En abril e David Castro coas axudas aos colectivos e clubs sen convocar.

As axudas a entidades deportivas, culturais e sociais para este ano están sen convocar.
• O ultimo tramo, 15% do total, das axudas do ano pasado esta sen ingresar un mes despois de aprobarse en pleno.
• Os colectivos municipais abandonados mentres David Castro fai promoción de eventos privados organizados por empresas de fora de Ribadumia.
• Cada día menos colectivos locais e máis problemas institucionais.

Dende Somos Ribadumia queremos denunciar o estado de retraso na xestión das axudas aos colectivos que traballan no noso concello, tanto clubs deportivos, como entidades culturais e sociais.

En orixe, as bases e o funcionamento foi establecido para que se publicase a convocatoria das axudas en xaneiro ou febreiro e como moi tarde telas aprobadas no Pleno Ordinario de maio. Poren, nos últimos anos, o normal neste Concello e con este alcalde foi que a Xunta de Goberno Local aprobase a convocatoria para as axudas e se publicase no Boletín da Provincia no mes de marzo, co conseguinte retraso, que ademais non se pode acortar pois o prazo de presentación de solicitudes esta regrado en 60 días naturais dende a publicación no Boletín Provincial, e despois aínda debe revisarse a documentación, realizar a valoración de puntos e aprobarse as cantidades económicas en Pleno.

Pois ao noso alcalde aínda lle debeu parecer pouco retraso, que este ano, xa comezado abril, ten sen publicar, posiblemente sen aprobar , a convocatoria das axudas municipais a eses colectivos. O resultado disto é que as axudas non se van aprobar antes de xuño, e xullo se se levan a Pleno Ordinario, co prexuízo que iso supón para estas entidades, que teñen que desenvolver os seus proxectos sen saber nin canto van percibir do Concello, se é que van percibir algo, nin cando.

Dende o noso partido non podemos compartir esta maneira de facer as cousas, deixando aos colectivos tirados e obrigados a facer as súas planificacións sen contar coa axuda municipal ou calculando a ollo e adiantando os cartos. No mellor dos casos, para cando cheguen as axudas, os colectivos veranse con medio ano fora e no caso de clubs deportivos coa tempada xa rematada, o mesmo que as ANPAS co curso escolar finalizado. E isto no caso que de que o 25% de entrega inmediata se chegue a pagar nun tempo razoable, cousa que dubidamos, pois cos prazos deste goberno o groso das axudas non chegará antes de rematado o verán, nin sequera xustificando os gastos no primeiro día logo de aprobarse, cando se aproben.

Ademais disto, resulta que o último tramo de axudas do ano anterior, que supón o 15% do total das cantidades aprobadas en cada caso, que debería terse aprobado e pagado en xaneiro, un mes despois de aprobarse no pleno de marzo, están sen ingresar nas contas dos colectivos. Co cal, en abril de 2024, o Concello aínda non rematou de pagar as axudas do ano 2023. E a isto David Castro chamaralle boa xestión, pero a nos parécenos un desastre.

Os colectivos locais abandonados, mentres se promocionan eventos privados.

En realidade, todo apunta a que a David Castro os colectivos locais, salvo para ir facerse fotos, danlle igual porque o único que lle importa é o AF7, un evento privado ao que non se cansa de facer promoción ata o punto de que nas redes sociais do Concello nos últimos días víronse publicacións promovendo aos negocios que colaboran con ese evento, todos eles de fora de Ribadumia, algo totalmente fora de lugar, porque non é de recibo que un Concello promova negocios e empresas privadas, e menos aínda se son de fora do Concello e entran en competencia coas empresas locais, e porque ademais o Concello de Ribadumia non é organizador dese evento, unicamente colabora, iso si, cunha boa cantidade de cartos e recursos que o señor Castro oculta da opinión pública.

En resumo, ademais de ter os fondos para estes colectivos conxelados dende o ano 2017, de retrasarlle cada ano un pouco máis o pago desas axudas, e de estar pendente unicamente dos eventos privados, nos últimos meses vimos colectivos como o do Pole Dance manifestándose publicamente contra o maltrato do señor Castro, leas nos xulgados con clubs deportivos como no caso do Xuventude Sisan, aínda sen resolver, asociacións culturais que deixaron a súa actividade cansas das actitudes do alcalde, ou outras que logo de nacer auspiciadas polo goberno local e despois de anos de vinculación con Ribadumia teñen un pe en concellos veciños porque neste non se lles fai máis que poñer trabas, cando non directamente faltar ao respecto, como vimos cos actos do 8M e os continuos desprezos a ESMAR.

Deixar un comentario