David Castro, un “bluff”como presidente da Mancomunidade.


Incapaz de xestionar o ente comarcal, non se atreve nin a convocar os plenos.
• Tomadura de pelo a conta da ampliación da ETAP de Treviscoso.
• Dende xaneiro, cero novidades, cero xestión, cero relación cos concellos da Comarca e cero logros.

As últimas novas publicadas sobre a Mancomunidade do Salnés poñen de manifesto os dous grandes erros que cometeu o PP na nosa comarca. O primeiro coa moción de censura no ente comarcal, rompendo o clima de consenso que existía e que debe existir nun ente destas características. O segundo ao colocar de presidente deste ente a unha persoa que non ten ningunha capacidade, nin de xestión, nin de relación e de busca de acordos co resto de alcaldes e alcaldesa, nin sequera cos do seu partido, algo imprescindible nunha Mancomunidade de Concellos.

A Mancomunidade nin é un Concello nin pode funcionar como tal. Require de xuntanzas e de acordos entre as diferentes alcaldías, para poder traballar en conxunto polos obxectivos comúns, sen os cales a Mancomunidade non ten sentido. O illamento de David Castro, incapaz de comunicarse cos seus homólogos, coa salvidade do seu pai putativo político Gonzalo Durán, outro alcalde que tampouco é quen de ter un comportamento acorde ao seu cargo, fan inviable o correcto funcionamento da Mancomunidade, que leva traballando en piloto automático dende que se consumou a moción de censura.


Dende Somos Ribadumia entendemos a posición dos alcaldes e alcaldesa do PSOE, pois a situación ao que o PP levou a Mancomunidade é totalmente inaceptable. Por iso pedímoslle en primeiro lugar ao PP provincial e autonómico que tome medidas e poña orde no desbaraxuste que ten o seu partido na comarca e que o coloca fora dos funcionamentos democráticos, ademais de manter conxelado o desenvolvemento da Mancomunidade, algo que afecta a todos os concellos, estean gobernados polo PSOE ou polo PP. E pedímoslle a David Castro que amose un pouco da sensatez da que tanto fala e mude a súa actitude. Xa que escoitou os cantos de serea de Durán e se encirrou en ter a presidencia da Mancomunidade sen pedirllo ninguén, agora que asuma as consecuencias e se faga responsable do cargo. Ribadumia é un dos concellos pequenos dentro da nosa comarca e precisa da Mancomunidade para enfrontar moitas cuestións. De feito a Mancomunidade, que sirve para máis cousas que ir a feiras de turismo, é un importante motor que nos pode levar a mellorar enormemente os servizos que se lle dan á cidadanía e impulsar o desenvolvemento en moitos ámbitos da comarca, pero para iso hai que deixarse de caprichos políticos e poñerse a traballar.

A tomadura de pelo da Xunta a conta da ETAP.
De todas maneiras, vendo como actúa o PP dende a Xunta, non nos parece que teñan moito problema coa situación da Mancomunidade do Salnés, máis ben ao contrario. O martes fíxose público que Xunta petoulle a David Castro coa porta nas narices coa ampliación da ETAP de Treviscoso e a coa substitución da tubaxe que da servizo ao Grove. A nova esixencia de que a Mancomunidade redacte un proxecto non é nin máis nin menos que unha tomadura de pelo e outra manobra evasiva para alongar a situación, algo que o presidente da Mancomunidade non debería aceptar. Porén, a David Castro, que resulta evidente que non consensuou a súa postura co resto de alcaldes e alcaldesa antes de ir falar coa Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nin despois de recibir a resposta ante estas problemáticas, o problema dálle igual, e limítase a manter a súa postura se submisión ante o PP.

Para nos é totalmente inaceptable que a Xunta pida agora, logo de anos mareando, que a Mancomunidade redacte de novo un proxecto. Pero máis inaceptable resulta que o presidente do ente comarcal volvera desa xuntanza sen ningún compromiso claro e formal e sen cartos para sacar adiante unha ampliación que leva anos proxectada e para a cal xa se dispuxeron os terreos, e que aínda por enriba diga que a reunión foi positiva e asuma o discurso de quen con total descaro se está a rir da nosa comarca. Unha postura a de David Castro que ademais non parece que sexa compartida polo resto de Concellos aos que como presidente da Mancomunidade debe representar. A realidade é que David Castro foi por cartos e veu de volta co recado de que os cartos os ten que gastar a Mancomunidade, e sen garantías de que sirva para algo, e el aceptou iso sen rechistar e sen asumir que cando fala como presidente da Mancomunidade, faino representando a posición de todos os concellos, non a súa persoal. Lamentable.


A ampliación da ETAP e a conexión de auga ao Grove non son obras importantes e necesarias unicamente para os Concellos con máis afluencia no verán. Os problemas de subministro neses meses págaos tamén a veciñanza de Ribadumia, con problemas en varias zonas do Concello nos meses de xuño a setembro, que quedan sen auga e con perdas de presión continuas. Cómpre unha solución e ten que ser inmediata, non podemos agardar a que os intereses políticos do PP e de David Castro, que nada teñen que ver coa veciñanza de Ribadumia, o vexan adecuado.

Deixar un comentario