Presentamos mocións para dotar ao Concello de Ribadumia dunha bandeira e dun libro de estilo.

  • Ribadumia conta con escudo propio, mais non con bandeira, a pesar de constar o seu rexistro na Deputación.
  • O libro de estilo é unha ferramenta moi útil para adecuar as comunicacións municipais as redes sociais e para dar coherencia á imaxe pública do Concello.
  • Tamén propoñemos un libro de estilo para a Festa do Viño Tinto e que se protexa legalmente  a iconografía propia desta Festa.

  Dende Somos Ribadumia temos constatado que hai cuestións relativas a imaxe institucional do Concello que requiren actualizarse, por moitos motivos, polo que pesentamos nas últimas semanas dúas mocións relacionadas con esta cuestión.

  Por unha banda está a cuestión da bandeira do Concello. Ribadumia conta cun escudo heráldico oficial aprobado pola Xunta de Galicia o 5 de setembro de 1991 e publicado no DOGA o 16 de setembro dese mesmo ano. Porén, a pesar de que no arquivo da Deputación figura que o Concello aprobou unha bandeira  no Pleno Municipal o 23 de febreiro de 1990, onde figura a seguinte descripción, “De azur (azul) con un bezante de oro y seis estrellas de plata dispuestas cuatro en jefe y dos a los lados del bezante”, non encontramos constancia no DOGA da súa aprobación pola Xunta de Galicia nin consta o seu uso en ningún momento.

  Dende Somos Ribadumia consideramos que un Concello debe contar cun escudo, máis tamén cunha bandeira oficial que sosteña ese escudo ou que, como no caso da suposta bandeira aprobada no seu momento, recolla o esencial dese escudo e da identidade do noso Concello, que poida figurar nos edificios públicos e no Salón de Plenos como espazo onde reside a vontade popular, e usarse en eventos e en xeral en todo tipo de actos protocolarios.

  Consideramos pois,  que sería  do mais interesante que o Concello se dotara dunha bandeira oficial. No caso de contar con unha, que se oficialice o seu uso, e en caso de que o suposto proceso de aprobación non quedara completado, que se recupere e se leve a cabo para que Ribadumia poida dispor dunha bandeira oficial, aproveitando incluso para renovar e actualizar se se considerase o deseño desa bandeira, que debe ser representativa do noso concello. E esa foi a proposta que presentamos co obxectivo de que se debata en Pleno Municipal.

Por outra banda está a cuestión da imaxe institucional do propio Concello e das comunicacións públicas do mesmo. Anos atrás esta comunicación limitábase aos bandos municipais, anuncios en prensa ou nos Boletíns Oficiais, e pouco máis. Hoxe en día, ademais de todo iso,  a paxina web do concello e as súas  redes sociais convertéronse   mecanismos de continuo diálogo entre a administración local e a cidadanía. E nese aspecto as persoas que xestionan eses espazos dixitais deben entender cal é a posición do Concello, a súa seriedade e formalidade en tanto que falamos dunha institución pública, e ter uns mecanismos de comunicación que garantan esa corrección, que ademais deben ser independentes dos vaivéns da política. Tamén debe terse moi claro que cousas se deben publicar nas redes do Concello e que cousas non se deben permitir neses espazos, como comentarios ofensivos ou ataques persoais ou á propia institución.

    É evidente a pouco que se miren as redes sociais do Concello que a ausencia dun manual de identidade institucional así como a carencia dunhas indicacións básicas para o uso da imaxe oficial do Concello e para comunicarse a través das redes, tendo en conta que as persoas responsables das áreas que afectan a isto, dende a elaboración de carteis ata as comunicacións do día a día nas redes,  moitas veces son persoas con contrato eventual, ou sen formación en comunicación,  impide  transmitir unha imaxe institucional homoxénea  do noso Concello, co correcto e necesario coidado nas comunicacións, e supón un obstáculo na mellora da comunicación coa cidadanía, que as veces non sabe se está lendo unha mensaxe dunha institución pública ou de alguén pasaba por diante o ordenador e escribiu o que lle pareceu.

   Por todo o exposto, consideramos que a  renovación da imaxe institucional, co seu conseguinte manual de comunicación, é imprescindible para avanzarmos cara unha administración pública actualizada aos tempos, que aposte na mellora das comunicacións e faga un esforzo maior na transparencia activa de cara á veciñanza. Por este motivo outra proposta que trasladamos a alcaldía para que a someta a debate plenario, é a creación dese libro de estilo, que dea homoxeneidade a imaxe pública do Concello de Ribadumia, e incluso que actualice a simboloxía oficial. Unha proposta ademais que tampouco e nada novidosa, pois moitos son os Concellos que contan cun libro de estilo que facilita enormemente o traballo das persoas que traballan tanto cuestións de deseño como na comunicación deses concellos, por exemplo o de Pontevedra, o de Boiro ou o de Negreira, que ademais de actualizar a súa imaxe corporativa recentemente teñen na súa web un completo manual de identidade corporativa e incluso un deseño oficial para a cartelería de obras, e do mesmo xeito outros concellos de Galicia como o de Santiago  de Compostela ou Tomiño,  pero tamén de fora de Galicia como por exemplo o de Collado Villalva, apostan por establecer guías  de comunicación moi completas, que son de gran axuda.

  Ademais do anterior, a proposta fixémola  de maneira extensiva á Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación de Variedades Autóctonas. A Festa xa ten protexido o seu nome na Oficina de Patentes e Marcas, pero tendo en conta a importancia deste evento, moi asentado no noso Concello e na comarca, e que conta coas súas peculiaridades, consideramos que sería interesante establecer sobre o papel esas peculiaridades, dende a simboloxía que se usa no etiquetado das botellas que se presentan ao concurso a paleta de cores e tipos de letra que se usa para a cartelería e elementos promocionais, e no seu caso protexer legalmente aquilo que se queira manter como parte da imaxe propia da festa.

Deixar un comentario