Un ano de mandato desastroso.

O custe en cargos políticos máis alto dende o inicio da democracia pero non hai ninguén que atenda no Concello.
• Perda de axudas, retención de fondos por non cumprir coas súas obrigas, os colectivos sen axudas e o concello sen orzamento dende 2022.
• Enfrontamentos con colectivos, con entidades, coa hostaleria local, cos alcaldes da comarca e con case todo o mundo,
• Espazos públicos en estado lametantable, erros de bulto na xestión, actuacións dubidosas e abandono de funcións.

Aínda que este primeiro ano de mandato de David Castro se puidera considerar continuísta, o certo é que o resultado, á vista dos acontecementos e da documentación, David Castro superou a súa propia dinámica ata establecerse no desgoberno máis absoluto, e podemos dicir que, con diferenza, estamos ante o peor alcalde da nosa historia recente, e como mínimo dende que saímos da dictadura franquista.

Comezando pola xestión da administración local, o que a veciñanza non ve pero remata notando, David Castro ten o Concello ao pairo, sen xestión, pero tamén sen recursos, e pagando as consecuencias. Estamos sen orzamento dende o ano 2022, o cal impide levar adiante novos investimentos ou aumentar as partidas de axudas a colectivos, por exemplo. Non se entregan os números do Concello en tempo e forma ante os organismos de control. Isto provocou xa varias retencións de fondos, ademais de que complica o acceso a determinadas axudas doutras administracións. Ao rexistro municipal non fan máis que chegar requerimentos de subsananción de erros de todo tipo, e constan obras importantes onde se falsearon documentos, como denunciamos no seu momento. Os colectivos municipais tamén sofren as consecuencias da falta dun alcalde ao mando do concello. Sen un motivo xustificado máis que a intención de prexudicar a determinados colectivos, as axudas deste 2024 convocáronse a inicios deste mes de xuño, logo de meses requiríndollo ao señor Castro, tanto nós como forza política como os propios colectivos.

Isto falando de inacción, por que falando de acción, topamos dende eventos como o desfile de entroido feito sen medidas de seguridade nin permisos, ata modificacións de PXOM feitas á medida dunha empresa concreta e intentos de legalizar unha nave que debería estar precintada, a politización esaxerada de todos e cada un dos eventos do noso Concello, a mala organización e xestión dos mesmos, como comprobamos na Feira da Familia ou na propia Festa do Tinto, os ataques a traballadores do Concello, cuxas consecuencias está pagando a veciñanza – consta media ducia de queixas formais polo ridículo despacho do educador familiar que impide a correcta atención – , ou os conflitos cos diversos colectivos municipais, algúns con final no xulgado, como no caso do Xuventude Sisan, e outros que xa informaron que ou ben deixan a súa actividade ou se cambian de Concello.

Falando da xestión do público, o que afecta máis directamente á veciñanza, no último ano só puidemos constatar o abandono e pésima xestión que o goberno do señor Castro fai das problemáticas e en xeral de todo. Para comezar, estamos ante o goberno máis caro da nosa historia en liberacións políticas, pero no Concello non hai ninguén que atenda, e para falar co alcalde, como sempre, hai que “encomendarse a un santo”, e pasar diversos filtros. Lamentable que quen atenda á veciñanza sexa a secretaria particular do alcalde e non el mesmo como corresponde. A ausencia do goberno faise notar en moitos aspectos, pero resumindo, so diremos, e isto pode comprobalo calquera que se pase pola casa do Concello ou observe como se xestionan os traballos de mantemento, o caos na xestión municipal é absoluto, e só se salva en parte grazas á profesionalidade do cadro de persoal municipal, que salva moitas papeletas. Pero David Castro non so está ausente do Concello, tamén está ausente da xestión. Fugas de auga e outras roturas que se deixan estar días ou semanas, como o valado da aula do CRA de Ribadumia, que leva mais de dous meses aguantado por unhas taboas e uns puntais. Os cortes no subministro de auga e os problemas co alumeado público son continuos. As instalacións e espazos públicos xa superaron o estado de deterioro e abandono que encontramos no 2015 cando nos fixemos cargo da area de urbanismo, con especial gravidade a Carballeira de Ribadumia, que esta morrendo atacada por un insecto ao que o goberno non presta atención e unicamente corta as arbores mortas e oculta os tocóns, ou os parques de Barrantes, algún dos cales nin sequera cumpre coa legalidade. A política de parches e de favores ou ataques políticos converteu o concello nunha sucesión de obras sen sentido, con tramos de rúas ás que se lle aplican ancheamentos duns poucos metros para deixar o resto como estaba, ou incluso pistas que se deixan sen asfaltar porque pasan por diante da casa dalguén que mirou mal ao señor alcalde ou ao seu concelleiro de urbanismo. Non se rematan as obras que se comezan, ou déixanse en abandono, como o punto limpo que debería terse posto en marcha en marzo e sigue pechado. Abundan os contedores do lixo rotos, segue sen corrixirse a dotación destes elementos en zonas de moito uso, provocando que metade do tempo estean desbordados e xerando cheiros e incómodos. Non hai unha planificación a medio prazo, non digamos xa a longo, e vivimos a expensas das subvencións porque os fondos propios estanse usando para tapar os buracos da xestión do señor Castro, e moitas desas axudas pérdense por non reunir puntos ou por solicitarse tarde. As poucas obras que se fan veñen arrastradas de anos anteriores. David Castro, dende que ten maioría absoluta, non foi capaz de resolver nin un so dos problemas que afecta ao núcleo de Barrantes, e este último ano tampouco se avanzou nada nese aspecto. Ao contrario, co aumento de poboación nese núcleo dos últimos catro anos, problemas como a falta de aparcadoiro aumentaron, pero seguimos sen solucións.

No aspecto político, o desastre na xestión da Mancomunidade logo da moción de censura, que levou a David Castro a estar enfrontado coa maioría de alcaldes e alcaldesa da comarca e incluso cos seus propios compañeiros de partido, non deixa de ser unha extensión do que vivimos en Ribadumia. David Castro e o seu equipo non acaban de entender que unha maioría absoluta non é un cheque en branco e que a oposición tamén representa á veciñanza. Todo son atrancos, moi en concreto cara o noso partido, a hora de facilitarnos a documentación, ata o punto de que tivemos que acudir á vía xudicial, nun proceso que o señor Castro está alongando interesadamente cando o máis sinxelo, e barato, sería cumprir coas súas obrigas e respectar o traballo da oposición. A isto sumémoslle as faltas de respecto continuas nos Plenos e nos eventos públicos, e a intencionada tensión que se está creando na rúa e na que nós non imos entrar, pero que resulta preocupante, e xa temos a foto final do que é un completo desgoberno.

Dende a nosa formación, facemos un chamamento a David Castro a centrarse no goberno municipal, reconducir a situación de abandono na que esta Ribadumia, e a deixar dunha vez a política de confrontación continua á que nos quere levar. Non foi posto pola veciñanza para enfrontar a uns veciños con outros, nin para facer política de venda de favores e arranxos a medida de intereses particulares, nin para facerse fotos con cada pedra que encontra no camiño, senón para resolver os problemas do noso Concello e traballar para o conxunto da veciñanza.

Deixar un comentario