Queixas polo retraso na reapertura do punto limpo.

  • A obra rematouse en marzo, pero o punto limpo segue pechado meses despois.
  • Disparouse o uso incorrecto dos contedores de lixo, e o abandono de enseres na rúa.
  • O Concello tampouco actúa ante o que queda tirado na vía pública, dando unha imaxe lamentable.
  • David Castro non da explicacións.

  O retraso sobre a reapertura do punto limpo municipal, sobre o que David Castro non quere dar explicacións, está motivando toda unha serie de inconvintes innecesarios, así como usos incorrectos dos contedores e en xeral un aumento da imaxe de suciedade no noso concello e das queixas veciñais.

  A obra do punto limpo, valorada en preto de 300.000€ ficou rematada no pasado mes de marzo, pero dende entón por alí non volveu ninguén, e o punto limpo, que se pechou o pasado novembro,  segue pechado.  A cuestión saíu a relocer nos dous últimos plenos, pero o señor Castro non deu nin explicacións do retraso nin data de reapertura.

   O resultado disto é un retroceso logo de anos de concienciación sobre a importancia de levar os materiais de obra domestica, mobles, enseres e en xeral todo o que non ten cabida nun dos contedores habituais ao punto limpo. A veciñanza que en principio gardaba ese material agardando unha pronta reapertura xa se cansou fai tempo, e levamos meses detectando un aumento de enseres e lixo de todo tipo que queda tirado na vía pública, en ocasións ao lado dos contedores, as veces dentro cando non corresponde, provocando incidencias de todo tipo, dende pequenos lumes ata a incapacitación  do contedor por estar cheo de restos de obra, por exemplo.

   Dende Somos Ribadumia temos claro que non podemos pedirlle a veciñanza que teña uns comportamentos cívicos sen dotarlle os mecanismos para actuar correctamente. Ademáis, aínda que o Concello dispón dun camión para a recollida de enseres voluminosos, nin se publicita o servizo correctamente, nin tampouco está xestionando de maneira eficiente, provocando que moitas veces enseres de maior volume estean días na rúa, precisamente por esa falta de eficiencia na recollida.

  Tampouco se están recollendo os materiais de todo tipo que a veciñanza deposita ao carón dos contedores, e temos detectado un caso dun contedor mediado de restos de obra, que os operarios do lixo non poden volcar no camión da recollida, tendo que facer o valeirado das bolsas manualmente dende fai semanas, pero o goberno local, que obviamente está ao tanto, non manda tampouco a ninguén a recoller eses restos e deixar o contedor operativo.

Así pois, ante un problema provocado polo propio Concello acometendo unha obra que ninguén lle pediu, o propio goberno local de David Castro actúa con completa desidia, deixando todo abandonado.

 E todo isto súmase a problemas anteriores, como a falta de contedores suficientes, sobre todo de recollida selectiva,  en varias zonas do concello que provocan que metade da semana o cartón e plástico se acumulen no chan e arredor deses contedores, dando unha imaxe moi lamentable, unha situación que se fai moi relevante no centro de Barrantes,  ante o pasotismo de David Castro, que xa denunciamos en anteriores ocasións xunto á absurda distribución das  xaulas postas para disimular a presenza dos contedores, que en varios lugares resultaron ser mais pequenas que o grupo de contedores que tiñan que tapar, quedando algúns contedores fora das mesmas.

  E resumo, a xestión do lixo, como acontece co resto, adoece do mesmo problema de desidia e abandono político que o resto de áreas do Concello. E é unha xestión que estamos pagando. Non debemos esquecer que toda a veciñanza, os locais hostalerios e as empresas pagamos unha taxa de recollida de lixo, que irremediablemente se vai ver afectada pola suba do canón de SOGAMA aprobada esta semana, polo que non é aceptable que a veciñanza pague por este servizo e o Concello estea dando unha imaxe tan lamentable dia si e dia tamen.

Pedimos a David Castro que se reabra o punto limpo de maneira inmediata, e se non é posible que dea a cara e aporte as explicacións necesarias de porque esta o punto limpo pechado a estas alturas e como vai repercutir o aumento da taxa de SOGAMA  na veciñanza,  e que  resolva os problemas que o noso concello ten na xestión do lixo, dote contedores onde sexa necesario e en xeral que  deixe de mirar para outro lado.

Deixar un comentario