Confusión en Barrantes por que o Concello mantén os sentidos restrinxidos de circulación un mes despois de rematada a festa do Tinto.

• Un mes despois de rematada a festa, no Caleixón Loureiro permanecen os sinais que obrigan ao sentido único e de prohibición de estacionamento en parte da rúa.
• Os sinais permanecen, pero a veciñanza non sabe se debe guiarse por eles ou ignoralos, o cal crea confusión, e posiblemente multas que non corresponderían.
• Pedimos a David Castro que aclare a situación con esa rúa e faga as cousas ben.
Para a celebración da pasada edición da Festa do Tinto, o goberno local procedeu ao reordeamento temporal do tráfico no centro de Barrantes, definindo algunhas rúas como de sentido único.
Un mes despois de rematada a festa, dende Somos Ribadumia comprobamos que algúns dos sinais temporais colocados para restrinxir e guiar o tráfico nalgunhas desas rúas seguen colocados. Referímonos en concreto á rúa Caleixón Loureiro. Na intersección desa rúa coa rúa capela e a rúa Remediós Alvarez, e ao longo da rúa Caleixón Loureiro hai colocados unha serie de sinais, tanto de dirección única, como de dirección prohibida e de prohibido estacionar. Dáse a circunstancia de que varios deses sinais non son homologados e/ ou están colocados dun xeito evidentemente pensado para ser temporal, pois aparecen amarrados de calquera maneira a postes que non corresponden coa sinalización de vías. Ademais para a colocación dalgún dos sinais procedeuse á retirada doutros que deben estar presentes.
O asunto é que o Concello de Ribadumia non emitiu ningunha comunicación, nin temos constancia de ningún bando nin resolución de alcaldía, polo que non queda claro se o sentido único neste tramo de vía vai a ser permanente ou se “por despiste”, quedaron eses sinais sen retirar. En calquera caso a situación crea confusión pois a veciñanza non sabe se debe facer caso deses sinais ou non, podendo dar orixe a multas se a garda civil actúa en base a eses sinais, pois unha parte da veciñanza ante a dubida non lle está facendo moito caso. Por isto, a veciñanza queixase da falta de información, de que se cambien sinais e sentidos da vía sen informar ás familias que viven nesa rúa, que non son poucas, e que aínda por enriba poida caerlle unha multa se non fan caso a uns sinais colocados de maneira bastante chapuceira. Ademais dáse a circunstancia de que o Concelleiro de Urbanismo vive nesa zona, así que coñecemento da situación debería ter abondo, co cal cabe interpretar que se os sinais non se retiraron ou foi por culpa dunha irresponsabilidade do concelleiro, que non sería tampouco raro, ou porque o goberno de David Castro quere meter un cambio de sentido das vías nesa zona pola porta de atrás.
Dende Somos Ribadumia entendemos que todo o centro de Barrantes debería someterse a unha actualización urbanística, de humanización e reordeamento do tráfico, eliminación dos semáforos, mellora da seguridade e dotación de aparcadoiros. E nesta zona en concreto do Caleixón Loureiro, os problemas circulatorios e de faltas de aparcadoiro son moi graves, máis dende que se ocupou o último edificio de vivendas, entre 2019 e 2021. Pola nosa banda levamos no noso programa, e veríamos como moi positivo unha reordenación do tráfico nesa zona, e dotar prazas de estacionamento. Pero as cousas hai que facelas ben, non de maneira chapuceira, con sinais mal colocados e amarrados a postes, recortando zonas de estacionamento, e aínda por enriba facelo con escurantismo e condenando á veciñanza a enterarse dos cambios vía multa.
Por todo o exposto, e logo de que esta cuestión saíra a relocer no último pleno sen que o goberno local fixera nada, este luns presentamos un escrito solicitando a David Castro que aclare a situación e que actúe. Se os sinais quedaron aí por error, que se corrixa o erro e se garanta que ningún veciño ou veciña vai ter que pagar multas pola incompetencia do goberno local. Se non foi un erro e se pretende manter no tempo o sentido único e as limitacións ao aparcadoiro, que se informe, que se proceda a unha sinalización correcta, e que se faga a actuación en toda a zona afectada, pois limitar unicamente unha parte da rúa non vai solucionar o problema nesa zona, e aínda pode agravalo.

