David Castro expulsa a Protección Civil da súa sede en Barrantes.


David Castro ordenou o derribo do local onde se encontra Protección Civil, e como alternativa mandaos para a Casa de Cultura de Besomaño, que non está adaptado nin conta cos servizos mínimos.
• Dende Protección Civil opóñense á medida por non contar cunha alternativa viable, e advirten de que se pode disolver a agrupación.
• David Castro consuma a súa vinganza logo de anos reténdolles cartos, e manténdoos nun local en pésimas condicións.
• A veciñanza de Besomaño, quedará sen local social ao quedar este ocupado por Protección Civil.

En silencio, sen levar a decisión a Pleno e ocultándollo á oposición e a opinión pública, David Castro está a punto de culminar coa, escusa dunha obra a súa vinganza contra o colectivo de Protección Civil, e rematar de liquidar á unha das agrupacións máis numerosas da comarca, só dous anos despois de irse facer fotos con eles no seu 25 aniversario, e só nove meses despois de saír na entrega de novos carnés do colectivo dicindo, citamos literalmente “O mínimo que podemos facer dende as administracións é recoñecer o voso esforzo e valentía e poñer todos os medios á vosa disposición”.

Pois para David Castro, “poñer todos os medios á vosa disposición” significa expulsar á agrupación da súa sede, sen darlles unha alternativa viable, condenadoos á súa disolución.

Esta semana o goberno “pasou recado” , pois nin sequera houbo unha comunicación formal, á agrupación de Protección Civil de que foran sacando as cousas da sede actual. Anteriormente houbera unha reunión onde se lles propuxo o traslado ao local social de Besomaño, pero dende a agrupación, segundo lle comunicaron a Sérgio Soutelo na reunión que mantivo onte con eles, non aceptaron a proposta, non porque non queiran moverse, senón porque o local proposto nin está ben situado nin reúne as condicións mínimas para ser usado por unha agrupación destas características.

Dende a nosa formación entendemos que antes de sacar a un colectivo como este da súa sede, cómpre dispor dunha alternativa viable, isto é, un local que estea adecuado para esa función. A este respecto hai que recordar que o local que se construíu para acoller ao banco de alimentos e o ropeiro municipal foi deseñado, e no concello constan os planos, para dotar nun primeiro andar a sede de protección Civil, esa si deseñada contando coa colaboración e posterior aprobación da directiva da agrupación de Protección Civil. De feito o tellado desa instalación está realizado de maneira provisional pensando na súa retirada para dar lugar ao andar que falta. A obra estaba prevista para o ano 2019, pero David Castro destinou os cartos a outras cuestións e desistiu de facer a parte que falta e dotar a esta agrupación dun espazo en condicións adecuadas.

Se a proposta do goberno é levar a agrupación para Besomaño, antes terán que adecuar o local, e explicarllo aos veciños e veciñas desa parroquia, a primeira de Ribadumia que perde un local social.

A escusa é a construción dun aparcadoiro, que conlevará o peche do actual entre o colexio e o campo de fútbol déixando ao Umia cun espazo de aparcadoiro ridículo onde dificilmente entrará ducia e media de coches. Este derrube do único local propio que ao Concello lle queda no centro de Barrantes, e a posterior adecuación do espazo non estaba prevista no proxecto das obras que se están realizando na rúa Condesa, polo que vai supor un aumento, outro máis, do custe para o Concello, que terá que pagalo con fondos propios gracias á falta de previsión e ao estado de improvisación continua na que vive o goberno local. Ademais vaise facer o aparcadoiro nunha contorna educacional, pois o ximnasio que está na mesma parcela, ademais de que o usa o colexio, alberga o Plan Madruga, o comedor escolar e a Escola de Ocio, así como outras actividades municipais, co cal David Castro pretende alonxar o perigo para nenos e nenas en horario lectivo dun punto e achegalo no outro, en horario lectivo pois o ximnasio úsao o colexio , e cando se realizan actividades municipais, a maioría con nenos. Un despropósito absoluto.

Outro colectivo díscolo que David Castro intenta sacar do medio.

Pero no fondo isto non deixa de ser unha escusa pagada con fondos públicos para que o señor Castro poida cumprir as súas vinganzas persoais. Porque o que pretende realmente é que o colectivo de Protección Civil desapareza ou marche de Ribadumia, como xa fixo antes e sigue facendo con outras entidades como ESMAR, á que lle negou o mesmo local no que agora di que quere albergar a Protección Civil, por non falar da guerra aberta contra o departamento de servizos sociais ou os ataques xudiciais a unha traballadora do concello, a veciños particulares e mesmo ao noso partido e ao noso voceiro Enrique Oubiña.

Neste caso concreto resulta que esta non é a primeira xogada que lles fai. Anteriormente castigounos sen acceso a auga pública nas instalacións durante dous anos, tamén lles retivo a axuda do ano 2022 e 2023, e como explicaron dende a propia agrupación dende o 2021 tiveron que limitar as actuacións nas que participan no noso Concello porque David Castro incumpre a normativa pola cal a agrupación debe ingresar o que se lle cobra polo servizo ás aseguradoras dos vehículos en caso de accidentes ou a outros concellos cando solicitan a participación desta agrupación ante calquera cuestión ou evento.

O que nos traslada este colectivo é o seu cansanzo ante as actitudes de David Castro, e advirten de que se pode disolver a agrupación se o trato non se corrixe, se lle dota dunhas instalacións adecuadas antes de sacalos de onde están, e se lles dan un mínimo deses recursos que David Castro tanto alardeou de que era o mínimo que había que darlle.

Pola nosa banda só podemos lamentar a actitude chulesca, absolutista e demagóxica de David Castro, que excede calquera medida no comportamento que debe ter un alcalde. E dende logo non podemos aceptar que sen comunicalo, sen levalo a pleno, sen falalo coas partes afectadas, non só Protección Civil, tamén a veciñanza de Besomaño que queda sen local social, e os colectivos que de cando en cando facían uso dese local, decida de maneira unilateral e totalitaria usar un local público para un fin para o que non está preparado, deixando á veciñanza desa parroquia sen ese local, e enterrando alí á agrupación de Protección Civil, sen ter preparado o local adecuadamente, unicamente como medida de presión á ver se marchan do Concello. De pura vergoña.

Deixar un comentario