o de todos os plenos, que é ignorar a lei e os escritos de Sergio Soutelo e seguir adiante coa convocatoria, ou no seu defecto, no canto de convocalo para o xoves, facelo para o venres, ou incluso para a semana seguinte, cumprindo así os prazos e evitando retrasar a celebración do Pleno,.
Pero no canto diso, o que fixo David Castro o mércores da semana pasada pola mañá non ten xeito nin dereito. Tendo o escrito de Sergio Soutelo pedindo que se suspendera o Pleno enriba da mesa dende que abriu o Concello, primeiro convocou o Pleno como se non pasara nada e ignorando ese escrito, como fai sempre, pero despois optou por suspender o Pleno, achacando a decisión ao noso Concelleiro, sinalando a Sergio Soutelo como responsable da súa propia ineptitude como alcalde. Non contento con iso, ocultou a comunicación da suspensión do Pleno aos concelleiros e concelleiras, evitando avisar e usando unha trampa xa vella a conta da sede electrónica, de tal maneira que ese mércores pola tarde a maior parte dos concelleiros e concelleiras da oposición descoñecían que o Pleno fora suspendido, ata o punto de que o xoves pola mañá, o propio día que inicialmente estaba convocado o Pleno, dende o Concello estiveron chamando aos concelleiros e concelleiras da oposición para avisarlles da suspensión do mesmo.

Parécenos importante recalcar que este non o primeiro escrito que presentamos por cuestións relativas a Plenos nos últimos meses, dende retiradas de puntos da Orde do Día, en base aos mesmos principios legais, á solicitude de aprazamento dun Pleno que realizamos en decembro pasado cun motivo moi xustificado, e que David Castro ignorou, para despois marchar de vacacións e non presentarse a ese mesmo Pleno, algo para nos indigno. E resulta importante porque todas as solicitudes foron sistematicamente rexeitadas, salvo unha relativa á modificación do PXOM, que aceptou por interese propio, e esta última a relativa ao Pleno que tiña que celebrarse este xoves.
Dende Somos Ribadumia non somos tan ilusos como para pensar que David Castro, que vive na confrontación continua, que non nos entrega a documentación que lle solicitamos en prazo nunca, e iso cando a entrega, e que se salta a legalidade vixente en cada Pleno, de repente suspenda un Pleno porque llo pedimos nós.
A realidade é que David Castro non quería realizar este Pleno, que tiña orquestada toda a procesión, dende o primeiro paso ata o último, e que unicamente se serviu do noso escrito para xustificar a suspensión dun Pleno que xa tiña previsto suspender, como resulta evidente polas formas e os feitos, bloqueando as comunicacións e enredando coa sede electrónica.
E se quedaban dúbidas, aquí están os feitos para confirmalo: unha semana despois o Pleno non foi convocado, nin se informou de cando se vai realizar. David Castro deberá explicar cal foi o motivo de fuxirlle á oposición desta maneira, e que pretendía ocultar ou evitar nese Pleno, aínda que nos temos claro que o que pretende evitar é enfrontarse a Sergio Soutelo e responder ás preguntas de Somos Ribadumia.
Esiximos a David Castro que convoque de maneira inmediata o Pleno que tiña que terse celebrado o pasado 5 de setembro, e por suposto coa mesma orde do día prevista.
