David Castro oculta que unha inspección da Xunta topou numerosas irregularidades na Gardaría Municipal.

- Material defectuoso e deficiencias nas instalacións.
- Irregularidades no funcionamento, con persoal sen pasar o recoñecemento médico e sen horarios definidos na Xunta e co Certificado de delitos de natureza sexual sen actualizar.
- En perigo a gratuidade da gardería por non cumprir as normas.
- David Castro non quixo responder preguntas no Pleno.
No pasado Pleno Ordinario, David Castro negouse a responder a diversas preguntas presentadas por escrito polo noso concelleiro Sérgio Soutelo segundo el porque non as entendía ou tiña dúbidas ao respecto das mesmas. Aínda Sergio Soutelo xa presentou un escrito ofrecéndose á alcaldía para resolver calquera dúbida, a realidade non ten nada que ver con iso, e o señor Castro unicamente tentaba gañar tempo ante varias cuestións. De todas elas iremos falando nos próximos días, pero de momento queremos por de relevancia a situación da escola infantil municipal, que en febreiro recibiu unha inspección da Xunta de Galicia, que emitiu un informe cheo de deficiencias e requirimentos ao Concello, que de non cumprirse, e non sabemos se se cumpriron, porque David Castro négase a explicalo, podería supor a expulsión da escola infantil da rede de escolas gratuítas ao perder o patrocinio da Xunta, ademais da situación de inseguridade na que estarían os nenos e nenas.

O informe da inspección contén, como dixemos, todo tipo de deficiencias. Por unha banda nas propias instalacións, con mobles, rodapés e plaquetas rotas que poden provocar cortes ou feridas nos nenos e nenas, e mobiliario tamén roto polo desgaste do uso e sen renovar ou que non é apto para o seu uso en escolas infantís.

Detéctanse en canto ao funcionamento irregularidades na determinación dos días de peche. No relativo ao persoal resulta que varias traballadoras non tiñan pasado o recoñecemento anual médico, que neste caso é obrigatorio porque se debe acreditar a ausencia de enfermidades infecto-contaxiosas e defectos físicos ou psíquicos que impidan ou dificulten atender aos nenos e nenas. Ademais detectouse que o Concello non actualizou no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais ( RUEPSS ) nin os horarios de varias traballadoras nin o Certificado de Delitos de Natureza Sexual, un documento obrigatorio, por moito que as traballadoras sexan da confianza de David Castro, para traballar nas escolas infantís.

No relativo ás garantías para os nenos e nenas, o Concello ocultoulle á Xunta de Galicia as pólizas dos seguros de responsabilidade civil e sinistros cos que debería contar a Escola Infantil, que dende a nosa formación solicitaremos formalmente, non vaia a ser que aconteza como co desfile de entroido, que non tiña seguros específicos.

O goberno de David Castro tamén lle ocultou á Xunta o proxecto educativo e a proposta pedagóxica, algo que non ten moita razón de ser pois son documentos que están a disposición das nais e pais, salvo que ese proxecto e proposta non cumpran algún parámetro ou conteña algo que se queira ocultar, que non nos parece que sexa o caso, mais ben outro exemplo de neglixencia e de desidia de David Castro, que pensa que as cousas se autoxestionan soas.
Pasa o mesmo coa ordeanza fiscal da escola infantil, que define os prezos de uso. A Xunta detectou que varios dos prezos establecidos non encaixan nos parametros establecidos pola propia Xunta, en concreto parametros relativos aos prezos de comedor e de ampliación de horarios. Estes prezos, que deben pasar por Pleno, xa deberían terse solucionado, mais de momento non se modificaron.
E pasa o mesmo con boa parte da documentación que é obrigatoria ter incorporada ao rexistro da Xunta, e que o Concello non incorporou dende a municipalización da escola infantil. Estes incumprimentos supuxeron a advertencia da Xunta de Galicia de que de non resolverse a escola infantil podería ser expulsada da rede de escolas infantís financiadas pola Xunta e perder así a súa gratuidade.

Compre sinalar que sobre esta cuestión, a pregunta específica presentada para a súa resposta no Pleno foi “Corrixíronse todas as deficiencias expostas nese requirimento?” ( en referencia ao informe e requirimento da Xunta ) . Pois David Castro negouse a responder á pregunta con escusas que ninguén cree. A realidade é que descoñecemos se se cumpriron as esixencias da Xunta, pero temos moitas dubidas en primeiro lugar porque as taxas de uso da escola infantil deben modificarse en Pleno e a día de hoxe iso non aconteceu. Ademais a negativa a responder a pregunta, que cun simple SI quedaría resolta, xera moitas dúbidas. Dubidas que tampouco axudan a disipar os rumores sobre favoritismos nas contratacións de persoal.
Dende Somos Ribadumia debemos amosar a nosa preocupación pola existencia de todas estas irregularidades, sobre todo no que afecta á seguridade dos nenos e nenas, pero tamén no que atingue á situación das propias traballadoras e polas consecuencias que pode traer toda esta serie de incumprimentos, pois perder a gratuidade da gardería pola desidia do señor Castro afectaría directamente as nais e pais usuarias da escola infantil.

O que non conten o informe da Xunta é ningunha proposta nin recomendación de que se lle manden ás nais e pais enquisas de valoración do profesorado como a enviada o pasado mes de marzo, e tal como asegurou David Castro naquel momento . Si se recomendan enquisas para valorar cales son os mellores días para pechar a gardería, e que non se peche determinadas datas por decreto como se está facendo, cousa eu tampouco se fixo. Así pois, demóstrase que unha vez máis David Castro mentiu ao tentar cargarlle a responsabilidade dos seus feitos a un terceiro, neste caso a Consellería de Política Social, e unha vez máis as súas mentiras quedan demostradas por documentos asinados e con número de rexistro.

