O CPI Xulia Becerra Malvar segue fora dos investimentos da Xunta en centros educativos.

- A Xunta anunciou obras en colexios de toda a Comarca, pero Ribadumia non figura.
- En Xaneiro o Conselleiro anunciou a redacción do proxecto de reforma integral do Colexio, da que nove meses despois ninguén sabe nada.
- David Castro, que segundo el vendeuse a cambio de supostos investimentos, cala.
- Agardamos que os investimentos anunciados hoxe si inclúan a reforma integral do CPI Xulia Becerra Malvar.
Estase a rir o PP de Ribadumia e da comunidade educativa – nenos e nenas, mestres e nais e pais – do CPI Xulia Becerra malvar? Ou só se está a rir de David Castro? Estas son algunhas das preguntas que nos facemos dende Somos Ribadumia logo de ver ao señor Alfonso Rueda este pasado luns anunciar investimentos en marcha para o Salnés e o Ullán que suman 5 millóns de euros, entre os cales figuran a ampliación do Colexio San Tome en Cambados, ( 850.000 €), do Rosalia de Castro de O Grove (2,6M €), e do Arealonga en Vilagarcia (650.000 €) , así como a reforma integral do Colexio Conmeniño tamén de O Grove (450.000€), e obras de actualización no Coirón-Dena de Meaño (300.000 €), e comprobar que entre eses investimentos non figura nin un so euro para o CPI Xulia Becerra Malvar.
Compre recordar que o pasado mes de xaneiro, o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou xunto a David Castro a posta en marcha da redacción do proxecto da reforma integral do CPI, da que non volvemos ter máis noticia, e da que nove meses despois non sabemos nin cando se vai acometer, se é que se acomete, nin o que se vai facer, nin o que vai custar.
E compre recordar tamén que o ultimo gran investimento realizado nese colexio, logo da insistencia por certo de Somos Ribadumia, converteuse na Gran Chapuza do CPI Xulia Becerra Malvar, logo de gastar 842.000€ en obras que supostamente deberían resolver diversos problemas estruturais, pero que ao final non pasaron dun simple e caro maquillaxe que non resolveu os problemas do centro, entre eles a substitución do tellado de primaria, ou o illamento do edificio de infantil, obras por certo incluídas no proxecto de reforma realizado no 2021 que inexplicablemente quedaron sen executar. De feito a chapuza foi tal un ano despois de rematada a obra, e gracias tamén á presión de Somos Ribadumia, a Xunta gastou enriba dos 842.000 € outros 40.000 € en repoñen unha cuberta para protexeraos nenos da choiva na entrada do colexio que fora retirada para as obras e que a empresa adxudicataria non volveu colocar.
Unha vez máis, dende Somos Ribadumia pedimos á Xunta de Galicia que deixe de mirar para outro lado coas necesidades de Ribadumia que son da súa competencia. Os nenos e nenas de Ribadumia teñen o mesmo dereito que os de calquera outro Concello a estudar e formarse nunhas instalación modernas e actualizadas. Estaremos moi atentos ao orzamento do 2025 e agardamos ver a partida para a redacción do proxecto da reforma integral do CPI comprometida, do mesmo xeito que agardamos ver entre os investimentos anunciados onte para os próximos catro anos unha para facer realidade esa reforma tan necesaria. De David Castro xa non agardamos nada, pero recordámoslle que non está unicamente para facerse fotos e que debe defender os dereitos da veciñanza de Ribadumia, algo que coa súa actitude compracente cara o goberno autonómico, está moi lonxe de facer.
