Novo desastre organizativo e manifesta irresponsabilidade de David Castro, nesta ocasión coa Feira da Familia.

A Feira da Familia, realizouse por decisión de alcaldía na praza do Concello, a pesar dos chuvascos que caeron ao longo da tarde.
• Estaba anunciado o seu traslado por choiva para o pavillón de deportes de Barrantes, como en outras ocasións, pero David Castro negouse a pesar das peticións das entidades participantes e das nais e pais.
• David Castro obrigou persoalmente aos responsables das colchonetas inchables a poñelas en funcionamento estando molladas, algo que vai contra das normativas vixentes e que puxo en risco a integridade física dos nenos e nenas.

David Castro suma e sigue no caos total de xestión en cada área do seu goberno e no seu delirio autoritario que o leva a pensar que as cousas hai que facelas unicamente por que o mande el, digan o que digan o sentido común e as normativas vixentes. Neste caso, tivemos que asistir, por que ademais estivemos presentes, ao desastre organizativo da Feira da Familia, con saídas de tono do alcalde e de outros membros do goberno, ameazas a traballadores, queixas das nais e pais, e en xeral un completo despropósito.

De partida, compre dicir que a Feira da Familia, que nesta edición cumpriu catorce anos, tiña anunciado, e así figura no cartel do evento, que en caso de choiva se trasladaría ao pavillón de Barrantes. Pero David Castro negouse en redondo a trasladar o evento, e iso que os chuvascos pola mañá e a primeira hora da tarde, facían evidente que a festa non se podía realizar ao aire libre. O resultado desta negativa foi o previsible. Primeiro un caos coa asistencia, pois moitas familias trasladáronse ao pavillón pensando con toda lóxica que a feira estaría alí. Non era o caso e iso xa xerou certo enfado. Outras familias ao ver que o alcalde insistía en realizar o evento na praza do Concello, nin se molestaron en asistir, e outras marcharon ao chegar e encontrarse todo mollado, co cal a asistencia de familias á feira, comparado cos anos anteriores onde sempre tivo boa afluencia, foi escasa.

A choiva estivo presente boa parte da tarde, ata o punto de que unha actuación de paiaso prevista tivo que realizarse debaixo dos soportais dun edificio, pois o Concello non tivo a previsión tampouco de colocar unha carpa. Con todo, o máis grave foi a situación creada coas colchonetas inchables. A empresa que as instalou, empresa sobradamente acreditada e que ademais é veterana neste evento, xa advertiu dende o principio que con choiva esas instalación en concreto non se poden poñen en uso. O motivo é evidente, coa choiva o plástico dese tipo de inchables, que non están homologados para traballar con auga, volvese moi esvaradío, e iso converte a esas atraccións en moi perigosas, pois os nenos poden sufrir lesións. Hai unha norma UNE, en concreto a UNE: EN 14960/2014, que deixa moi claro que este tipo de atraccións, en caso de choiva non se poden usar. Ante a as ameazas do goberno local a empresa inicialmente instalou as colchonetas coa esperanza de que ao longo da tarde a choiva pasara de largo, pero non as inflou nin as puxo en funcionamento, primeiro por precaución, e despois porque ao chover e mollarse non debían facelo. Xa na última hora da tarde, o alcalde apareceu polo evento e ameazou aos responsables das mesmas obrigandolle, ademais con moi malas formas, a poñer as colchonetas, que estaban totalmente molladas, en uso, ademais sen advertir ás nais e pais dos perigos, ao contrario, David Castro aínda se amosou fachendoso de ter imposto o seu criterio ao dos profesionais que xestionaban as atraccións. Afortunadamente desa hora xa moitas familias desistiran e foron poucos os nenos que fixeron uso das colchonetas. Non pasou nada, pero outra vez, como xa pasou co desfile de entroido, se chega a pasar calquera cousa, ningún seguro se ía facer cargo debido a irresponsabilidade dun alcalde que se cree por enriba do ben e do mal, e despois virían os choros.

Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar nin as actitudes e comportamentos autoritarios de David Castro e de parte do seu equipo, nin por suposto esta lamentable xestión dun evento que tivo ata este ano moi boa acollida. Non nos parece de recibo ter á choiva aos colectivos, incluído un grupo de anciáns do xeriátrico, que voluntariamente colaboran no evento, gorecidos unicamente por unhas pequenas carpas pensadas para tapar o sol, non a auga, nin que os nenos e nenas que quixeron participar en actividades como as colchonetas ou os xogos que había instalados ao aire libre tiveran todo o material mollado e non digamos xa ter que participar nunha actuación gorecidos baixo o soportal dun edificio, un espazo por certo privado, pois pertence á comunidade veciñal do edificio, e deberíaselle solicitar permiso previamente.

Esiximos explicacións públicas e responsabilidades políticas.

Por que pasou isto?
A pregunta que todo o mundo se facía o domingo era “por que non se levou o evento para o pavillón?” . Estaba anunciado e non sería a primeira vez que se trasladaba por mor do mal tempo. O que pasou non o podemos saber, agardamos que David Castro teña a ben dar explicacións, pero tendo en conta o importante partido e a celebración vividas no campo de A Bouza – onde se encontra o pavillón- , co merecido ascenso do primeiro equipo do Umia, para nos é evidente que o que pasou foi que David Castro volveu demostrar que non é capaz nin de xestionar os eventos, nin o uso das instalacións, nin de solucionar os problemas cando xorden. A situación do domingo e o fiasco da feira, que quedou reducida á mínima expresión, e xerou críticas nas nais e pais, teríase resolto, primeiro organizando os eventos cun calendario diante para evitar atoparse con tres ou catro eventos de certa importancia o mesmo día. Para o caso e pasando por alto que quen xestiona o pavillón e autoriza o seu uso é o propio Concello, se o pavillón, logo de contar con el, polo que fora non estaba dispoñible, chegaba con trasladar a festa a outro pavillón, en Ribadumia hai outros dous, ou con dispoñer unha carpa onde colocar os postos e atraccións e onde as familias puideran participar abrigadas do mal tempo. E en último caso, se non había capacidade para algo tan sinxelo como o que expoñemos, pois sería suficiente con aprazar o evento, que tampouco sería a primeira vez que se fai. Pero, unha vez máis, David Castro optou por fuxir cara adiante, pero as consecuencias desa fuxida pagounas, unha vez máis, a veciñanza.

Deixar un comentario