Ridículo absoluto e perda de credibilidade de David Castro á fronte da Mancomunidade.

• David Castro viuse obrigado a retirar da Orde do Día do Pleno da Mancomunidade os puntos polémicos porque lle deron plantón dous concelleiros do PP.
• Logo de facerse coa presidencia falando das divisións da esquerda, resulta que o que está dividido é o PP.
• Ridículo e total perda de credibilidade como Presidente da Mancomunidade, incapaz ata de dirixir o Pleno.
• Pedimos a David Castro que acepte o proposto pola esquerda e tome o camiño do diálogo. Se non é capaz, que deixe o cargo.
Membros de Somos Ribadumia, entre eles o noso concelleiro Sergio Soutelo, estivemos o pasado venres na sesión do Pleno da Mancomunidade do Salnés, e puidemos comprobar de primeira man o grao de ridículo que alcanzou David Castro, así como a total perda de credibilidade á que chegou, entre o resto de alcaldes e concelleiros, incluídos os del, e ante toda a comarca pois o Pleno tivo ampla afluencia de público e medios de prensa, logo de que un concelleiro e unha concelleira de Meaño do PP lle deran plantón e lle rebentaran o plan de aprobar o orzamento da Mancomunidade, a liberación de Asperez e o nomeamento da vicepresidencia na persoa de Sabela Fole.
A ausencia desas dúas persoas do PP deu ao traste co plan, fixo públicos e notorios os problemas que atravesa o PP na comarca, pero sobre todo deixou patente a incapacidade de liderazgo do propio David Castro, que logo de usar as supostas divisións da esquerda para xustificar a moción de censura na Mancomunidade e facerse coa presidencia, resulta que as divisións están no seu partido e que ademais nin sequera o resto de alcaldes do PP estaba ao tanto da situación. O venres foi evidente que David Castro enganou a propios tanto como a alleos, perdendo a pouca credibilidade que lle puidera quedar e danando a imaxe do partido que o comprou fai un ano, que por certo andivo moi áxil a poñerse de perfil e deixar David Castro só co lío que el mesmo creou.
Dende a nosa formación non podemos valorar os motivos desas dúas persoas para non acudir ao Pleno, pero é evidente que os intentos de David Castro de pagar favores a Asperez e de paso colocalo en liña de acople co PP, non está gustando no grupo de Viéitez, con toda lóxica se temos en conta que os Independentes de Meaño son a primeira forza de oposición nese Concello. As diferenzas entre David Castro e o alcalde meañés, alimentadas por Gonzalo Durán, son coñecidas, e agora é coñecida a incapacidade de David Castro para dialogar con calquera outro cargo político, incluídos os do seu partido.

O papel de Gonzalo Durán.
O caos vivido o venres na Mancomunidade deixou outras lecturas. Gonzalo Durán declarou no anterior Pleno, en marzo, que non volvería aos Plenos da Mancomunidade, pero o venres asistiu coa clara intención de restregar a súa “victoria” ante o PSOE e o propio Viéitez, e de paso dar apoio e instruccións a David Castro, que non leva ben o de debater en igualdade de condicións nin a propia xestión dos plenos, visto o visto nese pleno. Logo do fiasco, Durán, xunto a Telmo Martín marcharon antes de rematar o Pleno, deixando de paso a David sen o apoio dos dous alcaldes do seu partido presentes. Unha mostra máis da falta de peso de David Castro no PP.
Antes diso, por se David aínda non había caído bastante baixo, puidemos comprobar o nivel de dependencia que ten do alcalde de Vilanova. Formalmente as forzas de esquerdas pediron a retirada do orzamento da Orde do Día, ademais con argumentos sólidos. Pero foi Gonzalo Durán, primeiro a través dunha nota e logo de viva voz á vista do momento de confusión no que quedou David Castro, o que deu orden de retirar ese punto e tamén os seguintes, que correspondían coa liberación de Asperez e o nomeamento de Sabela Fole como vicepresidenta, e evitar a perdida das votacións é un bochorno aínda maior.
Resumindo, na Mancomunidade o presidente é un e o que manda é outro, e se quedaban dúbidas, o venres despexáronse soas. E isto non pode ser aceptable, porque ademais o que manda non ten o mínimo interese no funcionamento da Mancomunidade, unicamente en resolver os seus conflitos persoais.
Chamada ao diálogo.
Con todo, o venres o que quedou patente por enriba de todo o demais é a situación de inestabilidade á que David Castro levou á Mancomunidade. Dende a nosa formación pedímoslle ao señor Castro que recapacite, que deixe de guiarse polas tolemias de Gonzalo Durán, e emprenda o camiño do diálogo co resto de alcaldes e alcaldesa da comarca e forzas con representación na Mancomunidade. O venres puido certificarse a ruptura do ente comarcal, e só se salvou gracias precisamente ao desplante do PP de Meaño, pero a situación está moi lonxe de normalizarse, e corresponde ao presidente asumir o liderazgo necesario e dar os pasos para reconducila. Nese aspecto, nós sempre estaremos dispostos a axudar. Pero se o señor Castro non é capaz de estar á altura das circunstancias, é mellor que renuncie á presidencia en favor de outro alcalde ou alcaldesa con mellor capacidade de diálogo que leve ao ente mancomunado ao estado anterior á moción de censura.
