David Castro manda unha enquisa polémica, pero fai responsable ao departamento de Inspección de Política Social e a Somos Ribadumia.

- David Castro asegura que a enquisa foi auspiciada polo departamento de Inspección de Política Social.
- Pedimos formalmente a ese departamento da Xunta que nos aclare se recomendan ese tipo de enquisas, e neses termos.
- David Castro sinala á Xunta e a Somos Ribadumia, como sempre, pero esquece que o alcalde é el.
- O sindicato CSIF esixe a retirada da enquisa.
Dende Somos Ribadumia, vistas as declaración á prensa de David Castro, onde culpa do envío da enquisa enviada valorando ás mestras da escola infantil municipal ao departamento de Inspección da Consellería Política Social, e onde se acusa á nosa formación de facer pública a situación, queremos deixar constancia de que na mañá deste mércores presentamos unha solicitude de aclaración directamente á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica , co obxectivo de saber se é certo que dende Inspección se auspiciou esta enquisa, ou se David Castro sinxelamente sinala co dedo para evitar facerse responsable.
Máis aló disto, reafirmámonos no expresado. Esa enquisa non debería terse enviado neses termos, pois non pregunta nin polo Proxecto Educativo do centro, nin se refire a actividades xerais ou concretas do mesmo, nin pola calidade das instalacións nin, en xeral , por nada sobre os que os pais e as nais poidan expresar unha opinión obxectiva, e unicamente pretende que as nais e pais valoren o traballo das mestras da gardería, algo difícil polo funcionamento da mesma, poñendo os seus nomes e nalgún caso apelidos e interpelando unha valoración explicada, que ademais non conta con garantías de anonimato para ningunha das partes.
Dende Somos Ribadumia, temos moi claro, e as declaracións do goberno veñen de aclaralo aínda máis, que a intención desta enquisa non ten nada que ver con mellorar a calidade de servizo na escola infantil e moito con crear polémicas e buscar xustificacións para accións posteriores, en base a esas enquisas, que ninguén aclarou quen vai xestionar nin como.
A situación das traballadoras da gardería.
Esta mesma mañá fíxose público na prensa que un dos sindicatos con representación municipal, o CSIF, presentou un escrito esixindo a retirada da enquisa por considerar que non se está cumprindo o Estatuto dos Traballadores Públicos. Ademais ese sindicato pon de relevancia que o goberno non convocou aos sindicatos para informarlle da situación das traballadoras da escola infantil, que agora forman parte do cadro de persoal municipal, e polo tanto deben ser tratadas como ao resto de empregados do Concello.
Ante as acusacións sen sentido de David Castro .
Sobre as acusacións que se nos dirixen dende o goberno, recordarlle a David Castro que ten a mala sorte de vivir nunha democracia, onde os partidos de oposición, cando menos o noso, facemos o noso traballo. Se non quere que lle saquen a relocer os erros da súa nefasta xestión, terá que mudar a maneira na que xestiona. Nós imos seguir facendo o que consideramos que debemos facer dende o lugar que nos deu a veciñanza. E recordámoslle que cando esa veciñanza nos deu a posibilidade de estar nun goberno non só o apoiamos a el, senón que durante catro anos o noso Concello non se viu envolto en ningunha polémica deste tipo, e a única diferenza entre entón é agora, é que nos non estamos no goberno.
