David Castro pretende usar o Pleno Municipal para xustificarse ante o Xulgado.

- Na Orde do Día do Pleno inclúe tres puntos de “dar conta” referidos a Somos Ribadumia, pero oculta o contido deses puntos.
- David Castro intenta librarse das consecuencias xudiciais de ocultarlle documentación a Sergio Soutelo.
- Por que oculta David Castro as facturas do Xantar do Tinto, os contratos con un arquitecto externo, e outra documentación? .
Dende Somos Ribadumia temos moi claro cales son os funcionamentos democráticos, e as normas que nos afectan a todos os concelleiros e concelleiras. David Castro parece que ou non o ten tan claro ou pretende estar por enriba desas normas e funcionamentos.
No Pleno convocado para este xoves figuran tres puntos nos cales David Castro pretende “dar conta” de tres escritos presentados por Sergio Soutelo. Antes de entrar no contido deses escritos e dos motivos reais desta actuación do señor Castro, hai que remarcar que Alcaldía usa o termo “dar conta”, pero a realidade é que non ten nada do que dar conta. Os escritos aos que se refire foron presentados por Sergio Soutelo en calidade de Concelleiro, e son peticións de documentación necesaria para a súa labor, algo que entra dentro do funcionamento normal en calquera Concello. Hai que remarcar que en ningún caso neses escritos se solicita dar conta de nada nin se propón nada para debater ou someter a consideración do pleno, e tampouco se trata de preguntas formuladas para ser respondidas no pleno, nin se solicita que entregue a documentación no transcurso dun pleno. Polo tanto, non ten sentido ningún “dar conta” duns escritos presentados por un Concelleiro da oposición pedindo documentación, menos se ese concelleiro non especifica algo nese senso.
Ademais resulta de todo ridículo que un alcalde renda contas dos traballos realizados por un concelleiro da oposición, e aínda que agradecemos a atención que David Castro pon no noso traballo, queremos deixarlle ben claro que a Somos Ribadumia no Pleno Municipal unicamente o representa Sergio Soutelo; o señor Castro non ten o noso permiso para falar no noso nome nin para facer exposicións do noso traballo.
Compre remarcar que deses 3 escritos dos que se pretende dar conta, signifique iso o que signifique, dous deles están xa en vía xudicial por non terse entregado a documentación que neles se solicitaba. Queremos dicir con isto que logo de semanas agardando pola documentación, e recibindo escusas, optamos por acudir á vía xudicial. O primeiro resultado da nosa denuncia foi que o xulgado requiriu fai uns días ao Concello para que aportara a documentación que considerase, e iso explica que David Castro pretenda meter con calzador eses escritos no Pleno Municipal, co obxectivo de xustificar o retraso na entrega de documentación ou quizais buscar algunha maneira de librarse de entregar esa documentación.
Tamén hai que remarcar que estes non son os primeiros escritos que presenta Sergio Soutelo. No que levamos de mandato o noso Concelleiro leva presentados mais de 30 escritos, boa parte deles pedindo diversa documentación, que sempre se entrega tarde e logo de moitos atrancos, pero ata agora David Castro non fixo esta xogada do Pleno, que si fixo no mandato anterior en varias ocasións e sempre para xustificarse ante un terceiro, naqueles casos a Valedora do Pobo de Galicia e o Defensor del Pueblo de España.



Polo tanto, “branco e en botella”, David Castro usa o Pleno Municipal para tentar xustificar o inxustificable. A diferenza é que responder ante un xulgado non é o mesmo que responder ante a Valedora do Pobo.
Ademais de todo isto, David Castro oculta a documentación da que supostamente vai dar conta no Pleno, e só figuran no expediente os escritos aos que fai referencia, pero non a documentación que entendemos se irá entregar neses “dar conta”. A documentación a tratar nos plenos, como temos xa expresado moitas veces, debe estar a disposición dos concelleiros de maneira integra dende o momento de convocarse o Pleno. Non facelo así supón ocultarlle aos concelleiros e concelleiras documentación que se vai tratar no Pleno, unha actuación irregular pola cal solicitamos a retirada deses puntos da Orde do Dia, e que poderia supor a anulación do Pleno Municipal e calquera acordo que se tome nel, algo do que xa advertimos a David Castro.
Con todo, o importante está no que David Castro pretendía e pretende ocultar con tanta paixón. Nestes casos concretos as facturas do xantar do Tinto, os máis que probable inexistentes permisos e seguros para a realización do desfile de entroido, e diversos expedientes que van dende o contrato do alumeado e decoración de Nadal a memorias e proxectos para realizar diferentes actuacións. Iso no relativo aos escritos dos que pretende dar conta neste Pleno, pero tamén está ocultando os contratos con determinado arquitecto externo, entre outras cousas.
Dende o noso punto de vista só oculta algo quen non está facendo as cousas ben, pero se o obxectivo é poñernos paus nas rodas, xa lle advertimos ao señor Castro que imos defender os nosos dereitos e os do noso Concelleiro, e se temos que levar cada unha das solicitudes de documentación ao xulgado, levarémolas.
