Cinco meses despois, e a 3 días de empezar o curso, o valado da aula do CRA de Ribadumia segue sen arranxarse.

  • Dende abril o valado está suxeito cunhas táboas.
  • David Castro pasa de todo, e faltando tres días para o inicio do curso escolar, aínda non mandou a ninguén por alí, nin solucionou o problema.
  • As nais e pais preocupados pola situación.

  Denunciámolo a principios de maio, e xa naquel momento o valado perimetral da aula do CRA de Ribadumia levaba semanas  en estado crítico, a piques de derrubarse enteiro, suxeito por un apuntalamento moi básico de táboas feito de urxencia e separado do patio da aula por unha rede de plástico, unhas medidas que xa dixemos que nin eran suficientes nin as máis axeitadas tendo en conta que falamos dun patio con xogos e columpios onde xogan os nenos da aula  e que ademais non fica pechado fora do horario lectivo, o cal supoñía un perigo para os nenos, as nenas e o profesorado desa aula.

  Pois pasou maio, e pasou xuño e o resto do verán, estamos xa ben metidos en setembro  e o Concello foi incapaz de mandar un grupo de operarios, ou contratar a unha empresa para solucionar o problema, de tal xeito que a tres días de iniciarse o curso, o valado sigue suxeito por unhas táboas. Parece que ao Señor Castro unicamente lle interesan os paseos polas obras do centro de Barrantes, os xantares  e as entregas de trofeos, pero as nais e pais e o profesorado desa aula están preocupados pola integridade física dos nenos e nenas que o mércores teñen que iniciar o seu curso escolar, e non nos parece aceptable de ningunha maneira que aquel valado siga nesas condicións. Esiximos a David Castro que actue dunha vez e solucione o problema, e que garanta a seguridade dos nenos, das nenas e do profesorado desa aula do CRA de Ribadumia.

Deixar un comentario