Negámonos a que a veciñanza de Ribadumia pague a compra de votos de David Castro para presidir a Mancomunidade.

• Este venres David Castro ten previsto consumar a compra do voto de Asperez poñéndolle unha “paguita” de case 80.000€ en 3 anos.
• Non aceptaremos que a veciñanza de Ribadumia poña cartos para pagar as débedas de David Castro.
• A Mancomunidade paralizada e ao borde da ruptura gracias á xestión de David Castro.
Dende Somos Ribadumia xa advertimos da nosa oposición frontal a que David Castro pague cos cartos da nosa veciñanza favores políticos, que é xusto o que vai acontecer este venres se David Castro saca adiante a súa idea de aprobar no Pleno da Mancomunidade unha liberación económica para o señor Asperez, unha liberación que con todos os custes andara próxima aos 40.000€ ao ano, e que suporá dispor de 120.000 € no que queda de mandato, dos cales 80.000€ irán dereitos ao peto de Asperez, que vai ter a máis que dubidosa honra de ser o primeiro liberado na historia da Mancomunidade.
Compre aquí remarcar que a liberación do Señor Asperez non ten nada que ver coa liberación dun alcalde ou Concelleiro dentro do ámbito municipal. Ao alcalde ou Concelleiros libéraselles para que poidan dispor de tempo para cumprir as obrigas dos seus respectivos cargos, algo ao que non nos opoñemos sempre e cando estean xustificadas. Pero no caso do señor Asperez non hai obriga que xustifique tal liberación. Debido ao funcionamento propio das Mancomunidades, o posto de delegado de turismo non ten nin capacidade de toma de decisións, nin competencias, nin responsabilidades nin obrigas específicas máis aló de ir a eventos en representación da Mancomunidade, en principio en substitución da presidencia, por iso se denomina “delegación”, e motivo polo cal os anteriores delegados de turismo, cando os houbo, non tiveron liberación ningunha. Dito doutro xeito, o cargo de “Delegado de Turismo” é meramente figurativo, motivo polo cal non obxecto unha liberación.
David Castro actúa cunha chulería tal que a día de hoxe non se molestou en aportar algunha xustificación creible ante o que é evidente que é un pago de favores a conta de fondos públicos, e nin sequera negou esta realidade. O descaro é tal que se permitiu manter paralizada a Mancomunidade varios meses, agardando a que no Concello de Meaño solucionaran a renovación dun dos representantes no órgano mancomunado, para garantirse a maioría no Pleno e poder sacar adiante tanto a liberación de Asperez como a designación da vicepresidencia na persoa da Señora Fole, unha persoa que non é alcaldesa nin forma parte do goberno do seu Concello, polo que non vai valer para outra cousa máis que para igualar as forzas na Xunta de Goberno da Mancomunidade, unha xogada esta que pode ser a puntilla que provoque a ruptura da Mancomunidade do Salnés logo de anos de funcionamento e entendemento.

David Castro actúa con total irresponsabilidade, poñendo en risco un ente que gracias á suma de todos os concellos que o compoñen, non só permite que determinados servizos sexan asumibles para Concellos pequenos como o noso, senón ademais que permite acceder a fondos económicos doutras administracións, que están agora en risco gracias á xestión dun señor que está unicamente traballando en beneficio persoal propio, algo indigno en política.
Dende a nosa formación xa advertimos de que non íamos aceptar que dos cartos dos nosos veciños e veciñas saia un só euro para pagar as débedas do señor Castro, e se o venres se aproba esa liberación, tomaremos as medidas pertinentes para que David Castro renda contas ante a veciñanza e para que o Concello de Ribadumia non teña que pagarlle nada a Asperez, e dende logo non aprobaremos nin daremos o visto boa un só euro dedicado aos pagos das débedas políticas do señor Castro, que as pague el do seu peto.
