Un valado de bloques de cemento leva semanas  en risco de derrube no patio dunha aula do CRA.

  • A situación de perigo dese valado para nenos e nenas é evidente, pero o Concello non pasou de apuntalar e sinalar.
  • Nais e pais amosan a súa preocupación pola escasa seguridade e polo retraso no arranxo da situación.
  • Esiximos do Concello celeridade e unha solución inmediata.

  Dende fai xa semanas, un dos valados perimetrais da aula do CRA de Ribadumia está en estado crítico, a piques de derrubarse enteiro, o cal supón un perigo para os nenos, as nenas e o profesorado desa aula.

   Operarios do Concello procederon  fai preto dun mes a apuntalar o valado a poñer unha rede a modo de separación polo lado do patio da aula, e xa non volveu por alí ninguén, o cal non nos parece nin de lonxe unha maneira dirixente de actuar.

   No que respecta ás medidas realizadas para asegurar a zona, non nos parece nin seguridade suficiente nin solución. Unhas táboas por un lado cuns puntais que calquera pode tirar ou mesmo roubar, non nos parece a mellor opción. Menos unha solución que deba orquestar un Concello, do que se agarda un mínimo de profesionalidade. Polo outro lado o patio da aula, que conta con columpios e xogos, non se pecha fora das horas lectivas e algún grupo de nenos ou non tan nenos pode ir por alí a curiosear, e unha rede de plástico entre a área de xogo e o valado tampouco nos parece moita protección ante nenos de catro anos, non digamos xa nenos maiores ou adultos. E non o décimos unicamente nós, cónstanos queixas das nais e pais usuarios, da propia Anpa e do profesorado, pero polo que sexa David Castro fai oídos xordos ante a situación. Como xa vimos en ocasións anteriores, como no desfile de entroido organizado sen permisos, a David Castro mentres non pase nada a seguridade dálle bastante igual.

  No que respecta a este abandono dun problema que está xerando preocupación, dende o noso partido debemos esixir que se actúe de maneira inmediata,  se retire ese valado que está poñendo en risco a seguridade de nenos, nenas e profesorado, e se proceda a dispor unha solución que dea seguridade, aínda que sexa de maneira temporal. Existen solucións técnicas moito mellores e de maior seguridade que unhas táboas e uns puntais. Agardar a que remate o curso para solventar o problema non nos parece nin de lonxe algo razoable. E agardar a levar un susto para actuar tampouco.

Deixar un comentario