Propoñemos a creación dunha mesa local do medio ambiente para a elaboración dun plan de actuacións e posta en valor dos espazos verdes municipais.

- A falta dun plan específico axeitado provoca que as zonas verdes e de lecer non se atendan da mellor maneira.
- Sería moi positivo contar cun plan de actuacións para o medio e longo prazo, e para facelo realidade propoñemos á creación dunha mesa local do medio ambiente.
- Cun traballo técnico de base e un plan avaliado polas forzas políticas sería posible mellorar e poñer en valor todos os espazos naturais e de lecer.
- Días atrás xa solicitamos ao Concello que se acollera a unha liña da Deputación que permitiría recibir árbores cos que ir mellorando a situación dalgúns espazos.
Dende Somos Ribadumia levamos anos amosando a nosa preocupación polo estado dos nosos espazos verdes, parques e zonas de lecer. Atrás quedan xa os anos de cogoberno onde xunto ao PSOE como responsables das áreas de urbanismo e parques puxemos en marcha un plan de mantemento que sendo básico permitía ter un calendario de actuacións e un mantemento correcto.
A realidade é que hoxe por hoxe Ribadumia conta con varias zonas verdes, parques, xardíns, carballeiras, sendas fluviais, e outros espazos públicos de esparcemento, que se veñen coidando con maior ou menor dilixencia, pero que adoecen dunha enorme falta de previsión nos seus coidados a medio e longo prazo, así como dun plan respectuoso de atención, desenvolvemento e de posta en valor, nun tempo ademais onde estes espazos están cobrando enorme protagonismo social. A cidadanía, nas zonas urbanas e semi-urbanas, cada vez máis esixe espazos públicos de calidade e verdes, por enriba de prazas de pedra e formigón tan de moda noutros tempos, pero no rural onde todo o patrimonio natural e etnográfico é moi querido a veciñanza tamén esixe que as cousas se vexan coidadas. Do mesmo xeito, a xente que nos visita toma nota, valora e transmite a posta en valor -ou non – dos espazos naturais e o respecto polo medio ambiente.
Sen pretender criticar a quen goberna, o certo é que a xestión actual xera problemas. Como exemplos máis claros, máis aló do mal estado xeral dos parques infantís e o de case abandono de fontes e lavadoiros, aos que con sorte cáelles un paso de desbrozadora ao ano, temos a decadencia da Carballeira de Ribadumia, que está perdendo árbores de maneira paulatina, ou a xestión de zonas como as sendas que percorren as ribeiras do río Umia ou a do río Armenteira, prexudicadas polas rozas mal planificadas, excesivas como se ten denunciado, non so polo noso partido senón tamén por colectivos ecoloxistas, así como pola falta de arbores en determinadas zonas que aguanten o terreo na ribeira, provocando derrumbes e outro tipo de problemas, particularmente nas tempadas de choivas. Outros problemas veñen derivados como dixemos da falta de mantemento en parques, algúns sen zonas de sombra, ou dunha deficiente previsión, como no caso das limpezas de rueiros e elementos patrimoniais, que xeran queixas a pesar de que contamos con medios técnicos máis que suficientes.
Dende a nosa formación pensamos que a Concellería responsable dos parques e xardíns, debe hoxe por hoxe ser unha Concellería con moito máis desenvolvemento. Por ese motivo presentamos este pasado xoves unha moción onde propoñemos a creación dunha mesa local do medio ambiente, formada por persoal técnico cualificado e por representantes de todos os partidos políticos, co obxectivo de elaborar, avaliar e poñen marcha un plan de actuación e posta en valor que permita unha planificación a medio e longo prazo dos nosos espazos de lecer, o cal facilitaría enormemente a xestión en todos os aspectos.
Solicitude dunha axuda a Deputación.
Con independencia do falado, días atrás o noso concelleiro Sergio Soutelo presentoulle á alcaldía unha solicitude onde animaba a acollerse a unha liña de axudas da Deputación, publicada a principios de maio e que permitiría recibir un lote de árbores, ata 35, cos cales sería posible por exemplo repoñer parte do arborado perdido na Carballeira de Ribadumia, aínda que respectando a quen goberna non expuxemos ningunha preferencia. Si solicitamos que se fixera a maior brevidade dado o carácter de concorrencia non competitiva da liña de axudas. Pensamos que acollerse a este tipo de axudas, que son bastante escasas, se ademais se fixera contando de antemán co plan de desenvolvemento que propoñemos crear, axudaría moito á mellora das nosas zonas verdes e de lecer.

En resumo, o noso obxectivo é darlle a volta á situación que temos é mellorar a calidade dos espazos municipais de lecer, así como a posta en valor dos nosos medios naturais e patrimoniais, e facelo realizando propostas concretas e través da busca de acordos que permitan superar as diferenzas políticas. Por iso tamén trasladamos está proposta ao resto de forzas políticas, para que con tempo suficiente, pois o próximo pleno ordinario será en xullo, poidan analizada e propor as melloras que consideren.
