David Castro organizou un desfile de entroido sen os pertinentes seguros e autorizacións de tráfico?

• Na Secretaría Municipal non constan os seguros nin os permisos necesarios para cortes de estradas e carrís realizados no desfile de entroido. Tampouco o Plan de Seguridade.
• En Pleno á concelleira de contas asegurou que todo se fixo en regra, pero agora os papeis non aparecen.
• O desfile transcorreu 2 km pola estrada principal de Ribadumia, cun carril cortado e outro con circulación normal, sen apenas seguridade.
• Os nenos e nenas correron riscos innecesarios debido a escaseza de medidas de seguridade e coa dúbida de que fose un evento sen seguros nin permisos, unha neglixencia absoluta.
• Esiximos explicacións e responsabilidades políticas se se confirma esta nefasta xestión do evento.
Dende Somos Ribadumia non saímos do noso asombro ante a que pode ser penúltima neglixencia de David Castro.
O pasado 12 de febreiro tiña lugar, co gaio do entroido, unha iniciativa que nos pareceu positiva, un desfile de entroido, cun bo nivel de asistencia, que incluíu grupos adultos e infantís, que tivo saída na casa de Cultura de Ribadumia e remate no centro de Barrantes, logo dun percorrido de dous quilómetros ocupando un carril da estrada EP-9305, con diferencia a maior e máis transitada das que pasan polo noso Concello.
No seu momento chamou a nosa atención a escaseza de medidas de seguridade dun desfile que ocupou na súa totalidade un carril da estrada entre Ribadumia en Barrantes, pero deixou o outro aberto ao tráfico con total normalidade, cos coches pasando moi preto dos nenos e adultos participantes, pois aínda que protección civil participou, acompañando o desfile e con presencia nos cruces, a Garda Civil non estivo presente, e non se estableceu nin desvíos nin ningún cordón de seguridade que evitara que un neno despistado se metera no carril contrario. O propio concello publicou fotos onde se pode comprobar o preto que pasaron os coches das persoas adultas e nenas que participaron no desfile, e a ausencia de medidas de seguridade.
No último pleno, o noso concelleiro Sergio Soutelo preguntou por esta cuestións, e a resposta foi que o evento contou con todos os permisos, seguros e o correspondente plan de seguridade. Días despois dese pleno, o 13 de marzo Soutelo solicitou copia do plan de seguridade, dos permisos de tráfico e doutras administracións e dos seguros pertinentes. Ademais pedimos o mesmo sobre a cabalgata de Reis.
Pois resulta que os documentos non aparecen. Case un mes despois de solicitalo, o concello non entregou ao noso concelleiro a documentación que pediu. Isto non é novidade, pois David sempre retrasa a entrega de documentos, que ten un prazo de cinco días, para obstaculizar o noso traballo. Pero este luns Soutelo presentouse no Concello a reclamar a documentación, esa e outra pedida que tamén estaba pendente, e ao non entregárselle solicitou á Secretaría Municipal que lle redactara un documento onde se deixara constancia tanto de que el se presentou no Concello nese día como de que non se lle entregou a documentación. No documento redactado pola Secretaría, esta deixa constancia de que esa documentación específica en relación ao desfile de entroido non se pode entregar porque non lle consta tela dispoñible ao non ser tramitadas pola propia secretaria.
En Ribadumia, cunha secretaria que tamén é interventora, que ten que validar toda a documentación incluída a contratación de seguros e que levanta acta de todos os acordos de goberno, sexan do Pleno, sexan da Xunta de Goberno ou doutros órganos colexiados de decisión, toda a documentación municipal pasa por ese despacho e por esa persoa. Polo tanto, que a Secretaria do Concello non teña constancia duns documentos, algúns dos cales ademais tiveron que aprobarse en Xunta de Goberno da que forma parte como se secretaria e redactora das actas, pon moi en dúbida a existencia deses documentos.
No desfile non pasou nada. Pero puido pasar, e non é aceptable que un goberno agarde a que haxa unha desgracia para que lle acorde cumprir coa lei é ter conta da seguridade nun evento. Polo tanto debemos pedir a David Castro que aclare a situación. Se o desfile de entroido contou con todos os permisos, tiña o plan de seguridade e seguros pertinentes que non os oculte e llos entregue a quen llos pediu que foi un representante da veciñanza. Se todo está correcto non teremos moito que dicir, salvo que con plan de seguridade ou sen el, ese evento puxo en risco a integridade física de adultos e sobre todo de nenos, e debería revisarse para seguintes ocasións.

Se ese evento NON contou cos permisos , cos seguros e co plan de seguridade pertinentes e obrigatorios entón David Castro debe dar explicacións públicas inmediatamente e debe haber responsabilidades políticas. Porque dende logo, confirmándose que o goberno local organizou un evento destas características sen contar cos permisos necesarios para cortar estradas de titularidade doutra administración, sen os permisos da Xefatura de Tráfico, sen os seguros que actúen en caso dunha eventualidade e ademais sen un Plan Seguridade que garantise que os perigos quedasen minimizados, e polo tanto que se actuou poñendo en risco a integridade física de nenos e adultos do noso Concello e de fora del, estaremos ante unha neglixencia totalmente inaceptable e con responsables políticos, alcaldía por suposto, pois estas cousas non pasan sen o coñecemento do alcalde, pero tamén a concellería de eventos, que no pleno só levantou a vista do seu teléfono para insultar ao noso concelleiro, cando o que debía facer era explicar a súa xestión.
Temos confianza en que esta a situación non se deu, estamos máis por pensar que David Castro sinxelamente dedícase aos seus xogos infantís ocultándonos a documentación, aínda que o declarado pola secretaria municipal xera moitas dúbidas, e dende logo sorprenderíanos moito que tivera pasado algo así e moito máis que a Cabalgata de Reis transcorrese nas mesmas condicións, por iso damos o beneficio da dúbida ao goberno local, pero debe haber transparencia.
