O Concello de Ribadumia, multado por Augas de Galicia a causa da desidia de David Castro.

- 1.500 € por “desatención a un requirimento de Augas de Galicia en materia de verquidos”.
- David Castro non atende ás súas obrigas como alcalde, pero as multas páganse con cartos da veciñanza.
- Outros imcumprimentos documentados: varias deficiencias da rede de saneamento e pluviais sen resolver.
Outras cuestións ante as cales David Castro non quixo responder no pasado Pleno foron relativas a temas de verquidos e saneamento.
Unha delas foi a multa posta por Augas de Galicia por, citamos literalmente, “desatención a un requirimento de Augas de Galicia en materia de verquidos”. Dita multa foi interposta porque ante a detección dun verquido a un regato na parroquía de Sisán, e posterior comunicación ao Concello, David Castro mirou para outro lado, caendo noutro episodio de deixadez de funcións.
A cuantía da multa, 1.500€, quizais ao señor Castro non lle pareza moi alta, pero moito ou pouco, vaise pagar cos cartos de toda a veciñanza, unicamente pola súa desidia e abandono das súas obrigas como alcalde.
De feito, no propio expediente de Augas de Galicia certifícase que o Concello nin sequera se molestou en presentar alegacións ante a interposición da multa, o cal demostra que David Castro preferiu pagar antes que traballar e resolver un problema.
As preguntas concretas que se presentaron por esta cuestión, foron as seguintes:
- Por que motivo alcaldía non actuou ante o requirimento de Augas de Galicia?
- Porque motivo o Goberno de Ribadumia non atende as súas obrigas na cuestión do control de vertidos?
- Porque motivo a veciñanza de Ribadumia ten que pagar cos seus impostos multas motivadas polo abandono da alcaldía das súas funcións?
É evidente que para respondelas non era necesario realizar ningunha consulta de documentación, e dende logo eran preguntas de fácil comprensión, ademais a data da comunicación definitiva da multa é do 1 de marzo, así que tampouco é que o señor Castro non tivera tempo para pensar no asunto. David Castro non quixo respondelas para evitar dar a cara publicamente.
Deficiencias na rede de saneamento.
O verquido ante o cal David Castro non actuou rematando cunha multa non foi a única cuestión mediambiental ante a cal o alcalde non quixo dar explicacións no Pleno. Sergio Soutelo tamén presentou preguntas relativas a outra comunicación de Augas de Galicia, con data do 5 de maio, dous meses antes do pleno, onde se informaba de varios problemas na rede de saneamento, e concreto un total de cinco incidencias por entrada de augas pluviais á rede de fecais.

Desas cinco incidencias, catro tiñan a categoría de prioridade moi alta, ou sexa que debían resolverse de maneira inmediata, e unha de prioridade baixa que tamén requiría dunha solución, non tan inemediata pero si urxente. De feito no propio informe urxíase á solución de todas estas incidencias. A David Castro Sergio Soutelo preguntoulle o seguinte:
- Están esas deficiencias solucionadas a día de hoxe? ( 4 de xullo)
- Se non fora así, cal é o motivo?





David Castro tampouco respondeu esta pregunta, sendo ben sinxelas de responder, polo que cabe supoñer que as deficiencias, cando menos no día no que se celebrou o Pleno, o 4 de xullo, estaban sen resolver. Esta falta de capacidade de actuación, ou máis ben desidia deliberada, podería carrexar máis multas ao Concello de Ribadumia, algo para nos inaceptable.
E todo isto expoñémolo sen entrar na cuestión mediambiental, pero é evidente que permitir verquidos a un río, ou non resolver os problemas da rede de saneamento axudando así tanto a que se produzan verquidos da rede como á saturación das depuradoras de augas residuais, é un comportamento totalmente deplorable nun alcalde.
Pedímoslle a David Castro que cumpra coas obrigas do seu cargo. Se non quere ou non é capaz, que dimita, pero mentres se decide cando menos que faga fronte ás multas cos seus propios cartos, pois a veciñanza non ten porque cargar con cuestións froito da súa irresponsabilidade e desidia.
