Trasladamos as nosas xuntanzas de traballo ás parroquias.

• Pasamos as nosas xuntanzas de traballo a locais sociais do Concello.
• Cada xuntanza irémola realizando nun local social do Concello, xirando por todas as parroquias ao longo de todo o mandato.
• Os obxectivos son achegarnos á veciñanza, escoitar as súas problemáticas para poder aportar solucións e trasladar o noso traballo de primeira man.
• Comezamos este próximo martes 9 de abril, no centro social de Leiro, a partir das 20:30 horas.
Dende Somos Ribadumia decidimos ampliar os mecanismos a través dos cales nos achegamos á veciñanza, abrindo as nosas xuntanzas de traballo ao público e levándoas ás diferentes parroquias do noso concello.
A partir desta semana as nosas xuntanzas físicas, que adoitan ser semanais ou quincenais, dependendo do momento e da situación política, irémolas realizando nos diferentes locais sociais do Concello, comezando polo local social de Leiro, este próximo martes a partir das 20:30 horas. O resto de xuntanzas irémolo anunciando nas nosas redes e a través dos taboleiros de información municipal segundo vaian xurdindo. E non será unha ronda única, senón que imos manter esta formula como mínimo durante este mandato, de tal maneira que ao longo do ano pretendemos estar en cada local social do Concello varias veces.
Ata o de agora, ao non contar con local propio, estas xuntanzas realizámolas xeralmente nalgunha cafetería do Concello, ou na casa dalgunha compañeira ou compañeiro, e xa non son nada privado, ao contrario, sempre foron xuntanzas abertas. Pero con este paso de ir xirando polas parroquias do noso concello, pretendemos ser mais accesibles como formación política e mellorar o noso contacto coa veciñanza.
O contido das xuntanzas será o noso habitual, valorar as diferentes cuestións políticas que afectan ao concello , á veciñanza e aos colectivos locais, decidir posicións ante determinados temas, e organizar o traballo para os días seguintes. Pero ao levar isto á proximidade dos locais sociais nas diferentes parroquias buscamos tamén facilitar que a veciñanza poida achegarse a nós con calquera problemática que poida ter e na que nós poidamos aportar información, algunha solución, ou mesmo realizar algunha actuación pola nosa parte se fora necesario.
Así pois, animamos á veciñanza a achegarse e compartir con nos os problemas que poidan ter. Estas xuntanzas tamén servirán para trasladar funcionamentos municipais que moita xente descoñece, procesos para realizar diferentes trámites ante a administración, e en xeral para axudar a que a veciñanza coñeza algo mais en profundidade o funcionamento da administración local.
