Pedimos a David Castro que abandone a confrontación no conflito que el mesmo provocou co Xuventude Sisán e acate a sentenza.

- A sentenza obriga a David Castro a facer o que debería ter feito antes: dialogar coas partes e tomar decisións.
- Recorrer a sentenza implicaría pasar ao ataque contra o Xuventude Sisán, algo inaceptable.
- Pedimos a David Castro que asuma as súas responsabilidades e se sente a dialogar coas partes implicadas.
Dende Somos Ribadumia, visto o resultado no xulgado da denuncia presentada polo Xuventude Sisán, que tal como lamentamos no seu momento foi forzada pola inacción de David Castro, que sendo o único responsable da xestión das instalacións municipais se puxo de lado e negouse a dar solucións ou dialogar coas partes, e aínda tivo a ocorrencia de tomar partido a favor da outra entidade implicada, queremos facer un novo chamamento para que David Castro abandone esa dinámica de confrontación e favoritismos.
A sentenza xudicial é clara e contundente no sentido de que deixa moi claras as obrigas de David Castro. Cómpre remarcar que o señor Castro chegou a argumentar que na xestión das instalacións municipais non rexían os principios da legalidade, dando a entender que o goberno local e por extensión o propio alcalde están por enriba da lei, argumento desmontado na propia sentenza, así como a maioría dos expostos polo Concello de Ribadumia, ao que obriga a facer o que debería ter feito antes sen necesidade de forzar a unha entidade a acudir a un xulgado e sen gastar cartos públicos en facer fronte a outro proceso xudicial.
David Castro, que en ocasións anteriores andivo moi áxil a facer públicas sentenzas de temas alleos ao funcionamento municipal, non parece ter moito interese agora en dar a mesma publicidade a esta sentenza, outro exemplo do nivel político que temos en Ribadumia.
Dende Somos Ribadumia consideramos bochornoso ter un alcalde metido nos xulgados día si e día tamén, ademais perdendo proceso detrás de proceso, algo que tampouco é gratuíto e cuxo custe sae do peto da veciñanza. E parécenos inaceptable que un alcalde teña tratos de favor cara determinados colectivos e de desprezo cara outros.
Dende Somos Ribadumia pedímoslle ao señor Castro que deixe estas actitudes, acate a sentenza, se sente coas partes afectadas e dea solución ao problema. E advertímoslle, por se non caeu na conta: foi David Castro quen coas súas actitudes e a súa completa incompetencia obrigou ao Xuventude Sisán a acudir so xulgado, algo que nunca debeu acontecer. E o xulgado falou, alto e claro. Recorrer esa sentenza implicaría actuar de facto contra o Xuventude Sisán e a súa afección, algo completamente inaceptable nun alcalde.
